Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



martes, 19 de decembro de 2017

Vacacións no Pico Sacro. Mirian Otero Sande. Conto premiado con accésit no II Certame Literario da A. C. Mestre Gacio de Lestedo


(Fotografía: Arquivo do Concello de Boqueixón)

VACACIÓNS NO PICO SACRO

-Inés esperta!! apura!- dixo Andrea
-A ver... que che pasa agora?- dille Inés, abrindo a boca insinuando ter sono .
-Marchamos!- dille Andrea
-A onde?
-Como que a onde? Marchamos a Boqueixón, facerlles á tía Carme e ao tío Xoán unha visita
-O que? Non era a semana que vén?- dille Inés
-Non! A semana seguinte voltamos. Así que apura a facer a equipaxe, marchamos ás 10:00. Non tardes e non te abrigues moito que vai calor.
-Ala, marcha- di Inés- xa me apaño eu .
-Recorda ás 10:00 na porta principal
-Que siiiii…., marcha xa!
Inés senta na cama por riba das sabas, colle as zapatillas de andar pola casa e logo de poñelas, achégase ao armario, abre as portas de madeira de pino puída con dous grandes espellos. Abríndoas de par en par escolle entre algunhas pezas de roupa. Sae da habitación coma unha bala, vai a un moble situado no corredor da planta baixa e colle a maleta co seu nome en letras negras, con coidado de non tirar as fotos familiares de arriba do moble. Colle pezas de roupa de andar a cada día e algunha das festas. Finalmente colleu o pixama e roupa de andar á carón e zzaass…. Pechou a maleta coma un raio. Mirou cara ao reloxo da parede en forma de gato, viu que eran as 10:00, e lanzouse coa maleta pola varanda de madeira das escaleiras coma quen baixa por un tobogán. No medio do corredor do baixo estaba o seu gato siamés deitado panzola para arriba na alfombra de rombos verdes e vermellos. Con cautela deixou a maleta e colleu ao gato no colo, este miañou e lambeulle o nariz, a lingua era peluda e áspera pero sentiu igual o afecto que o gato mostraba cara a ela. Nese momento sentiu un bucinazo, eran seus pais que xa estaban no coche. A nena pousou o gato no chan pechou a porta da casa e dixo: Ata pronto FISTERRA!!!! e coa mesma meteuse no coche dos pais. A Inés ruxíronlle as tripas e dixo:

-Vaia, non almorcei!

Seu pai, un home alto, de pelo negro, ollos azuis e sombra de barba dixo:

-Eu xa pensei niso!

Tendeulle a nena unha bolsa marrón de papel que contiña dentro o almorzo: zume de laranxa en botella e unhas torradas con manteiga e xamón.

-Gracias papá! -exclamou a nena- Sempre pensas en todo.
Inés coa barriga farta quedouse durmida e despois dun bo anaco, esperta co ruído.
-Chegamos, chegamos,!! -di a súa irmá Andrea.

Acababan de chegar á casa dos tíos ao carón do Pico Sacro, a casa deles é a máis próxima ao monte,
-Iso de estar en natureza sempre mola e máis acostumada a vivir libremente en Fisterra.

Despois de estar un pouco cos tíos as dúas irmás saíron a explorar e coñecer aquilo un pouco, colleron o sendeiriño do río onde se atoparon cun neno que estaba intentando pescar cun garabullo e un sedal, como se aquilo fose o mellor aparello de pesca fluvial, elas entre risas saúdan e empezan a conversar:

-Ola, que estás a facer?
-Podémosche axudar?
-Eu chámome Mateíño e vós?
-Somos Andrea e Inés e non coñecemos nada disto pero parece moi fermoso.
-Pois eu podo ser o voso guía, total pescar non pesco nada..!
-Xenial!
-Imos cara ao cumio do monte e dende alí poderemos ver case toda Galicia, seguro que vos gusta!

Cando ían subindo toparon cunha cova e elas preguntaron que tipo de rochas había alí, xa que Inés acordábase das clases de 1º da ESO con D. Pablo, das rochas e dos minerais, do cuarzo, da cuarcita, da pirita e non sei que montón máis, que espertara nela un gran interese e mesmamente nos recreos xogaba cos seus amigos a facer escavacións na parte traseira do instituto.

Os tres puxéronse a facer iso precisamente cavar e rebuscar, cada anaquiño de rocha que collían era máis sorprendente, unhas brancas, outras grises, outras con píntegas, unhas brandas, outras durechas, unhas máis brillantes outras menos, pero de súpeto apareceu unha de cor azul, outra coma dourada, así seguiron vendo rochiñas interesantes ata que sen contalo apareceu o que semellaba ser unha xoia medio gastada, como 3 pedriñas superpostas, como se fosen parte dun colgante ou dun colar. Inés que como xa sabedes era a máis especialista no tema das rochas, encargouse de gardalas na súa mochiliña e correron cara á casa de Mateíño. Dende o correo electrónico contactaron co profesor D. Pablo que lles dixo que aquilo podería ser un achado importante incluso da etapa medieval, e isto a Inés soáballe porque acababa de estudala en Historia de 2º da ESO.

-Non deixo de abraiarme con cada cousa que aprendo, como me acordo das miñas clases de Historia do ano pasado, cada vez vexo que son máis interesantes, aínda ía ter razón D. Anselmo, por certo que será del?,
-Agora xa non está no colexio, xubilouse- dixo Inés.

Inés a primeira noite non puido durmir pensando se sería unha xoia da Raíña Lupa, da que falara o mestre de Lingua.

Os tres rapaces acordaron enviar unha carta e unha foto ao Museo Arqueolóxico e Medieval coa que se armou unha boa, saíu a noticia nos xornais, na TVG e entrevistáronos na radio Obradoiro.

Foron días inesquecibles nas vacacións do Pico Sacro.


MIRIAN OTERO SANDE (2º ESO)

Parabéns a Mirian Otero Sande (2º ESO), accésit no II Certame Literario convocado pola Asociación Mestre Manuel Gacio de Lestedo (Boqueixón)

(Os premiados posan con membros de xunta directiva, do xurado do certame e autoridades presentes)

Mirian Otero Sande, alumna de 2º da ESO no CPI Viaño Pequeno (Trazo), vén de ser premiada cun accésit no II Certame Literario convocado pola Asociación Mestre Manuel Gacio de Lestedo (Boqueixón) e no que todas narracións tiñan que inspirarse no mítico Pico Sacro. Mirian presentou o relato “Vacacións no Pico Sacro” e recolleu o seu premio a tarde do pasado sábado 16 no Centro de Interpretación do Pico Sacro.

Os nosos parabéns a Miriam!

Velaquí a acta do xurado (Fonte: A. C. Mestre Gacio):

RESOLUCIÓN E ENTREGA DE PREMIOS DO II CERTAME LITERARIO CONVOCADO POLA AC “MESTRE MANUEL GACIO”
Máis de medio centenar de traballos presentáronse ao Concurso literario convocado pola Asociación Mestre Manuel Gacio..
Dúas eran as categorías nas que podían participar.
A: Alumnos/as de Primaria
B: Alumnos/as de Secundaria
e dous eran os premios que se establecían por categoría, aínda que ou xurado podía declarar deserto calquera deles no caso de considerar insuficiente a calidade dos textos presentados.
Foi todo o contrario, o xurado estimou a calidade dos traballos presentados dun nivel máis que notable, polo que decidiu conceder dous accésits máis en ambas as categorías
Os premiados recibiron o seu galardón o día 16 de decembro  no Centro de Interpretación Pico Sacro de Lestedo.
Categoría A: Un fin de semana nun balneario de Galicia para o autor e dous familiares, para o primeiro premio.
O segundo premio un cheque por valor de 75 euros para libraría Lino de Lestedo
Categoría B. Os mesmos premios que na categoría A
Os accésits serán premiados con libros adaptados ás súas idades para que sigan lendo, que é a mellor maneira de escribir con calidade.
Tras as deliberacións pertinentes o xurado por unanimidade decidiu outorgar os premios os seguintes traballos :
Na categoría A 
1 premio para A Fada do Pico Sacro
2 premio para O Pico Sacro, un lugar encantado
accésits a::
– Os Trasnos do Pico Sacro
– A aldea do Pico Sacro
Na categoría B
1º premio para Amencer da Raíña... por recrear de forma actual a lenda do pico Sacro e a utilización dun vocabulario rico e variado.
2º premio para Loba.…salientar que o relato ten unha estrutura vangardista e unha utilización de frases curtas que contribúen a darlle ritmo ao relato.
accésits
– Unha Antiga Historia
-Vacacións no Pico Sacro
Abertas as plicas resultaron gañadores :
Na categoría A
1º premio para María Pichel
2º premio para Sabela Ferradás
accésits para
Alvaro Gómez
Michelle Mato
Na categoría B
1º premio para María Crespo
2º premio para Iago Barriuso
accésits para
Alba Pérez
Mirian Otero
En hora boa a todos os participantes e de modo especial os premiados.


Conta de Libros (XVI): Rapazas, de Agustín Fernández Paz


Gustoume moito este libro. Paréceme moi interesante e hai moita variedade de historias. Aínda que, faría algún que outro cambio. Un que cambiaría todo, sería que fose só unha historia. 
De todo o libro a min a que máis me gusta é a última. O do rapaz que morreu, e a nena que lle pasa todo iso... Que se as mesmas flores na súa cama que as que lle levara ao rapaz ao cemiterio, que se ela sentía cousas raras no seu corpo, como se a posuíra o espírito do neno... Pareceume moi interesante. Ademais, non é un libro que digas, que é irrealista é porque estas historias pódenlle pasar a calquera. Que se o capítulo no que había bullyng contra os dous nenos, que se a historia dunha carreira, como a morte dun amigo, que se a avoa dunha nena era racista... Hai anacos do libro que dan moita pena. 
A lingua, para min polo menos, pareceume moi fácil de entender. Ademais o libro lese moi rápido. É moi entretido. Está todo moi ben explicado.
Tania Villasenín Bello (3º ESO)

Conta de Libros (XV): As mans do medo, de Xosé Miranda


O libro non estivo nada mal, pensei que ía ser peor porque ao primeiro non me tiña moi boa pinta, xa que empezaba cunha historia e acababa con outra, e pensei que non o ía entender. 
Ás veces deixábate con algo de intriga, polas cousas que pasaban.
O momento que máis me gustou foi cando era a noite de reis e o Susinho lle petou na ventá para que saíra e el díxolle que non, porque se os reis os vían non lle ían deixar nada, ben si, carbón. Ao final o Susinho convenceuno, foron para fóra e miraron para aló ao lonxe e xa viron aos reis e marcharon correndo para que non os pillaran, e agocháronse detrás dunha silveira. 
A lingua non foi difícil de ler, había algunha palabra que non entendía pero a maioría xa as sacaba polo contexto. 
O único cambio que lle faría é que en vez de ser varias historias diferentes que foran algunhas menos e que a terceira historia non fose tan longa.
Lydia Rey Varela (3º ESO)

Conta de Libros (XIV): A sombra descalza, de An Alfaya


A sombra descalza. An Alfaya. Xerais.

O momento máis importante paréceme a parte final porque se descobre o romance de Xuliano e Sagrario co consentimento da avoa de Elsa que desvela todo o romance no intre da morte de Xuliano sobre a súa cama.

Resulta emocionante, polo drama familiar e pola tensión da guerra na casa dos avós de Elsa.

O único que cambiaría do libro é que non cambie a historia de capítulo en capitulo porque dificulta a lectura e faiche perder interese na verdadeira historia polo que non é bo.

O final é un pouco estraño pero concorda a perfección co resto da historia aínda que cando leo o desenlace quedáseme corto e sinto como se aínda quedara máis historia por diante, aínda así penso que é un final axeitado

Sobre a lingua, non está mal, como todo é mellorable pero non é difícil de entender.

Recomendo este libro para ler para pasar o tempo de lecer, debido a que o libro proporciona a intriga capaz de matar os teus tempos libres.

Daniel Balsa Balsa (3º ESO)
O libro gustoume moito, é o primeiro libro que leo desta autora (An Alfaya) e está nunha colección de xénero literario infantil e xuvenil. 
O que máis me gustou deste libro foi cando a rapaza da casa, que se chamaba Elsa, empezou a descubrir segredos que ninguén sabía, só algún familiar da casa. Eran uns segredos ocultos na familia. Como por exemplo o segredo de Florinda das cartas, que estaban agochadas nas solas dos zapatos de Sagrario que gardaba ela no seu cuarto. 
Cando morreu Sagrario non querían calzala estando defunta. E cando Elsa cumpriu 16 anos decidiu preguntar e preguntar e saber a verdade, cousas que pasaban e pasaron na casa.
Se tivera que facer un cambio sería que non morrera Rafael Xunqueira, e que Florinda fora a vivir con el.
A lingua non me foi difícil, pareceume bastante fácil, aínda que á hora de ler había algunha palabra que non entendía.
Lydia Rey Varela (3º ESO)

Conta de Libros (XIII): O lapis do carpinteiro, de Manuel Rivas



O libro pareceume persoalmente moi interesante porque conta cunha historia moi realista.

Tamén xoga moito co sentido figurado cando Herbal fala co pintor ou fala coa súa namorada.              

A miña parte favorita foi cando o doutor e Marisa se abrazan cando este sae do tren porque é no momento no cal Herbal expresa directamente os seus sentimentos por ela e cando se decata de realmente están  namorados.

Non me gustou moito que a momentos importantes se lles dera pouca importancia e que non os volveran a repetir, isto fai que te perdas moitas veces e non saibas  moi ben que ocorreu.

Ten un desenvolvemento para o meu punto de vista rápido pois conta unha historia de máis dun ano en poucas páxinas .A linguaxe e apropiada e doada de entender.

O meu personaxe preferido e Herbal porque é un personaxe que evoluciona moito na novela.

Ten un final moi bonito e orixinal, o que dunha maneira moi discreta conta moito, tan só cunha frase sabemos que o doutor ten conciencia de que Herbal está namorado da mesma muller ca el.

Alba López González (4º ESO)

A historia gustoume moito, pero a maneira na que o libro está escrito non, pois cando falan os personaxes non está marcado por guións o que dificulta a lectura xa que en ocasións non sabes quen está falando. 

As primeiras páxinas parecéronme bastante monótonas e ata a metade do libro, máis ou menos, a historia non te comeza a enganchar. 

O personaxe que máis me chamou a atención, foi un dos protagonistas, Daniel da Barca, pois pareceume un home moi real, que non cambia a súa forma de ser durante toda a historia pese ao que lle está pasando. En canto ao meu momento favorito do libro, foi cando Herbal e o comisario lle conseguiron unha noite de matrimonio para os dous namorados: Da Barca e Marisa Mallo. 

Recoméndolle este libro ás persoas que lle gusten as historias de amor e ambientadas en sucesos reais. Non o recomendo para facer un control de lectura pois é bastante difícil de resumir pois acontecen moitas cousas.

Iván Rivas Suárez (4ª ESO)

luns, 18 de decembro de 2017

Conta de Libros (XII): Vento ferido, de Carlos Casares



Na miña opinión este libro ten demasiados relatos, que tratan de temas moi variados pero relacionados pola violencia que conteñen, algúns deles teñen un final algo complicado de entender. Supoño que está feito así coa idea de facer pensar ao lector.

Para min os mellores relatos son: “O xogo da guerra” e “A Capoeira”. O tema destes dous relatos é a vinganza que levan planeando os protagonistas durante moito tempo por algo que lles fixeron. Pero algo que teñen en común todos os protagonistas dos distintos relatos é que todos acaban sendo vítimas dalgún tipo de desgraza e algúns recorrenáa morte e ao suicidio.

O meu personaxe favorito é Gonzalo porque volveu a Galicia para vingarse dun home, que pola súa culpa tivera que matar ao seu burro que quería moito.

O vocabulario é fácil de entender a excepción dos momentos nos que te fai pensar.

Este  libro é bo para as persoas que ademais de ler, tamén lles guste reflexionar sobre o que leron.

Daniel Varela Bello (4º ESO)

xoves, 14 de decembro de 2017

Conta de Libros (XI): Aire negro, de Agustín Fernández Paz



Ola! Son Uxía de 3º e vou facer a valoración persoal do libro de Aire Negro, de Agustín Fernández Paz. Pareceume un libro moi interesante aínda que houbo algunhas partes que non me acabaron de convencer. 

A historia comeza ben, unha clínica psicolóxica. Xa o feito de que sexa unha historia dentro doutra me parece unha idea brillante!


A protagonista é Laura, a verdade non a entendo moi ben. Ela estaba insegura, tiña medo e aínda así saía igual, fose a hora que fose e por calquera sitio. Entón, tiña medo, estaba insegura e asustada pero saía igualmente! Supoño que porque lle mandaba Carlos, pero ao meu parecer, contradinse esas dúas cousas.


O que máis interesante me parece é que o doutor que se encargaba de Laura, fose o que fixera que a besta volvera atopar a rapaza e a matase, ou o que lle fixera. Porque esa é outra, é un final aberto e podes pensar o que queiras. A parte que máis me gusta é o final. É alucinante. 

O vocabulario é moi sinxelo menos nunha parte onde falan de neuronas e temas psicolóxicos.


Así que, se che gustan os libros de misterio e quizais, algo de amor, este é o teu libro!

Uxía Iglesias Vázquez (3º ESO)


Este libro gustoume moito porque é unha historia na que se mestura o misterio, a dor, o amor e lendas propias de Galicia. 

O momento que máis me gustou e o que a min me pareceu o máis importante foi cando Laura volve de novo dende Madrid ata Galicia polo amor de Carlos e tamén me parece a parte de máis emoción da novela xa que todo xira en torno á lenda da Gran Besta que foi a que desencadeou que ela estivera agora nun psiquiátrico intentando recuperarse coa axuda de Víctor. 

O que menos me gustou deste libro foi o final xa que esperaba outra cousa diferente, que non todo rematase de forma tan repentina e que fora máis extenso, penso que tería que haber unha explicación lóxica e dar a entender se ela se recuperara ou non. 

O libro é moi recomendable polo feito de que é entretido e interesante e cunha lingua sinxela de comprender.

Paula Lema Domínguez (3º ESO)

Conta de Libros (X): Chamábase Luís, de Marina Mayoral


Chamábase Luís. Marina Mayoral. Xerais 

Para min o momento máis importante do libro paréceme o final cando a nena se acorda do nome do pai e di: ah si, xa me acordo, chamábase Luís, porque me pareceu moi tenro e moi bonito. 

Pareceume interesante porque fala sobre os problemas que pode chegar a ter unha familia só por dous membros que se drogan pode acabar coa maior parte das vidas da súa familia.

A parte que máis me gustou son as últimas palabras do libro onde a nena di: ah si xa me acordo chamábase Luís. Gustoume estas palabras porque me parece moi bonito que a nena tratase de acordarse de seu pai desa forma tan peculiar que é contando a súa relación con el aínda que non se lembrase do seu nome.

Non faría ningún cambio porque me gustou todo o libro aínda que ao principio pareceume algo raro. 

A min o final pareceume moi axeitado porque a que fala eéa súa filla e fala sobre o seu pai aínda que non se acorda moito del.

Alicia González Lage (3º ESO)

A min este libro persoalmente gustoume moito, aínda que lle cambiara a forma en como conta a historia, non a iría contando por personaxes como o fixo a autora deste libro. 

A historia en si está moi ben porque faite reflexionar sobre todos os problemas que pode provocar a droga. Ademais esta historia tamén conta o xeito de reaccionar cada un dos personaxes á adicción de Luís que son as drogas.

Neste relato hai varios momentos importantes, pero para min o que máis foi cando Luís tivo a entrevista coa señora da casa, aí ela decatouse de que Luís está chegando ao seu fin. A historia en si non tería moito sentido se non acontecera este momento tan fundamental para min.

Sobre o vocabulario, é moi doado de entender, case non había palabras que descoñecía e se había algunha polo contexto dábase a entender o seu significado, e sobre o tema, está moi ben escollido porque fai que o libro non sexa deses que son aborrecidos, senón que se le moi rápido.

Lucía Viqueira García (3º ESO)

Este libro trata un tema moi interesante, a pesar de que non me gustou moito, xa que conta a mesma historia dende diferentes puntos de vista. Gustaríame que a contase un familiar só e que entrase máis en detalle, como é vivir con un drogadicto, como afecta iso á súa vida e á dos familiares, á súa economía.

O momento máis importante é difícil de escoller, xa que ten todo a mesma importancia pero aínda así escollería cando a dona da casa na que traballa a nai de Luís se enteira de que o fillo dela é drogadicto xa que se porta ben coa nai de Luís ao non botala a casa como faría calquera outra persoa.

Respecto a  final eu cambariao, xa que non queda moi claro se morre ou non, faría un capitulo sobre como morre, outro sobre o enterro e por último para rematar o libro con bo sabor de boca contaría dento dun cantos anos como lle ía á familia e poñería que se reconciliaran todos. 

A pesar de que non me gustou moito recomendo a súa lectura xa que é fácil de ler e non ten palabras difíciles, o máis difícil foi facerlle o resumo.

Martín Dafonte Rodríguez (ESO)


Non sei como dicir que me pareceu, pero a verdade foi un pouco interesante.

A historia é moi bonita,  representando algo da realidade sobre o que lle pode pasar a calquera persoa na vida real. Foi tamén moi chocante como criticaban a Luís dunha forma moi odiosa e incluso me gustou que algúns personaxes intentaran axudalo para que se recuperara e cambiara a súa maneira de ser aínda que fora imposible. 

O máis triste de todo é a morte de Luís e do seu irmán Pablo que tamén era un drogadicto. O final para min seria bonito se os dous cambiaran e empezaran unha nova vida.

O que non me gustou foron algúns personaxes que condenaron a morte a Luís, (que deberían ir eles tamén ao inferno), polo menos os fillos se preocupaban de verdade do seu pai. 

Para min foi moi doado de entender porque en cada capitulo parecía que estaban facendo unha entrevista a cada personaxe sobre a súa vida tras a morte do protagonista.

Eduarda Andrade Marinho (3º ESO)

mércores, 13 de decembro de 2017

Conta de Libros (IX): Agosto do 36, de Xosé Fernández Ferreiro


Gustoume moito ler este libro, é moi entretido e ao mesmo tempo agradable de ler. Está baseado na época na que os meus avós e tamén os dos meus amigos eran nenos e iso é un punto a favor porque me interesa moito saber as cousas que acontecían naquela época, como se solucionaban os problemas, qeé medidas se tomaban... 
Hai uns meses atrás, xa lera un libro parecido a este, os dous tratan da mesmas historias, do ano 36. O ano que comeza a guerra civíl. Resulta que este libro, Agosto do 36, é o primeiro libro que leo deste autor, Xosé Fernández Ferreiro. A verdade foi que ler este libro non me defraudou nadiña, porque, como ben dicía máis arriba, gústanme estas historias pero ao mesmo tempo baseadas na realidade, que foi onte como quen di. Pronto hei de volver a ler un libro de Xosé Fernández Ferreiro, a ver se son todos así de interesantes como este que lin. Por desgraza, Xosé xa faleceu pero guastaríame poder preguntarlle que motivo lle levou a escribir esta obra. 
É  fácil de ler, e recomendaríallelo a calquera que fose da nosa idade, 16, ou ben máis adulto porque está perfectamente adaptado para nós. De seguro que lles gustaría lelo, acabarían agradecéndomo.
Samuel Vieites Abelenda (4º ESO)


Non foi que me gustara moito a historia porque os franquistas abusaban das persoas e nos casos máis graves xulgábanos e chegaban ata o punto de matalos pero estivo fácil e chula de ler.
A parte que menos me gustou foi cando abusaron de Sara e a mataron a tiros pouco a pouco. 
O desenvolvemento está bastane ben pero o único que cambiaría seria o final que non me gustou nada, foi moi forte como mataron a Sara e como apareceu Gregorio morto no monte.
O personaxe que máis me gustou foi Sara que se sacrificou polo seu namorado e o que menos me gustou foi Gregorio porque non intentou defender a súa muller e deixouna nas mans dos franquistas. 
Recoméndolle este libro a persoas de dezaseis para arriba porque ten un vocabulario algo forte pero fácil de entender xa que non había palabras moi difíciles de ler nin de comprender. 
Martín Castro Señarís (4º ESO)

martes, 12 de decembro de 2017

Conta de Libros (VIII): Noite de voraces sombras, de Agustín Fernández Paz


Noite de voraces sombras. Agustín Fernández Paz. Xerais

Ola! Son Uxía de 3º e vou facer a avaliación do libro de Noite de Voraces Sombras, de Agustín Fernández Paz. O libro gustoume moito. 

Comeza cunha historia normal, unha rapaza na casa da avoa, a cal morrera había pouco. A rapaza, en plena adolescencia, non quería marchar da súa cidade natal, A Coruña, para a vila perdida da súa avoa, Viveiro. Pero ao longo da historia van sucedendo cousas que farán que a historia cambie, de maneira moi positiva, ou iso é o que penso eu. A aparición das cartas ou o seu romance con Daniel. 

O que máis me gusta é que vaian á illa de San Simón, quero dicir, que súa nai realmente a crea e valore a historia do tío Ramón. 

Penso que a parte máis interesante do libro é cando atopa as cartas, senón as atopara, a historia non evolucionaría. 

O final gústame moito e o vocabulario non é nada complicado. Doulle unha nota de notable, pois non me gusta que lle dea moitas voltas á historia con Daniel e porque fáltame algo máis de humor na historia, pero se che gustan os libros de misterio este é o axeitado. Totalmente recomendado!

Uxía Iglesias Vázquez (3º ESO)

Este libro é un dos libros que máis me gustou. Resume a vida dunha rapaza que vai de vacacións á casa de súa avoa que facía pouco que falecera, a Sara tocoulle a habitación do tío Ramón e cada vez que entraba na habitación sentía unha presenza fantasmal, que ao final descubriu que quería indicarlle, sitios nos que buscar información sobre o pasado de seu tío Ramón. 

Entón ela atopa unhas cartas que estaban escritas con moita paixón, sobre o amor que tiña seu tío Ramón cunha mullar que se chamaba igual ca ela, pero máis adiante descobre máis cartas dentro dun libro no que esa paixón que tiñan as cartas anteriores non aparecía, xa que Sara deixouno por outro home que estaba con ela. 

E seu tío Ramón tiña unha cousa que era para Sara na illa de San Simón que nunca foi recollida por ninguén, xa qu era un regalo para Sara que acababa de deixalo. Pero Sara quedou coa intriga de saber o que era esa cousa que quedara na illa de San Simón, entón ela dillo a súa nai, e no mes de setembro deciden ir á illa, e alí encontraron unha xoia, coa que Sara se quedou.

Eu a este libro non lle sacaría ningunha parte, pero deume moita mágoa cando Sara deixa ao tío Ramón, xa que el estaba sufrindo moito no cárcere por estar ao lado de Sara, e non puido facer nada para volver xuntarse con ela.

Laura Pena Gutiérrez (3º ESO)

Conta de Libros (VII): Unha presa de terra, de Marilar Aleixandre


Unha presa de terra. Marilar Aleixandre. Ir Indo

O libro gustoume moito porque é moi entretido e non perde o misterio en ningún momento. O momento que máis me gustou foi cando Ana fala coa súa amiga Choni sobre Pepe porque nese momento a historia dá un xiro e Pepe pasa de dar pena a ser un dos sospeitosos. 
Ten un desenvolvemento moi lento ao principio cando describe como aparecen o corpo e a todas que aparecen pero co paso da historia o desenvolvemento vólvese normal e axeitado.
Na miña opinión ten un final un pouco decepcionante pois así como a historia é moi interesante o desenlace quédase un pouco aburrido
Os personaxes están moi ben caracterizados e elexidos. Ten unha linguaxe fácil de entender e apropiada para todas as idades.
Recoméndolle este libro a todos os interesados en historias de misterio e amor pero sobre todo á xente que non lle guste moito ler porque é un relato moi pequeno e con moitas ilustracións que axudan a entender o contido.
Alba López González (4º ESO)


O momento máis importante, aínda que hai moitos, para min foi cando Ana ve unha maceta con pedras e terra, iguais ás do Trece, na casa de Pepe. Porque a partir dese momento ten unha proba máis, pero ela non se decata diso. 

Outro momento importante, para min, foi cando Ana se atopou coa súa veciña vella, no ascensor, e lle dixo que algunhas noites escoitaba golpes no piso de Pepe, xa que Pepe mallaba na moza, e isto deulle outra pista máis, e ademais comezou a desconfiar algo de Pepe.

Paréceme un tema moi interesante, e na miña opinión foi un dos mellores libros que lin en galego. Eu non cambiaría nada. Tamén me parece  moi acertado que os capítulos sexan pequeniños, porque fai a historia máis fluída. O final resulta bastante axeitado para como foi transcorrendo a historia.

A lingua é fácil de entender, aínda que aparecían, de vez en cando, algunhas rarísimas.

Óscar Iglesias Domínguez (4º ESO)


O momento máis importante do libro é cando Ana encontra a terra, porque senón o crime non podería ser resolto. O libro gustoume, pero o tema xa está bastante usado, aínda que é interesante. 

A personaxe que máis me gusta é Ana, porque cando chega o inspector pasa dela, e aínda así esfórzase para resolver o crime, e ten a valentía de enfrontarse a Pepe, sabendo que podería ser o asasino. 

Cambiaría o ritmo da historia e faríao máis rápido, ou engadiríalle cousas, xa que conta pouco en moitas páxinas. E cambiaría o final, xa que é bastante obvio o desenlace dende a metade do libro, pola actitude que comeza a mostrar Pepe. 

Ten unha lingua moi fácil de entender, sen palabras cultas nin coloquiais. 

Recoméndolle este libro a persoas de todas as idades, xa que é moi fácil de ler, e as cales lle gusten os libros de asasinatos e misterio.

Eloy Castro Deus (4º ESO)

O máis importante ou o que máis me sorprendeu foi cando a vella lle dixo a Ana que Pepe pegaba na muller porque non me esperaba iso del, porque parecía que non tiñan problemas e que eran moi felices xuntos.

Pareceume moi interesante menos o final que non me gustou, este foi o libro que máis me gustou de todos os que lin en galego.

Non lle faría ningún cambio , só que o final pareceume algo insulso xa que non me gustou moito porque era de esperar que o que matara a Lulú era Pepe entón non tivo nada de emoción. Eu no final cambiaría ao asasino de Lulú  por unha persoa que non se esperase ninguén, como Lorena, a moza de Toño o do bar, porque así sería moito máis emocionante o final.

O personaxe que máis me gustou foi Ana porque tomaba moi en serio o seu traballo e era unha muller lista e intelixente. E o personaxe que menos me gustou foi Couto porque era un home das súas ideas e non quería que ninguén se metera no seu traballo.

A lingua era fácil pero tiña bastantes palabras que non entendía e que tiven que buscar no dicionario e en internet.

Nerea Rodríguez Deus (4º ESO)


O libro gustoume moito, xa que é un libro de investigación e crime, cousa que me fascina moito, e é un tema que me gusta tratar. O mellor momento do libro é cando hai tocamentos e escenas sensuais, cousa que lle dá moita vida á historia. 

Se cadra o que máis me defraudou foi que ten un final moi aberto e pouco emocionante para o meu gusto, polo que lle cambiaría o final de xeito que acabara dun xeito máis tráxico e sobre todo máis pechado. 

Pero o mellor e máis importante para o meu gusto e que ten unha linguaxe fácil de ler e sobre todo de entender. 

O libro é pouco recomendable para xente que non ten interese polas novelas policíacas, pero recoméndollo a xente que lle guste a ciencia como é a autora do libro e a xente que lle guste o misterio xa que é o único do que trata a historia. Hai algo de romance pero moi pouco, xa que é mais ben unha aventura.

Carlos Dafonte Rodríguez (4º ESO)


Trata varios temas moi interesantes e da actualidade como o tema do maltrato e o tema das drogas e alcohol. Non é un libro moi divertido pero si que esperta moito interese para saber o que aconteceu de verdade aínda que ás veces parece que despista. 

Ao principio faiche dubidar e pensas que foi o home dela quen a matou. Logo segundo vas lendo e avanzando na lectura do libro parece que foi o dono do pub “Trece”. Ao final foi o home que nun arrebato a matou e intentouno esconder pero descubrírono. 

O personaxe que máis me gustou foi Ana Candean que conseguiu resolver o crime con moita astucia. Outro momento importante foi cando grazas á veciña que lle contou informacion moi importante para resolver o caso.

A linguaxe que se utiliza neste libro é fácil de entender xa que non hai palabras moi complicadas de ler.

Recoméndolle este libro a persoas maiores de doce anos xa que fala de cousas que se es máis pequeno quizais non entendas e non te decatas de nada. 

Martin Castro Señarís  (4º ESO)
Gustoume moito este libro porque conta a morte dunha moza que foi asasinada polo seu home, quen aparenta ser unha cousa pero era outra. Ana a detective descubriuno arriscando a súa vida. 

Para min é un moi bo libro porque podería ser unha historia totalmente real. Ten un aire de misterio porque non sabes quen a matou case ata o final.

O meu personaxe favorito é Ana porque ela é a que descobre o asasinato sen axuda ningunha a pesar de que o inspector xa abandonara o caso. O segundo personaxe que máis me gustou foi o asasino porque o fixo moi ben para non ser o principal sospeitoso.

É moi doado de ler, e aínda que algunhas palabras hai que buscalas no dicionario pois ten un vocabulario moi extenso pero fácil de entender polo contexto.

Recomendaríallo a toda aquela xente que lle gustan os libros de misterio porque este é un deles ou de asasinatos sen resolver ata o final de todo. En resumo é sen dúbida un moi bo libro.

Brais Bouzas Leis (4º ESO)

O momento máis importante do libro foi cando entrou Silvia e lle disparou a Pepe nunha coxa, pareceume o momento máis importante porque el matara a Lulú. 

O libro pareceume emocionante porque non se sabía quen era o asasino e tiña moitas ganas de sabelo, e ao final emocioneime cando Silvia lle disparou a Pepe.

Dos persoaxes só cambiaria un, que sería Gonzalo porque no relato di, que só está a falar polo móbil e preocupándose pola comunidade, na miña opinión só cambiaria iso.

E para o meu gusto non faría ningún cambio no desenvolvemento xa que me pareceu unha historia perfecta. O final pareceume axeitado e tampouco lle faría ningún cambio porque para min foi o mellor final que puido haber. 

Non, non foi difícil de entender sacando algunha palabra difícil polo medio pero despois foi un vocabulario adecuado para rapaces e rapazas da nosa idade ou algo máis xoves.

Brais Pena Baluja (4º ESO)