Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



xoves, 9 de xuño de 2016

Balda de Libros (XLIX): Chamádeme Simbad, de Francisco Castro



Gustoume moito o libro. Gustoume sobre todo porque aínda que sexa algo ficticio reflicte a realidade á hora de que queren meter ao avó nunha residencia e que non o ían ir visitar porque iso pasa moito. 

O mellor momento, para min, foi cando Paulo foi á taberna do pirata e se atopou co avó e co tío Bernardino, aínda que tamén foi o momento que máis me sorprendeu, non esperaba que aparecese. 

O final gustoume aínda que podía acabar aínda mellor. Por exemplo, que o avó fose vivir con Paulo e seus pais outra vez e que seu pai deixara o teléfono. Cambiaría o comportamento do pai, paréceme moi borde e máis centrado no traballo que na súa familia, cousa que tamén pasa na realidade, pero tampouco me parece nin medio normal que se comporte así. 

Foi fácil de ler e de entender. Eu recomendaríalla a persoas ás que lles gusten os libros divertidos e fáciles de ler.

Laura Martínez Calvo (3º ESO)

Este  libro gustoume moito debido á ambientación da historia e a realidade fala dos personaxes protagonistas e a interacción entre eles. O único motivo polo que non me gustou sería debido a que só ten 150 páxinas, para min o autor podería realizar outro epílogo dentro duns anos de como sería a relación entre os personaxes, se sería a mesma ou cambiaría. 

O personaxe que máis se parece a min sería Paolo, debido a que é un rapaz pequeno pero que pode ser moi maduro en temas importantes. 

O final é axeitado debido a que todos saen gañando pero sobre todo o principal afectado da historia, o avó.

O vocabulario é básico e fácil de entender o libro agás algunhas palabras sacadas facilmente polo contexto. 

O libro recomendaríallo ás persoas que teñen avós na casa porque eles son fontes de sabedoría, que grazas a eles esta cultura é así de inmensa pero se non se aproveita o noso patrimonio perderase.

Yago Rey Viqueira (3º ESO)

Balda de Libros (XLVIII): O gardián invisible, de Dolores Redondo


O gardián invisibleDolores Redondo. Xerais

Gustoume o libro bastante. A min este tipo de libros non me gustan moito, pero o crime e o misterio desta obra chamou moito a miña atención. En todo momento, dubidas de quen pode ser o asasino. Pero, a min, Victor parecíame o modelo de asasino en serie.

O final é moi aberto, pero gústame que o deixara así. É o tipo de final que che fai querer saber como acaba todo, ler os seguintes libros. É unha boa forma de chamar ao público.

Creo que todo o envoltorio da historia está moi ben feito. A autora tivo que documentarse bastante para facer este libro, algo que se nota moi ben. Todo está moi ben descrito e creo que é algo moi positivo para unha escritora. A autora parece ter a habilidade de saber describir ao detalle, algo que me parece moi importante para este tipo de libros.

Faiche ler sen decatarte do paso do tempo, porque en todo momento tes que seguir lendo para saber máis. É verdade que hai momentos en que te perdes con tanta información, pero está todo moi ben escrito e non creo que haxa ningún problema para lelo.

Recomendo este libro porque penso que lle pode gustar a moita xente. Sobre todo a aquelas persoas que teñan a mente psicópata. Creo que lle pode gustar moito á xuventude de agora.

Está moi ben!

Irene Noya González (3º ESO)


Encantoume. Pareceume un gran libro que engancha moito porque ao ser un libro de misterio que ten mortes polo medio, desde o comezo da historia queres saber quen é o asasino. E a medida que a historia avanza, as túas opinións sobre os personaxes van mudando. Quero ler xa os outros dous para saber como continúa esta historia. Sen dúbida algunha xa forma parte dos meus libros favoritos.

Para min o momento máis importante do libro é cando Amaia se atopa co Basajaun no bosque xa que el, é dalgunha maneira o protagonista de toda a triloxía.

O final foi algo que verdadeiramente non me esperaba. Nunca sospeitei de Víctor. Nin del nin de James. Ao longo de toda a historia sempre estás pensando sobre quen pode ser o asasino, sospeitas de alguén todo o tempo, pero ao final resulta ser o que menos te esperas Nese momento todo pasa moi rápido pero á vez lento, porque non sabes que é o asasino ata que o di.

Penso que para escribir un libro como este hai que ter unha gran mente, sobre todo unha parte psicópata para describir uns escenarios do crime tan polo miúdo.

Nerea Portos Balsa (3º ESO)

Para min o mellor momento desta historia, aínda que non o teña moi claro, porque hai máis que un, creo que foi cando Amaia tivo que interrogar á súa irmá Flora e o peor momento para o meu gusto foi cando apareceu o cadáver de Fredi colgado. 

O tema deste libro está moi ben escollido, e ademais é moi intrigante ao longo de toda a historia. Sobre todo por a forma en que o asasino deixa a todos os cadáveres, xa que é unha forma un tanto peculiar. 

O desenvolvemento tamén está bastante ben, a pesar do largo que é o libro, xa que non se fai demasiado pesado. 

O final do libro non estivo mal, pero eu preferiría un final do estilo que eu propuxen no meu final inventado, porque me parece máis bonito e entretido. 

E coa lingua que usaron para este relato non hai problemas, xa que é un léxico que non ten dificultade algunha, e é perfectamente entendible.

Adrián Brea Martínez (3º ESO)

mércores, 8 de xuño de 2016

Balda de Libros (XLVII): Cartas a Lelo, de Xosé Neira Vilas


Cartas a Lelo. Xosé Neira Vilas. Galaxia

Pareceume interesante este libro, á parte de que quería saber o que ía a ocorrer ao final porque cada vez ían pasando cousas máis relevantes como por exemplo cando Tamboril e mais a súa pandilla ían facer unha pelexa nun barrio pechado contra os de Viralonga na cal ao final gaña o equipo de Tamboril. 

A parte que máis me gustou a min foi cando a Toño se lle ocorrera unha idea para comunicarse entre si e a idea era boa xa que eles non se podían comunicar coma nós agora polo Whatssap e ademais non tiñan móbiles, por iso ocorréuselle comunicarse por cartas co seu mellor amigo que era Lelo. Polo demais eu non lle cambiaría ningunha parte ao libro porque está ben.

A min este libro pareceume fácil de entender porque ten unha linguaxe sinxela, menos algunhas palabras que non se entenden moi ben pero pódense sacar o significado polo contexto. 

A miña opinión sobre este libro é que se lle podería recomendar a rapaces ou rapazas que lles gustaran historias sobre persoas que lles mandan cartas a outras.

Alejandro Vásquez Fernández (3º ESO)

Balda de Libros (XLVI): Poderosa, 2, de Sérgio Klein


Poderosa, 2. Sérgio Klein. Xerais

Penso que este é un bo libro xa que amosa como as persoas maiores poden ter unha vida totalmente plena ao igual que o resto das persoas nun sentido romántico, namórandose.

Para min o mellor momento é cando, xa ao final do libro, os catro homes máis importantes nesta historia, o pai de Joana, Joao, Henrique e Apolo, lle cantan unha sereata escrita por Henrique a Nina.

Non cambiaría o final deste libro, xa que na miña opinión acaba dunha boa maneira, pero si que cambiaría unha parte do desenvolvemento: cando secuestran a Joana e a Joao , esta é ainda unha vella de 70 anos. Eu penso que sería mellor que se convertese nunha rapaza de 13 anos nalgún momento anterior.

Na miña opinión este é un libro que mantén a tensión ata o final ,e é un pouco máis emocionante que a primeira entrega desta saga (Poderosa 1).

Gustoume moito e espero que axiña poida ler o tercero libro. Eu recomendaríalle este libro ás persoas abertas de mente.

Olaya Dubra Boquete (3º ESO)

martes, 7 de xuño de 2016

Balda de Libros (XLV): Camiños sen fin, de Pablo Antón Marín Estrada



Este libro gustoume bastante, ainda que ao principio non me convenceu moito porque o tema que trataba non era do meu gusto. Sen dúbida é un gran libro por parte do seu autor Pablo Anton Marín Estrada. 

Desenvólvese a trama principalmente no mar, pero a maior parte da narración do propio protagonista sobre os seus sentimentos, emocións, recordos… desenvólvense antes de embarcar en terra firme. 

Para min o mellor momento foi cando Pedro saiu por primeira vez ao mar porque reflectía bastante ben o seu entusiasmo pero ao mesmo tempo a desesperación dun traballo coma a pesca de baixura.

O principal cambio e penso que máis importante é o final xa que me pareceu bastante triste e para un libro coma este sería necesario un final máis bonito coma que se volve atopar con Sara e casan ou algo así. 

Ten un vocabulario medianamente difícil porque mestura moitos alcumes, nomes e vulgarismos. 

Martín González Castro (3º de ESO)

venres, 3 de xuño de 2016

Balda de Libros (XLIV): Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro



Este obra de teatro gustoume moito porque a historia que conta é moi entretida, e os personaxes, na miña opinión, son os xustos para comprender ben unha historia e que sexa boa, nin sobran, nin faltan.

A parte que máis me gustou foi o final, porque Rosiña, a máis nova é a que menos se enteraba da historia, grazas á axuda da tía Rosa consegue quedarse coa herdanza, non morrer e conseguir noivo.

Os personaxes que máis me gustaron foron Rosiña e a tía Rosa, xa que son as que conseguen os seus obxectivos aínda sendo as que menos se entraban. No caso da tía Rosa, a vinganza por matala e no caso de Rosiña sobrevivir aos seus curmáns, xa que a querían matar para repartirse a herdanza entre os dous e esquecerse de Rosiña.

Recoméndolle ler este libro a todos, xa que é doado de ler, a historia é entretida e consegue que as gañas que tes de lelo aumenten pouco a pouco ata engancharte por completo.

José Barreiro Hernández (4º ESO)

Gustoume moito porque é un libro moi interesante e entretido e fácil de ler, cunha linguaxe moi coloquial e  moito humor, á parte de que o seu autor é Suso de Toro, un escritor que ten libros moi bos. 
A miña escena favorita é cando entra Borja e están seus pais e seu pai fálalle moi moderno como el di e só sabe dicir catro palabras. Non é das escenas máis importantes pero si das máis divertidas, xa que me fan graza os diálogos que manteñen os dous nos que case non saben facer unha frase. 
Eliminaría a escena na que están preparando a festa porque é unha parte bastante aburrida e sen ningunha graza. 
O único cambio que faría dos personaxes da obra, sería darlle un pouco máis de importancia e protagonismo a Borja porque me fai graza como fala. 
Este libro recoméndollo a todos porque é unha obra que pode entender calquera, é moi entretida e acabase de ler moi rápido.

Alicia Guillín Casal (4º ESO)

mércores, 1 de xuño de 2016

Remataremos o curso con aires de literatura e hip hop

O mestre e músico Narci Rodríguez virá visitarnos o vindeiro Xoves 9 de xuño para impartir un obradoiro de beat boxing en 1º e 2º de ESO. 

 E iso que é? 

 O beat boxing é un estilo musical, moi conectado coa cultura hip hop, baseado na habilidade de producir beats coa boca. Pode incluir tamén canto, a simulación do vento e de instrumentos musicais.

 En 1º de ESO ademais do obradoiro, gravaremos a ritmo de hip hop unha composición poética que titulamos Romancerrap de 1º de ESO e que escribimos nas aulas de Lingua e literatura castelá.

Podemos ver e escoitar a Narci nunha das súas últimas gravacións, poñendo a guitarra, e a voz, en amplo rexistro para producir diversos efectos vocais,  acompañando a Nastasia Zürcher nun dos temas do seu disco. 











martes, 31 de maio de 2016

"Unha nova Supermuller", por Anabel Dafonte


E velaquí a narración "Unha nova Supermuller" de Anabel Dafonte Iglesias que foi premiada no XI Certame de Narración Curta Concello de Curtis.

UNHA NOVA SUPERMULLER

Érase unha vez un país chamado as Mil Fantasías no que vivían todos superheroes e seres fantásticos que nós no día a día vemos nas películas. O que pasa é que ninguén cre que estes seres existan porque nunca os viron en persoa, pero hoxe ides saber o lugar no que viven e ademais ides descubrir que hai moitos superheroes que non oirades falar deles nunca.

No país das Mil Fantasías viven Batman, Superman, Spiderman... e moitos máis. Cada un ten a súa casa e a súa vida, cada un polo seu lado, menos cando teñen que facer algo para salvar o seu país.

Un día chegoulles unha carta ao parlamento das Mil Fantasías informando que o seu país ía ser destruído. Entón o presidente reuniu a todos os superheroes e díxolles o que ocorría. Todos os que estaban alí quedaron pasmados co que estaba a ocorrer e pedíronlle ao presidente que buscara a alguén que lles axudase. Así que o presidente convocou a unha das mellores superheroínas da universidade de Superheroes ao ataque, onde se preparaban todos os novos superheroes. Esta rapaza era a salvación do seu país así que o presidente decidiu mandarlle unha carta dicindo:

Querida Chloe:
Esta carta vai dirixida a vostede coa esperanza de que poidas salvar o noso país que está en perigo así que eu, o Presidente, pidolle a vostede Chloe, que pense un nome para poñerlle no seu diploma oficial de superheroina.
                                                                          Att: Señor Presidente.

Chloe ao recibir a carta quedou patidifusa e accedeu despois de pensalo coidadosamente. Ao seguinte día chamou ao alcalde e confirmou que ía ir ao parlamento para negociar sobre o seu nome de superheroína. Ao chegar estaban todos ao redor da mesa e comezou a falar o presidente:

-        - Moi bos días a todos, hoxe imos proceder á decisión do nome da nosa nova compañeira  porque claro está que unha superheroína non pode estar sen o seu nome especial polo que ser coñecida.

-        -  Estou de acordo.- dixo Catwoman

Chloe tiña a capacidade de dar cor ao mundo. Ela convertía as nubes negras en rosadas, as armas en rosas e os insultos en poemas de amor.

Superman, que ultimamente estaba moi creativo, propuxo un nome totalmente ridículo.

- Que tal friquiwoman? Ha ha ha.- burlouse el-        

- Pois... eu tiña pensado un nome que me podería quedar ben, como xa sabedes eu son a que loita contra as guerras e as tormentas.

-          - Ti polo que loitas é pola cor rosa non por outra cousa. Igual ca esta lambona que non fai nada e aínda así ten por nome Catwoman. Así que, señor presidente, eu propoño buscar a un home feito e dereito para loitar como é debido porque o que estamos aquí a demostrar é que calquera pode ser superheroe e eu penso que non é así.- dixo Batman interrompendo.

-          - Calade todos! Temos que ser pacíficos ou senón vannos derrotar antes de empezar. Así que Chloe por favor continúa.

-          - Pois gustaríame chamarme Pazwoman xa que polo que loito é a paz.

-          - A min gústame.- afirmou Catwoman.

Todos os homes estaban en desacordo, a pesar de ser superheroes e loitar contra o mal era un país cheo de machismo.

-         -  Paréceme ben. Xa tes nome agora firma e imos falar do plan de defensa.

Despois de firmar comezaron a falar do plan de defensa.

-       - Eu como presidente penso que debemos poñer todo o noso empeño en acabar con eses seres malvados que nos queren destruír. Así que alguén ten algo pensado.

-          - Si... eu algo si que pensei. - dixo Chloe con desconfianza e medo.

-          - Ti que vas pensar se só serves para cociñar, limpar e pouco máis.- volveu interromper Batman.

-     - Queres deixar o machismo de lado dunha vez, non ves que quizais ela teña un plan xenial.- defendeuna Catwoman.

-          - Ben, eu dicía que podemos poñer neste mapa que trouxen todos os puntos nos que hai máis perigo que se nos entren.

Procederon a colocar todos os puntos, nos que se tiñan que colocar, no mapa.

Algún máis contentos ca outros.

O enfrontamento estaba planificado para dentro de dúas semanas pero adiantouse un pouco e tiveron que protexerse como puideron. A guerra comezou nese instante, Spiderman púxose diante e encheu de teas de araña a un dos atacantes. Iso xa non era un equipo, iso era unha loita entre membros do mesmo equipo. Chloe non se rendeu e fixo o que se propoñía. Así foi como ela salvou o seu país sen facerlle dano a ninguén.

Chloe, despois de que o presidente a considerase a que mellor exemplo deu aos estudantes, tivo que dar un discurso que foi o seguinte:

-          Hoxe foi un día moi importante e alegre porque conseguimos acabar co mal sen recorrer á violencia cousa que ten o seu mérito, pero isto só foi unha das cousas que vos demostrei. A outra é algo que en moitos lugares está presente que é o machismo, todos os heroes dubidaban de min tan só por ser muller e agora demostreille que son tan forte coma eles. Desde aquí quero mandarlles a todas as mulleres unha mensaxe, a mensaxe é que nunca  deixedes que vos menosprecen por ser mulleres e que todos temos os mesmos dereitos.


Este discurso conmoveu a miles de persoas e Chloe foi nomeada Supermuller pola Unión dos Xéneros, que era una asociación que loitaban pola igualdade entre homes e mulleres.

Anabel Dafonte gañadora na categoría A do XI Premio Narración Curta Concello de Curtis


O pasado venres soubemos que Anabel Dafonte Iglesias (2º ESO) foi a gañadora na categoría A (Dos 12 aos 18 anos) do XI Premio Narración CurtaConcello de Curtis, que nesta edición tiña por tema “Supermulleres e Superheroínas”. Polo seu relato titulado “Unha nova Supermuller” recibirá un premio en metálico de 200 euros, cuxa entrega será o vindeiro 10 de xuño.

A participación no certame foi moi alta e desde o CPIViaño Pequeño enviamos una ducia de narracións, así que lle damos os parabéns ao alumnado que se animou a participar e de maneira moi especial a Anabel Dafonte Iglesias polo seu galardón.

No sitio web do Concello de Curtis sinálase que:

Máis dun centenar de obras presentáronse este ano ao Premio Narración Curta Concello de Curtis, creado hai once anos co fin de promocionar as letras galegas. Nesta XI edición, dedicada ás ‘Supermulleres e Superheroínas’ o número de traballos presentados supuxo un 'récord' de participación.

O fallo do galardón e a entrega de premios terá lugar nunha cerimonia que se celebrará o próximo 10 de xuño.

O premio, de carácter temático, quixo este ano pór o acento nas capacidades das mulleres convidando aos participantes a escribir ben sobre algunha coñecida, da súa contorna ou non, que destaque polo seu traballo, valores, aptitudes ou accións, que sexa exemplo de loita ou superación, ou ben a través dun relato no que o autor cre a que sería a súa propia heroína.

Para poder concursar, os traballos debían estar escritos en galego, ser orixinais, inéditos e non ter sido premiados en ningún outro certame.

E aquí a resolución do xurado:
O Concello de Curtis entregará o día 10 de xuño os premios do XI Certame de Narración Curta, que este ano centrou a súa temática nas ‘Supermulleres e Superheroínas’ como unha homenaxe e unha chamada de atención sobre todas esas mulleres que destacan pola súa labor, valores, aptitudes ou accións, xa fosen personaxes reais ou imaxinarias. O galardón foi creado hai once anos para promocionar as letras galegas.
O xurado fallou xa os premios nunha deliberación difícil tanto pola calidade dos traballos como polo número xa que os máis dun centenar de relatos presentados supuxeron un récord de participación. Das obras, destaca que a gran maioría están baseadas en mulleres reais, tanto na categoría de adulto coma na da xente máis nova. Gran parte dos relatos versan sobre as loitas e esforzos de nais e avoas.
Os gañadores este ano foron:
Categoría A, de 12 a 18 anos:
o    Primeiro premio (200 €): ‘Unha nova supermuller’, de Anabel Dafonte Iglesias, do CPI Viaño Pequeno (Trazo, 2002).
o    Segundo premio (100€): ‘Bronce e pedra’, Amaia Tomé Tomé, do IES Francisco Aguiar (Betanzos, 1999).
Categoría B, a partir de 19 anos:
o    Primeiro premio (350 €): ‘ A parte polo todo’, de Paula Xirasola (Vigo, 1985).
o    Segundo premio (150€): ‘Engurras de aceiro’, de Ricardo Cid Paz (Ourense, 1974).
O xurado estivo formado por:
o    Manuel Rico Verea, lingüista, músico e musicólogo.
o    Eva Lens, bibliotecaria do Concello da Coruña.
o    Lara Dopazo Ruibal, xornalista, poeta, e gañadora na anterior edición deste certame.

xoves, 19 de maio de 2016

Balda de Libros (XLIII): A sorte de espertar, de Xabier Alcalde.



O momento que máis  me gustou deste libro foi a festa dos curmáns de Aurora. Tamén me gustou moito que Aurora buscase amigos, non só por ser intelixentes como ela, senón por ser boas persoas, e que ela e Lidia fixeran unha boa amizade. Outra cousa que me gustou foi que Lidia fose capaz de se enfrontar a seu pai.

Os personaxes que máis me gustaron foron Aurora e Lidia, unha polo feito de ser protagonistas deste libro, e outra porque fixeron unha moi boa amizade en tan pouco tempo, tamén que ao final desta narración fosen quen de contar o que lles pasaba unha a outra. 

Este libro é divertido, aínda que ao principio a min pareceume un pouco aburrido, xa que non hai ningún diálogo. Polo resto o libro gustoume moito, aínda que se eu fose a autora do libro cambiaría a final, para que as dúas rapazas non se tiveran que separar e non ter que romper a súa  gran amizade. 

Eu recomendaría este libro a adolescentes, xa que se reflicte o importante que é axudar a unha persoa, cando está  débil, xa que é cando máis o necesita. Aos adolescentes este libro eu penso que lles vai gustar moito.

Nerea González López (3º ESO)


Paréceme un bo libro, xa que é fácil de entender e porque trata dun tema moi importante ao longo da historia: o camiño polo que te poden levar as amizades que escollas.  

O mellor momento do libro paréceme que foi cando Lidia e os seus pais aceptan o futuro de Lidia e deciden apoiala en non seguir estudando. O final non me gustou moito, xa que as dúas amigas sepáranse e a súa amizade que na miña opinión era única acábase nun momento para sempre. Eu cambiaríao por un no que Lidia e Aurora se seguisen apoiando toda a vida e que a súa relación durase para sempre. 

En canto ao desenvolvemento non faría ningún cambio. Gustaríme que houbese unha segunda parte desta historia para poder ver como lle foi a vida ás dúas protagonistas e comprobar se Aurora tivo todo o éxito profesional polo que estivo traballando.

Recomendaríalle este libro ás persoas ás que lles gusten os libro sen demasiada acción, nas que se reflexiona bastante.

Olaya Dubra Boquete (3º ESO)


A parte que máis me gustou foi cando a Aurora se lle ocorrera axudar a estudar a Lidia para setembro sobre os temas que tiña que recuperar porque á parte de que eran moi boas amigas lle daba pena que repetise. Entón ela fixo un gran esforzo e axudouna e ao final aprobara e cando chegou a onde ela deulle  un abrazo moi forte e díxolle a Aurora que lle debía unha porque se perdera todo o verán, Ademais gustoume esa parte porque foi un gran detalle pola súa parte, pòis as materias que máis lle custaban eran as Matemáticas, Sociais, Castelán e Bioloxía. 

A min este libro pareceume moi bo e á parte tamén moi interesante, fácil de comprender excepto algunhas palabras que eran moi complicadas pero que se podían sacar polo significado do contexto.

Eu non faría ningún  cambio porque me pareceu boa a narración e a miña opinión sobre este libro é que se lle podería recomendar a rapaces ou rapazas aos que lles gusten ler libros sobre os temas da escola.

Alejandro Vásquez Fernández (3º ESO)

Balda de Libros (XLII): Dragal II. A Metamorfose do Dragón, de Elena Gallego Abad



Este libro encantoume! Creo que me gustou máis ca o primeiro, que xa é dicir, porque o primeiro gustoume moitísimo. A saga Dragal, creo que se pode incluír nos meus libros favoritos.

Era case imposible interromper a lectura, xa que era como se o libro me chamara e me dixera que acabara a lectura. O libro engancha moito, porque a trama do libro é moi interesante. Hai que ter moita imaxinación para inventar un dragón como é o deste libro. E inventarlle a historia á Fraternidade...  creo que pode ser o máis complexo de inventar deste libro. Pero a autora conseguiu que todo conectara moi ben. Mellor do que eu cría!

Coma no anterior, o final aberto deixoume feita un lío. Non se fai iso, muller! Deixoume en tensión por saber o que acontecera con eles. Pero, na miña opinión, creo que o fixo moi ben. Non como noutros libros con final aberto que te deixan mal. Este libro fai moi ben o final aberto. E cada libro conecta con seguinte dunha maneira moi especial.

Durante toda a lectura experimentei moita inquietude. É como se todo o que envolve a Dragal, sexa unha escura brétema. Como se che deran calafríos.

Pese ao final aberto, demasiado aberto creo eu, o libro encantoume moito.

A forma de contar todo o que pasa, de describir cada detalle do dragón, é moi boa. A escritora fai que queiras devorar o libro e que continúes co seguinte.

A parte do dragón é xenial. A min encántame a fantasía e creo que Dragal é moi peculiar. Os seus poderes son moi interesantes. Quen me dera telos e usalos como eu quixera!

Recoméndolle este libro a quen lle guste a fantasía. Porque aos amantes deste campo, non os vai decepcionar. Creo que supera con creces o primeiro libro.

Está xenial!

Irene Noya González (3º ESO)

O momento que máis me gustou deste segundo libro de Dragal foi cando souben que Hadrián se estaba recuperando moi rápido, e que volvería a ser case normal. Tamén me alegrou saber que atoparan a Hadrián, pero o adolescente non estaba moi ben. Outra cousa que me gustou moito deste libro foi que Mónica non se separase en ningún momento do seu mellor amigo, e Hadrián puido confiar plenamente nela, porque non lle contaría a ninguén o seu segredo. 

A parte que menos me gustou foi cando o doutor lle ten que contar á nai de Hadrián, que este non ten moitas esperanzas de que sobreviva. 

Os personaxes que me parecen mellores son Hadrián e Mónica, non só polo feito de ser os protagonistas, senón porque son moi bos amigos e souberon coordinarse moi ben, durante todo o que pasaron xuntos. En cambio o personaxe que menos me gusta é Brais porque non puido aceptar que os seus compañeiros non lle fixeran caso, ademáis tiña moita envexa de Hadrián. Por iso o rapaz decidiu queimar a igrexa, pero eu penso que vai pagar polo que fixo.

Este segundo libro gustoume moito, igual que o primeiro. Xa que é moi entretido, tamén está cheo de misterio e tamén un pouco de intriga, porque acabas de ler un capítulo e tes moita curiosidade por ler o seguinte ata que se acaba o libro. Ademais ten un vocabulario moi sinxelo. 

Eu recomendaría este segundo libro de Dragal aos adolescentes que lles gusten as historias dos dragóns e a fantasía, que este vai ser o seu libro.  

Nerea González López (3º ESO)

xoves, 12 de maio de 2016

Rap das Letras Galegas: "Cando fales galego, que sexa ao pé dun rego"



Velaquí o divertido Rap das Letras Galegas, "Cando fales galego, que sexa ao pé dun rego", cantado e composto polos alumnos e alumnas do IES Fonmiñá (A Pastoriza), baixo a dirección da profesora Belén Martín Franco.

E que ben soa e que ben feitiña está a letra!

Telexornal Manuel María, elaborado no CPI dos Dices (Rois)





Excelente este informativo monográfico sobre Manuel María, o escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas, que foi elaborado no CPI dos Dices-Rois e que visionamos nas aulas de Lingua e Literatura. Con formato de telexornal realizaron un percorrido ameno e didáctico pola biografía e pola obra de Manuel María, con entrevistas a escritores/as, profesores/as de literatura e músicos/as.

Os nosos parabéns ao profesor Luís Gómez Aldegunde e ao seu alumnado do CPI dos Dices por este traballo, que vén de recibir o premio de curtametraxes “Rosalíade Castro”, que convocou a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG).