Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



luns, 30 de xaneiro de 2017

Andel de Libros (XXIV): A quinta de Saler, de Antón Riveiro Coello



O momento que máis me gustou do libro de Antón Riveiro Coello foi a gran idea que tivo Manuel Mouteira, pois escribir un libro entre dous escritores non se lle ocorre a moitas persoas. Tamén me gustou moito o saber escoller a dous bos escritores, por iso lle pediu axuda a Laura, que foi quen de dicirlle que escollese a un home e a unha muller. Tamén me gustou a gran amizade que se formou entre Manuel e Helena, xaque coincidían en moitas cousas e coñecíanse dende facía pouco tempo. Esa amizade foi grazas a Laura, pois foi ela quen elixiu para o libro a Helena Otero. 

O único momento do libro que non me gustou moito foi que o autor de libro só vise que a única forma de rematar fose coa morte dos personaxes. Pois podería continuar un pouco máis co libro e saber que foi deles.Por iso gustaríame que se non morreran os protagonistas houbese unha segunda parte, porque me quedou moita intriga, de saber que vai ser deles e da súa vida.

Os personaxes parécenme todos moi bos, pero en especial elixo a Manuel e a Helena, xa que entre eles notábase que había algo que os unía e os facía inseparables. A historia que escribiron Helena e Bieito tamén me gustou moito, pero tamén estaría ben que continuase,pois queda aí parada no tempo e nada se sabe dos personaxes.

O vocabulario do libro paréceme moi axeitado, para que sexa comprendido por todo o mundo. 

A trama que narra o libro está moi ben, pois mantente sempre con intriga durante o tempo que les o libro. Ademais é un libro moi entretido, xa que rematas de ler un capítulo e necesitas ler o seguinte, porque tes esa curiosidade por dentro que che di que sigas lendo.

Este libro gustoume moito e pódese dicir que é un dos meus libros preferidos. Recomendaría este libro a todas aquelas adolescentes que lles guste ler , porque penso que tamén lles vai gustar como me gustou a min.

Nerea González López (4º ESO)

mércores, 25 de xaneiro de 2017

Andel de Libros (XXIII): Dos arquivos do trasno, de Rafael Dieste




Dos arquivos do trasno é un libro no que está bastante ben desenvolvida a idea e gustoume lelo xa que o pasei ben. 

Aínda que non teñen nada que ver uns relatos cos outros gustáronme bastante todos, a pesar de que a maioría déixanche como ganas de seguir a historia. A que máis me gustou foi a de "Once mil novecentos vinteseis" xa que aínda que parece que todo é normal mais ou menos, pois ao final resulta ser todo un soño. 

Eu creo que non lle faría ningún cambio a ningunha das historias xa que, aínda que penso que deberían seguir un pouco, están ben así porque te fan pensar un pouco como continuaría a historia.

Paréceme que todas teñen un final axeitado aínda que ás veces déixante coa intriga. 

Paréceme un libro doado de ler e que ten un vocabulario bastante fácil de entender. Recomendo a súa lectura, xa que me gustou bastante e está ben escrito.

Fernando José Couselo Noya (4º ESO)

venres, 20 de xaneiro de 2017

Andel de Libros (XXII): Poderosa 2, de Sérgio Klein



A novela ao principio ten un ritmo axeitado, pero despois empezan  a pasar demasiadas cousas: A avoa Nina volve vivir, aparece un home que leva toda vida namorado de Nina, Dany sofre anorexia, aparece Adalguisa, Joana convértese en señora maior, secuestro de Joana e Joao…

O momento máis importante é cando aparece Henrique no ceminterio e se presenta a Joana contándolle a súa historia de amor con Nina. 

Ten unha linguaxe sinxela e fácil de entender. Toda a novela é clara, pero ó final é moi estraño e demasiado aberto ademáis que non ten moita importancia, debería ser máis claro e que ocorrera algo que demostrase que é o final. 

A novela non está mal pero para min era moito mellor a primeira, pois nesta hai demasiada fantasía, aínda así recoméndolle este libro para todas as idades, especialmente para a mocidade.

Alba López González (3º ESO)

Andel de Libros (XXI): Noite de voraces sombras, de Agustín Fernández Paz



O libro gustoume moito porque en todo momento é moi entretido, ao principio faise un pouco pesado, despois ten un ritmo normal e ao final acaban pasando demasiadas cousas para o meu gusto. 

O meu personaxe preferido é o da protagonista porque dende o principio ao final ten un cambio significativo na súa personalidade: Ao principio é una rapaza inmadura e ao final é moi madura, tamén me gusta a intelixencia que parece ter e a súa curiosidade polo que a rodea, outra rapaza non lle daría importancia ao que sucedeu en cambio ela aproveitouno para madurar e aprender. 

O personaxe de seu tío tamén me gusta porque mostra as dificultades da guerra sobre todo para as persoas do bando perdedor e recórdanos todas as parellas que se separaron. 

Recoméndolle esta novela a todas as idades especialmente ós adolescentes pois a protagonista ten 16 anos.

Alba López González (3º ESO)