Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



martes, 5 de decembro de 2017

As caras d@s nos@s lector@s


Non queremos marchar de ponte sen presentarvos ao "flamante" grupo do Club de lectura de 1º de ESO. Aquí estamos na segunda reunión sobre  O Nicolasiño. As súas aventuras e falcatruadas fixéronnos rir este trimestre. As profes comentamos que ás veces, a clase de Nicolás parece a súa propia clase de 1º de ESO.



E seguimos !! Estamos a repartir a vindeira noveliña que leremos este Nadal: Unha branca de cobre para Martiño de Ramón Carredano. Esperamos rematar a lectura con tan boa cara e tan content@s como así foi coa primeira lectura. Mirade que caras !!

Conta de Libros (III): Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas



Memorias dun neno labrego. Xosé Neira Vilas. Galaxia

Na miña opinión o momento máis importante é cando morre seu padriño, porque a partir de aí cambia moito a historia, xa que para el era unha persoa moi importante na súa vida. É un tema bastante interesante, porque ensina moitas cousas sobre a vida, ademais de contar moito sobre a vida no século pasado. 

No desenvolvemento un dos cambios que faría, é que cada capítulo estivera máis entrelazado entre si, xa que facilitaría algo a lectura. Tal e como están, non van mal, pero se queres falar un pouco del é máis difícil así que da outra forma. 

Paréceme un final bastante axeitado para a historia, pero eu seguría un pouco máis coa historia, como fixen no meu, para que non fose tan aberto. Tamén outra opción sería deixalo así e facer unha continuación, é dicir, unha segunda parte. 

A lingua é bastante fácil de entender. Só hai algunhas palabras que son máis difíciles, pero que acabas entendendo polo contexto.

Óscar Iglesias Domínguez (4º ESO)


Para min o momento máis importante foi cando Balbino decide marchar, porque eu penso que tiña razón ao facelo, ademais, xa levaba moito tempo aguantando. Non deberían tratar así a Balbino xa que a culpa non era súa.

O que menos me gustou foi cando o pai de Balbino o foi visitar e non lle pediu perdón por tratalo así. Penso que polo menos podería tratalo con máis cariño ou pedirlle que volvese porque a pesar de todo é o seu fillo.

O libro pareceume moi interesante porque critica moitas cousas da época. Algunhas desas cousas séguense facendo ou dicindo, aínda despois de moitos anos e penso que hai certas cousas que se deberían deixar atrás.

O final gustoume pero, na miña opinión, sería mellor se tivese un final máis cerrado, porque deixa moitas dúbidas e preguntas.

En canto á lingua, é fácil de entender pero había algunhas palabras que non escoitara ou vira antes. Aínda así é un libro fácil de ler e lese moi rápido.

Anabel Dafonte Iglesias (4º ESO)

O libro gustoume moito pois mostra a dura vida das persoas das aldeas antigamente, todo o traballo diario, a mala alimentación, os costumes e o traballo infantil, tema que parece alleo á nosa sociedade e que está identificado con outros lugares pero que só temos que remontarnos 60 anos atrás para velo en Galicia. Tamén mostra as grandes diferenzas que había entre as distintas clases sociais que podemos ver entre Balbino e o fillo do señor, por iso a miña parte preferida foi cando Balbino lle tira a pedra ao outro porque pode liberar toda a rabia que sente por este.

O desenvolvemento é lento ao principio pero co paso da historia vaise facendo máis rápido e acaba sendo apropiado.

Cambiaría o momento no que o amigo de Balbino ten que marchar por deixalo quedar na historia ata o final, porque senón a historia queda demasiado triste con Balbino tan só.

Ten un final apropiado pero demasiado aberto e debería describir máis e mellor a nova vida do protagonista.

A linguaxe e fácil de comprender e o autor explícase moi ben.

Alba López González (4º ESO)


O momento máis importante para min foi cando se fixo sancristán e puido ter un traballo co que se sentía feliz, realizado e podía gañar diñeiro para el.

O momento que menos me gusto foi cando Balbino se enterou de que a mestra Eladia marchara da aldea para casar co seu mozo e el sentiuse moi triste.

Paréceme bastante interesante por saber como vivían antes os nenos nas aldeas e as súas familias. 
Non lle faría ningún cambio, só que os pais non foran tan malos con el porque era o seu fillo e deberíano apoiar máis. Gustaríame que puidese ir a traballar a América con Miguel e que gañara moito diñeiro para axudar aos seus pais. Pero este final pareceume bastante axeitado.

A lingua era fácil pero había algunha expresión que non entendía ben, pero polo demais é un libro que se le rápido e sen problemas. Recomendable.

Nerea Rodríguez Deus (4º ESO)


O momento máis importante foi cando Balbino leu o libro dun home que fora á guerra e decidiu que el tamén quería viaxar e escribir sobre as súas aventuras, sen ese libro Balbino non redactaría as súas historias.

O tema do libro é moi interesante, como é o diario dun neno galego supoño que a case todos os galegos lle gustará e a maioría deles sentiranse algo identificados.

Como final eu opino que sería mellor que Balbino acabase cumprindo o seu soño. Así tamén podería haber historias sobre as súas viaxes por distintos lugares do mundo.

O desenvolvemento do retalo é sinxelo de comprender pero había algunhas palabras que eran máis difíciles de entender.

A min gustaríame que o libro fora máis extenso, que contara algunhas historias máis da vida de Balbino.

Daniel Varela Bello (4º ESO)


O momento que máis me gustou do libro foi cando Balbino lle lanza o croio á cachola ao fillo do señor. É a miña escena favorita xa que me sentín reflectido no que fixo porque eu tamén son moi espontáneo e un pouco bruto, e tamén porque por primeira vez no conto soltaba toda a rabia que tiña dentro para así desafogarse. 

En xeral o relato gustoume moito porque fala de moitos costumes que había antes e a min gústame aprender cousas e costumes de cando meus avós eran pequenos, pero pola súa contra non me gustou que non contara unha historia continua senón que fora contando historias pequenas, xa que non era moi fácil de seguir o que se contaba. Este é o cambio que lle faria. 

O final para o meu gusto é o final perfecto xa que me gustan os finais abertos. 

Ten unha lingua difícil xa que parece galego antigo. 

Este conto recoméndollo a xente que lle guste aprender cousas do rural e non fai falta que lle guste ler porque se le rápido.

Carlos Dafonte Rodríguez (4º ESO)

Pareceume moi interesante esta historia. O que conta Balbino nas súas memorias era o que realmente lle pasaba neses anos a moitos rapaces e rapazas. Tiñan que ir servir e traballar nas leiras á casa dos máis ricos sendo nós moi pequenos e indefensos. Meu avó tenme contado que el acorda ue viñeran nenos de oito ou nove anos servir á nosa casa cando el era máis pequeno pero el nunca foi servir á casa de ninguén, só foi traballar un par de veces. 

O personaxe que máis me gustou foi o protagonista Balbino porque era moi boa persoa e tamén moi traballador. A parte que máis gustou foi cando Lelo salvou a Balbino de morrer afogado e aí creouse unha gran relación de amizade e a Lelo foi ao único que lle contou que estaba namorado da mestra.

Recoméndolle este libro a xente de todas as idade porque e fácil de ler, moi entretido e dinámico.

Martín Castro Señarís (4º ESO)


Para min o momento máis importante desta fascinante historia foi cando o amigo de Balbino, Lelo, lle axuda a saír dun río no cal Balbino andaba por ai e nunha desas despistouse e como estaba o chan esvaradío, esvarou e caeu ao río pero xusto andaba por alí Lelo e lle axudou e dende esa fixéronse moi amigos. 

Outro momento moi importante pero a máis triste foi cando o can de Balbino, Pachín, morre nunha trampa para raposos. Para min este libro foi bastante interesante porque a familia de Balbino era bastante pobre e intentaban saír adiante sen renderse.

Sobre o desenvolvemento, o único cambio que a min persoalmente me gustaría facer sería que lles puidese tocar a lotería e así non estar escasos de diñeiro. 

E sobre a lingua, a min pareceume bastante fácil de entender aínda que eu pensaba que a lingua ía ser un pouco máis complicada. 

Por último gustaríame recomendarllo a lectores ou lectoras que lles gustan os temas da pobreza.

Alejandro Vásquez Fernández (4º ESO)


O momento máis importante do libro foi cando Balbino marchou da casa, porque seu pai ía mallar nel. Pareceume emocionante porque non sabías que podía pasar nin o que ía facer. 

Na miña opinión eu non faría ningún cambio xa que me pareceu todo axeitado. E ao final non lle daría outro xa que me gustou moito o final e na miña opinión non cambiaría nada. 

Os personaxes parecéronme todos axeitados, só cambiaría a Manolito xa que non me gustou o seu comportamento.

A lingua tiña algunha palabra difícil de entender, pero o relato lese rápido e non me costou moito entender a lingua.

Eu recomendaría este relato a xente que lle guste os libros de como se vivía antigamente. Este libro é axeitado para os rapaces e rapazas de entre catorce, quince e dezaseis anos. Se tivera que volver a ler este libro volver, volveríao ler outra vez xa que me gustou moito. 

Brais Pena Baluja (4º ESO)


Este libro foi un dos que máis me gustou dos que levo lido, xa que é un libro moi entretido porque é moi divertido. Unha vez que o empezas a ler, engánchate e non o deixas ata que remates de lelo.
Tamén me gustou porque é un libro moi cercano a nós, á xente de Trazo concretamente que é de onde son eu, xa que se desenvolve na aldea e fala das cousas de antes, de como era antes toda aldea na que hoxe nós vivimos a cotío e é bastante fácil de ler e o seu vocabulario non é nada complicado. 
A parte que menos me gustou foi cando lle morreu o can. A parte que máis me gustou foi cando agacha a caixa misteriosa no xardín da súa casa. 
Eu, este libro, recomendaríallo a todas as persoas porque está moi ben feito e adáptase a todas as idades, pero en concreto, á xente que é da aldea e que está orgullosa de selo coma min, porque desenvólvese na aldea, como ben dicía antes, e faiche pasar un bo momento mentres o estás lendo.
Samuel Vieites Abelenda (4º ESO)


Este libro gustoume moito, xa que relata a vida dun rapaz chamado Balbino, este rapaz vivía na aldea, vai contando cousas da súa vida en diferentes capítulos, vai contando os acontecementos do día a día. 

A parte que máis me gustou foi o final xa que o seu amigo quere marchar ás Américas, e el tamén quere ir pero seus pais non lle deixan. Tamén me gustou cando viu á súa antiga profesora que a el lle gustaba e quería que volvera a dar clases, xa que o outro profesor era un andaluz e non se entendían. 

Este libro é fácil de ler, pero se fora unha historia que non contara unha cousa diferente en cada capítulo sería bastante máis fácil. O vocabulario tamén é fácil de entender, sempre que sexas un/unha galego/a do rural, aínda que hai algunhas palabras que eu non entendía pero se segues lendo acabalo entendendo polo contexto. 

Como xa dixen, o único que cambiaría sería o de poñer todo unha historia en vez de poñer unha historia diferente en cada capítulo. Este libro impactoume xa que ao lelo simpatizas cos teus avós, sabes o que viviron, e faiche saber como se vivía naqueles tempos.

Laura Pena Gutiérrez (3º ESO)


Este libro para min é un dos mellores que lin, para o meu gusto está moi ben escrito, e expresa moi ben as ideas que ten o autor sobre a vida na aldea. Conta as diferenzas ente os nenos que son fillos dos ricos e os que son fillos dos pobres, como é o caso Manolito que é o fillo do xefe da aldea, é dicir, é de familia rica, en cambio Balbino é de familia pobre, e a raíz de iso pasan moitas cousas relacionadas coas diferenzas que existen entre Manolito e Balbino. 

Ten momentos moi importantes como por exemplo o momento no que Balbino lle tira a pedra a Manolito e lle dá na cabeza, e se non ocorrera isto, o final do libro para min non tería moito sentido, pero aínda así o final cambiaríallo e a Manolito e seu pai faríaos pagar por todo o que fixeron. 

O tema do libro está moi ben se queres achegarte máis á vida no rural. O vocabulario enténdese moi ben, non é complicado. Así que se queredes saber de como é a vida rural da aldea só tedes que ler este libro.

Lucía Viqueira García (3º ESO)


O libro “Memorias dun neno labrego” vai sobre un rapaz chamado Balbino que lle ocorren moitas cousas, todas moi emocionantes. O relato non é aburrido porque vai sobre distintos temas, os capítulos case non teñen que ver uns cos outros. 

Para a xente que lle guste ir de festa pois este libro tamén lle gustara porque por exemplo aparece a festa de San Xoán. 

A min esta obra gustoume moito porque engloba varias temáticas: por exemplo o amor, porque a Balbino gustáballe a súa mestra e un día que foron á feira, atopouno da man dun home, era o seu noivo, ese mesmo día pola tarde foi á súa casa e un veciño díxolle algo que non lle gustou nada e desde ese día non volveu á escola. 

Tiña un mellor amigo que se chamaba Lelo e tivo que emigrar a América e relacionábanse por cartas. 

A min o libro resultoume moi fácil de ler porque o vocabulario é moi sinxelo, recoméndollo a todo o mundo porque é moi entretido e tamén para a xente que non lle guste ler pode lerse moi rápido.

Vannia Antelo Iglesias (3º ESO)