Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



venres, 29 de xaneiro de 2016

"El Pantano de las Mariposas", de Federico Axat

Que non decidan por ti










Gústanos moito a idea do cartaz de Iván Rodríguez Paredes de 4ºde ESO que amosa a el cun mando a distancia e a ela coma un robot que obedece. Esta obediencia, esta sumisión, non sempre é percibida como tal por ela. 

Podes pinchar aquí para saber máis e aprender a identificar a primeiras sinais de alarma.

xoves, 28 de xaneiro de 2016

Todos os días contra a violencia machista

Tremendo este vídeo no que vemos como funcionan algunhas relacións entre adolescentes. É un dos vídeos presentado ao concurso do INJUVE " De joven a joven por la salud integral a través del arte y la cultura". Sobran as palabras. 

Acompañámolo con outro dos cartaces  que estamos a presentar estes días, elaborados polo alumnado de Plástica de 4º de ESO. O cartaz é un traballo de Daniel Castro Álvarez.






mércores, 27 de xaneiro de 2016

"El guardián invisible" de Dolores Redondo





Aquí andamos á procura de novas lecturas para os membros do club de 3º de ESO. Esta podería ser unha das opcións. Misterio con algo de realidad e algo de fantasía, una combinación difícil, pero que resolve a gusto de todos e todas. E algo que resolve tamén a favor de todos e todas, está traducida ao galego.

Contra a violencia machista: a educación continúa

Sabedes que unha das nosas teimas é educar na prevención da violencia dentro da parella. Moitas adolescentes sofren acoso psicolóxico, físico ou sexual, moitas veces sen indentificar tal acoso. O alumnado de 4º de ESO realizou na clase de Plástica algúns cartaces con intención de facer reflexionar sobre o tema.

Este é o traballo realizado por Sergio Arias García



mércores, 20 de xaneiro de 2016

Medo en 3º de ESO

Relato destacadísimo do concurso organizado polo Día das bibliotecas no mes de Outubro. Todos e todas que lemos este relato consideramos que é unha magnífica creación.

Unha noite na biblioteca de Lucas Paz González de 3º de ESO


Que ocorrería se todas esas historias que nos contan para asustarnos e que á noite teñamos pesadelos, fosen certas? Quizais a máis de un o terían que internar nun hospital psiquiátrico, quizais eu estea escribindo esta historia dende un, quizais esta historia chegue a ti, nese caso, tes que crerme, eu non fun, el estaba alí, el fixoo todo, el…

Todo comezou xusto antes de acabar o curso, cando estabamos cos exames finais, algúns compañeiros e eu, tiñamos un grupo de estudo. Aquela semana tiñamos un lote de exames, polo que decidimos quedar o sábado á tarde na biblioteca para estudar. A biblioteca case sempre estaba baleira, xa que o resto de estudantes preferían ir á da universidade. Pero así era mellor, ninguén nos molestaría, ademais, coñeciamos ao bibliotecario de sempre e non tiña ningún problema en deixarnos a chave para que quedásemos ata máis tarde para estudar.
Chegou o sábado, collín os libros, os cadernos, os apuntamentos e algo para cear, xa que iamos pasar alí a tarde e boa parte da noite, e fun. Ao chegar xa me estaban os demais. Comigo, formábamos un grupo de cinco persoas, cinco amigos da infancia, que dende sempre estudaron xuntos.
Estivemos a estudar toda a tarde, despois paramos para cear, e cando rematamos seguimos estudando. O bibliotecario deixounos as chaves na mesa e apagou as luces, deixando só unhas cantas para que nós vísemos.
Xa eran preto das doce cando o escoitei, agora que o penso, aquel foi o primeiro aviso, seguramente daquela aínda podíamos ter escapado, pero naquel momento non o pensei moito. Eran preto das doce, como dicía, cando vin unha sombra pasar polo cristal da porta, pensei que se trataba do persoal de limpeza e non lle dei importancia.
Cando o reloxo vello da biblioteca deu as doce, ocorreu o segundo incidente. De súpeto, foise a luz. Cando volveu despois duns instantes, só eramos catro na mesa. e dixen o segundo incidente coma se fose pouco importante, pero foi este o que desencadeou todo o que ocorreu despois.
Chamamos polo que faltaba ata que nos demos conta de que na súa cadeira había unha nota, escrita cunha letra case ilexible, supoño que polo pouco tempo que tivo. A nota dicía: “Non o busquedes, non o chamedes, se queredes vivir, simplemente ídevos e esquecédeo, el non tiña familia, ninguén se preocupará”.
Pero claro, pensamos que era unha broma del, que sempre fora moi dado ao humor negro e pensamos que en calquera momento volvería. Ese foi o noso erro, o que pagaríamos coas nosas vidas.
Cando o reloxo deu as doce e media, a luz volveuse a ir, e cando volveu, éramos tres na mesa. Entón si que nos asustamos, levantámonos e puxémonos a buscar polos outros dous. Un de nós, non lembro agora quen, tivo a gran idea de separarnos para abarcar máis terreo, outro gran erro, se algo nos ensinan as películas de terror é que nunca hai que separarse, pero a nós non nos gustaban as películas de terror…
A biblioteca era grande, pero aínda así, o berro que botou un dos meus amigos, poderíao escoitar aínda que estivese na outra punta do mundo. Botei a correr cara o lugar de onde saíra e, ao chegar alí atopeime cos outros dous, que estaban mirando un vulto inerte que se atopaba no chan. Aquel vulto era o primeiro compañeiro que desaparecera, cunha gran ferida no peito, enriba da cara tiña outra nota, que, escrita coa mesma letra, dicía: “Aviseivos e non me fixestes caso, agora, todos sufriredes as consecuencias”. Botamos a correr cara á porta de saída, pero estaba pechada, así que fomos ata a mesa a polas chaves, pero non estaban. Buscamos arredor da mesa por se caeran ao chan, pero desapareceran e, agora estabamos encerrados.
Atrapados, aterrorizados e indefensos, ameazados por unha forza, un ser, algo que descoñecíamos. Algo que calquera pensaría que só pode pasar nas películas, estábanos a ocorrer a nós, un grupo de rapaces que nunca fixeran nada para sobresaír dunha multitude de xente cunha rutina,que nunca pensaran que cousas coma estas puideran pasar na vida real.
Sentamos no chan, sen poder facer nada, desexando que todo fose un pesadelo deses nos que te levantas entre suores frías, pero nin nos nosos peores pesadelos se nos presentaría unha situación así.
Estabamos alí sentados cando vin, entre as estanterías, unha figura, era alta, escura, pero houbo algo que me chamou a atención, e foron os seus ollos, que me hipnotizaban e me paralizaban, mentres que se ía acercando a nós. Libereime daquela mirada e avisei aos outros. Botamos a correr en direccións distintas, aínda que non nos serviría de moito, xa que non tiñamos ningunha saída, nin forma de avisar para que nos viñesen socorrer. Corrín ata unha esquina e senteime, facéndome un vulto na escuridade, pensando que así non me podería ver. Un anaco despois escoitei uns pasos apresurados polo corredor do lado, era un dos meus compañeiros correndo, escapando da morte, ou polo menos intentámdoo. Despois diso non volvín a escoitar nada máis ata un bo anaco despois. Ata que escoitei o segundo berro da noite, un berro que se foi apagando ata quedar en nada. Foi entón cando souben que so quedabamos dous.
Funme achegando pouco a pouco á zona das mesas por se estaba alí o outro, cando xa case podía chegar ata as cadeiras, vin pasar ao meu amigo ao outro lado das mesas, correndo cara min, pero aquela figura era máis rápida, abalanzouse sobre el tirándoo ao chan, onde non puiden ver o que ocorría. O meu amigo logrou levantarse, pero o outro tirouno contra unha mesa, rompéndoa, e acabando así, co meu compañeiro. Arqueou entón o lombo cara atrás nun ángulo imposible e, mirando cara o teito, soltou un berro que fixo espertar en min unha sensación de terror que nunca antes sentira. Era unha sensación que se apoderaba de min, nun instinto primitivo pola supervivencia, facendo que botara a correr, o que fixo que a figura me seguise. Non sei como, acabei xunto ao meu amigo, ao lado da mesa esnaquizada. A figura achegouse a min, que xa non podía máis e comezou a rir, aquela risa fixo que un arrepío percorrese o meu lombo. Achegouse a min, mentres que eu me alonxaba pouco a pouco, pero tropecei coa perna do meu compañeiro e caín. Foi nese momento cando a figura aproveitou para abalanzarse sobre min, e eu, non sei como, agarrei un anaco de madeira e cuns reflexos que aínda nunca tivera, espeteillo no peito, atravesándoo e enchéndome eu de sangue, el berrou, cun sufrimento inimaxinable, e tan alto que fixo que se rompesen as ventás e saltase a alarma, despois do cal desapareceu, coma se nunca existira, deixándome so e cheo de sangue, agora ríame eu, cunha risa histérica, estiven rindo ata que chegou a policía, que me atopou sentado no chan, ríndome coma se estivese posuído, cheo de sangue e co meu compañeiro ao lado, cunha ferida no peito, morto.
Como podes supoñer pensaron que fora eu e ingresáronme onde agora estou. Aínda que agora, un ano despois, sigo a escoitar o berro que botou aquel ser. Ninguén me cre, a policía di que atopou as miñas pegadas en todos os cadáveres, o primeiro en desaparecer, atopárono colgado do teito, como puiden facer eu iso? Non, eu non fun, tes que crerme, sácame de aquí, el está vindo, síntoo cada vez máis cerca, por favor, creme, sácame de aquí, EU NON FUN! FOI EL,CREME E VÉN POR MIN! Suplícocho...

luns, 18 de xaneiro de 2016

Máis relatos curiosos sobre libros e bibliotecas en 2º de ESO

Seguimos a compartir relatos destacados do concurso do trimestre pasado. 

Anabel Dafonte Iglesias de 2º de ESO, conquistounos co seu relato A maxia dos libros.


Hoxe a 8 de decembro do 2034 vouvos a contar unha historia. 

Fai moitos anos atrás, no colexio de Trazo, un profesor de lingua galega enfadouse cos seus alumnos, pero non foi un enfado coma os de sempre, ese enfado fixo historia. A historia comeza así:


O profesor chegou á clase de 2º da ESO, e algúns alumnos estaban berrando, outros tirados polo chan e  ata enriba das mesas. Como o profesor xa estaba farto deses escándalos, decidiu facerlle unha proposta, que foi a seguinte:

Se eles eran  capaces de aguantar, sen ningún tipo de tecnoloxía durante tres semanas, aprobarían a materia senón suspenderían.

Cando llo propuxo todos se riron:

- Claro e como nos vai controlar? 

 Preguntábanse algúns.

-Pois moi fácil, imos ir a unha illa moi coñecida pero moi puoco visitada, alí non hai hoteis nin sequera hai liña telefónica. 

A todos lles pareceu ben, xa que ían ir de vacacións a unha illa. O profesor puxo data e hora para a saída. 

Cando chegou o día  todos estaban alí preparados para a saída,  e alá foron. Colleron, primeiro o bus e despois o avión. 

Cando o avión engalou, decatáronse de que só ían eles nese avión. Por qué sería? Carlos, un dos alumnos moi atrevido, preguntoulle ao profesor:

- Por que estamos nós  sós neste avión?

-Non te preocupes, ti só déixate levar pola imaxinación.

Carlos pensou que o profesor estaba un pouco raro.
Nese instante o profesor soltou unha risa maliciosa. E ordeou:

-Poñede os paracaídas, dunha vez.

Uns minutos despois o profesor rompeu o silencio:

- De verdade pensabades que ía quedar con vós? Pois pensastes mal. Ha ha ha.


De  repente abriuse coma  unha porta por  debaixo do avión e caeron no medio das árbores da famosa illa.

 Alí quitaron os paracaídas, e pensaron como saír daquel lugar pois non tiñan que comer nin un lugar onde durmir. 

Nerea, que era unha das máis exploradoras da clase, dixo: 

-Eu opino que deberíamos buscar un lugar onde durmir e mañá xa pensaremos  como saír desta illa.

Xa todos de acordo dispuxéronse a buscar un  lugar onde pasar a noite. 

De alí a un tempo  encontraron algo coma se fose unha casa pero... non era. Era unha biblioteca! Era moi antiga pero aínda se conservaban libros. 
Alí buscaron todo tipo de información pero non atoparon a solución para saír da illa. Entón Brais dixo:

-Boh, se tiveramos internet xa estaba. Alí está todo.

Pero Dani dixo:

- Non, Brais engánaste, en internet só buscas cousas que queres saber, en cambio nos libros, non buscas cousas, senón que as encontras.

Oscar atopou un libro, no que aparecía todo, resulta que non estaban nunha illa senón no seu propio concello.

Grazas ás pistas dos libros, encontraron a saída, mellor dito, o camiño, onde estaba o profesor esperándoos orgulloso e feliz.


Esta é a historia que fixo que aínda hoxe haxa libros. Porque sen libros seríamos gasolina sen vehículo. E que o que nós podemos encontrar nos libros non a podemos encontrar en ningunha páxina de internet. E non fagades coma estes nenos, non sexades despistados. Deixade por unha vez internet e usade os libros porque con eles podese viaxar, voar, rir… os libros son máxicos.

venres, 15 de xaneiro de 2016

Máis creatividade en 1º de ESO

O misterio da biblioteca de Tania Villasenín Bello, de 1º de ESO


Era unha tarde de tormenta, e xuntámonos uns cantos compañeiros. Como a tarde non valía para xogar fóra, nin tiñamos actividades, decidimos ir á biblioteca. Ao entrar cada un foi polo libro que quería ler. Unha vez que nos puxemos a ler escoitamos uns ruídos, levantamos todos a cabeza e miramos uns cara os outros, pero non soubemos que puidera ser. Seguimos lendo sen darlle máis importancia. Cando estaba todo en silencio oiuse caer un libro da estantería. Démonos todos a volta, e vimos un libro no chan, estrañounos porque non había ninguén máis na biblioteca, porque a encargada da biblioteca tampouco estaba. Puxémonos intranquilos. Intentamos seguir cos nosos libros , pero xa non estábamos concentrados. Entrounos a curiosidade de saber por que pasaban esas cousas. Cada un dicía o que pensaba que estaba a ocorrer e de súpeto abriuse unha ventá. Iso si que nos puxo asustadísimos. Estabamos desexando que chegara a encargada da biblioteca, que ía buscar uns libros ao faiado. Vimos unas sombras na ventá e atemorizámosnos, pensamos que era unha pantasma, pero resultou ser una figura que se reflictía nela.

Por fin veu a encargada da biblioteca, contámoslle todo o que pasara, ela quedou asombrada, e intentou tranquilizarnos. Estaba anoitecendo e chegaba a hora do peche da biblioteca, entón comezamos a recoller, e, sen máis, apagáronse as luces. A encargada da biblioteca díxonos que non pasaba nada, que ocorría de vez en cando, pero si que estaba pasando algo. Oímos un ruído detrás dunha estantería de onde saiu unha pantasma, puxemos todos cara de terror e angustia, estábamos desexando saír de alí. Empezou a falar con nós e díxonos:

-Non teñades medo, non vos quero facer dano nin asustarvos... Só quero ter uns amigos! Eu veño de vez en cando por aquí porque me encanta ler.

A encargada non daba crédito ao que estaba a ocorrer. Entón preguntámoslle nós:

-Mañán queres que veñamos á biblioteca e leamos todos xuntos?

-Claro que sí, encantaríame! -contestounos el.



Entón quedamos pra o día seguinte. Marchamos alucinados co que nos pasara. Estábamos desexando que chegara o día seguinte...

-Xa era día, por fin!

Fomos ás clases pero estábamos impacientes que chegara a tarde. Fíxose a mañá longuísima.

-Por fin chegou a tarde!

Iamos todos ilusionados para estar co noso novo amigo. Entramos na biblioteca e había máis xente, e pensamos que non ía vir. Ao longo da tarde a xente foi marchando. Unha vez que estabamos sós, apareceu, e puxémonos todos contentos. Preguntámoslle como se chamaba, díxonos que como sempre estivera só, non tiña nome. Pensamos entre todos un e a el gustoulle o de Trevor. Trevor contounos as súas historias. A nós gustábanos moito o que nos estaba a contar. Pasamos a tarde moi entretida con Trevor, que, acabou sendo un máis na panda.

Como estaba só, decidimos que viñera connosco para una das nosas casas. El aceptouno contentísimo. A partir de aquel día formou parte das nosas familias. Pero iso non é todo, Trevor acabou vindo connosco á escola. Ao final fíxose amigo de todos!

xoves, 14 de xaneiro de 2016

Creatividade en 1º de ESO

Arrincamos este novo trimestre compartindo convosco os relatos máis destacados do Concurso de relatos que organizamos con motivo do Día da Biblioteca, alá polo mes de Outubro. A única condición era que o espazo do relato debía ser unha biblioteca.

María Gigirey, de 1º de ESO, sorprendeunos con este relato futurista, no Trazo de 2100:

 Ano 2100. Xailorios e Maritina son dous irmáns. Xailorios ten 14 anos e vai en 3º da ESOA (Educación Secundaria Obrigatoria Animada) El é moi pillabán e encántanlle as aventuras. En cambio Maritina ten 12 anos e vai en 1º da ESOA. Ela é moi tímida, pero tamén é alegre e aventureira. Estes dous persoaxes van ser os nosos protagonistas e vannos acompañar na súa aventura xunto con outro personaxe que xa irá aparecendo máis adiante. E desde logo non nos vamos a aburrir. Aquí empeza a historia: 
Xailorios e Maritina están facendo os deberes na “Dixiteca” (a biblioteca do futuro). Teñen que facer un traballo para a clase de Historia, sobre as “Dixitecas”. Un problema que teñen é que non poden utilizar os ordenadores para buscar información, só nos “dixilibros” (os libros do futuro). Pero como son moi pillabáns, non van mirar nos ordenadores nin nos dixilibros, van buscar información no pasado. Si, non lestes mal, no pasado, como a ciencia e a tecnoloxía avanzou moitísimo neses tempos teñen na casa unha máquina do tempo. Collérona e despois de darlle a moitos botóns chegaron aos nosos días. Miraron no GPS 3.000, e estaban nun sitio chamado Trazo, segundo eles era un nome moi raro... Xusto aterraron no tellado da biblioteca. Baixaron e foron a ese edificio. Preguntaron se era a “Dixiteca” e a bibliotecaria estrañada díxolles que era a biblioteca. Os dous irmáns supuxeron que sería o que estaban buscando. Cando se puxeron mans á obra viron que os “dixilibros” eran papeis xuntos e todos escritos, preguntáronlle á bibliotecaria o que era, e ela estrañada contestoulle que eran libros. Xailorios e Maritina moi asombrados empezaron a coller apuntamentos e seguiron rebuscando. Alí había unha nena que estaba lendo. Os nosos protagonistas quixeron facer amigos e así de paso aprendían un pouco máis do que estaban a facer.
 Dixéronlle á nena:
 - Ola, como te chamas?- preguntáronlle.
 - Ola chámome María Gigirey, e vós?- respondeu
 - Nós chamámonos Xailorios e Maritina, e somos irmáns. E mira é unha coincidencia, porque nos tamén nos apelidamos Gigirey, contestou Xailorios rindo.
  Os tres nenos estiveron falando e tal e cal, e fixéronse moi bos amigos, tiñan moito en común (Seguídesme por onde vou...?) A nosa nova protagonista invitounos á súa casa. Pero eles dixéronlle que non porque xa ían marchar dentro de nada. A curiosa nena preguntoulles onde vivían, os irmáns como non coñecían ese sitio tivéronlle que dicir a verdade. A nena estrañada non o creu e supuxo que non lle querían dicir de onde eran. Pero Xailorios e Maritina insistiron que era a verdade, e como María non os cría ensináronlle a máquina do tempo. Ao final María tivo que crelos. Xa todo solucionado, os nenos contáronlle o do traballo, e preguntáronlle a María como era a biblioteca e o que era. María contoulle todo o que sabía sobre ese lugar:
- Á biblioteca pódese ir a ler, ou tamén se pode ir a estudar, buscar información, facer os deberes...- Eles apuntaban todo o que dicía. Cando acabaron María preguntoulles se podía ir con eles ao futuro, pero os nenos dixéronlle que non podía, porque non podería volver e eles dous desaparecerían porque eran os seus netos. María pensou que o que dicían era mentira, pero xa viu que non o dicían de broma. Ela desilusionouse. Aos nenos deulles moita pena pero dixéronlle que volverían porque lles encantara ese sitio, e preguntáronlle se poderían levar libros e ensinarllos aos seus compañeiros. A nena afirmou e díxolles que terían que devolvelos, así xa terían unha escusa para volver. Os tres nenos riron, pero xa era a hora de volver ao 2100.
  Así foi e non volo digo de mentira...