Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



xoves, 30 de novembro de 2023

Book tráiler (VI): Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas. Realizado por Laura Noya Sánchez

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas (col. Biblioteca Neira Vilas. Galaxia, 2016). Realización youtubeira: Laura Noya Sánchez, 4º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

Balda de Libros (IV): A banda sen futuro, de Marilar Aleixandre

 


A banda sen futuro. Marilar Aleixandre. Xerais

A banda sen futuro, escrito por Marilar Aleixandre,é un libro moi interesante, xa que fala dun tema moi importante, os prexuízos, ademais reflicte a importancia de apoiar a xente que está pasando por un momento complicado na súa vida.

O vocabulario e a lingua parecéronme fáciles de entender, aínda que houbera palabras que tivera que buscar no dicionario.

Carlota foi o personaxe que máis me enganchou, sendo a protagonista non se podía esperar outra cousa. Penso que é unha rapaza moi intelixente e cunha forza interior sorprendente, capaz de afrontar e superar calquera problema, por moi grave que sexa.

A avoa, sen ter un papel principal, xoga un papel fundamental na historia, xa que grazas a ela dáse conta das cousas verdadeiramente importantes da vida. Non teño dúbida de que a fortaleza de Carlota herdouna dela.

Finalmente, recomendo ler este libro sobre todo aos adolescentes xa que parte do argumento podería ser a vida cotiá de calquera rapaz ou rapaza da mesma idade de Carlota.

Cristina García Regueiro (3º ESO)

O libro contén moitas cousas interesantes sobre a adolescencia e demais, aínda que o tema principal é que Carlota, unha nena adolescente, por culpa dun eccema tivo que cortar o cabelo todo. Este tema interesoume moito xa que esas cousas non lle ocorren normalmente ás persoas no día a día.

Ademais de Carlota están outros personaxes coma Lidia, que é unha rapaza que dende o momento no que Carlota chegou ao colexio non parou de molestala xunto a outros rapaces e rapazas da clase, Mister Bean, que é o profesor de Inglés que para min é un personaxe moi relevante no libro posto que Carlota acode varias veces a el. E Moncho, un rapaz que, ao comezo do libro non é moi

relevante pero cara ao final faría moi boas migas con Carlota.

Tamén me gustou que a historia a contase Carlota dende o seu punto de vista porque así temos unha perspectiva moi clara de como é ter eses problemas e tamén saber que se sente.

O desenvolvemento da historia pareceume bastante axeitado porque contaba todo con calma e de maneira sinxela; e o final non me gustou porque deixaba moi aberta a historia e non puiden saber que acontecía despois, se o libro contase cun par de capítulos nos que terminase de explicar e resumir o que pasa pareceríame un desenlace moito mellor e máis axeitado.

Diego Vásquez Fernández (3º ESO)

Esta novela está protagonizada por Carlota, unha rapaza de dezaseis anos que por culpa dun eccema tivo que cortar o cabelo. Este tema é moi importante xa que nos fala dos prexuízos que teñen os seus compañeiros cara ela, sobre todo ao comezo.

A miña personaxe preferida foi a protagonista, Carlota. Ao comezo vese moi acomplexada e cústalle relacionarse pero pouco a pouco vai facendo amigos no novo instituto. A avoa de Carlota é unha personaxe que tamén me gustou moito xa que pasan xuntas moito tempo. Ao longo do libro Carlota tamén comezará a ter amigos como Paulina, unha rapaza morena coa que soe ir ao cine.

Outro personaxe que me gustou moito foi Míster Bean, o profesor de inglés, xa que é comprensivo co alumnado, escoita os seus problemas e está disposto a axudarlles. E tamén Moncho, un rapaz que vai co cranio rapado e que comeza a fixarse en Carlota.

Os personaxes que menos me gustaron foron Miguel, xa que llo fixo pasar mal a Carlota e Gracia, a profesora de debuxo, porque sempre tiña problemas co alumnado.

É unha novela interesante e emocionante.

Pareceume un libro fácil de entender e recoméndoo para todos os adolescentes pero en concreto para os que están pasando por unha situación similar a esta.

Lucía Rey Martínez (3º ESO)

martes, 28 de novembro de 2023

Book tráiler (V): O enigma do baúl pechado, de Xosé Antonio Neira Cruz. Realizado por Sofía Dafonte Pazos

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela O enigma do baúl pechado, de Xosé Antonio Neira Cruz, con ilustracións de Luz Beloso (col. Árbore. Galaxia, 2020). Realización youtubeira: Sofía Dafonte Pazos, 2º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

martes, 21 de novembro de 2023

Balda de Libros (III): Os dous de sempre, de Castelao


 

Os dous de sempre. Castelao. Galaxia

Os dous de sempre conta a historia de dous rapaces, que ao final do libro acaban sendo homes. Que se levaban moi ben, e non se enfadaron nunca. Un chámase Pedriño, que era un pouco "pasota", e non quería facer nada, que a min non me gustaba moito, e outro chamábase Rañolas, que a min era o que mais me gustaba, xa que a pesar de que non tiña pais, e tampouco pernas, sempre quería seguir coa súa vida, pero ao final consegue poñer unhas pernas ortopédicas. Se queres saber máis sobre esta novela tes que lela.

Agora vou dar a miña opinión sobre esta historia. A verdade é que me parece unha historia bastante entretida, aínda que lle cambiaría algunhas cousas, por exemplo, que fala dalgúns temas como o suicidio, sen ningún tipo de pudor, e pode ser que a algunhas persoas que ao mellor tiveron que pasar por iso, que lle afecte. Tampouco me acaba de convencer que sexa un libro bastante longo, e moi repetitivo, o que fai que ás veces a narración se faga algo aburrida.

Ten un vocabulario ao principio algo complicado, pero despois xa é máis sinxelo a medida que avanza a historia, e iso fai que ao final sexa bastante fácil de comprender.

Zaira Antelo Iglesias (4º ESO)

Os dous de sempre é unha obra moi entretida é sobre todo bonita, conta a vida de dous amigos dende que eran pequenos ata maiores.

Paréceme moi triste a vida do pobre Rañolas, xa que me dá a sensación de que é moi bo neno, e por culpa da súa discapacidade non pode vivir a vida como se merece, ademais de que se ten que buscar a vida como pode. Pero logrouno xa que lle foi ben coa súa reloxería. Dáme moita mágoa que ao final se suicidara xa que merecía vivir unha vida máis feliz.

Pedriño paréceme todo o contrario, é mal rapaz desde pequeno, cando eran pequenos sempre se aproveitaba da inocencia de Rañolas. De maior seguía sendo igual é só pensaba en si mesmo, nunca nos demais.

O meu personaxe favorito é Rañolas polo seu bo corazón, e tamén porque a pesar das súas dificultades nas súas pernas seguiu adiante para gañarse a vida aínda que ao final se suicidara pola súa dor.

O personaxe que menos me gustou foi a nai de Filomena, xa que me parece moi mal falada é con pouco respecto.

Pedriño tampouco me gustaba moito porque se aproveitaba da inocencia dos demais sobre todo cando ameazou a súa muller para ter respecto. Ao final sempre acababa logrando todo o que el quería facer.

Nuria Recouso Pena (4º ESO)

A miña valoración persoal deste libro é que me gustou moito xa que vai narrando a vida de Pedriño e Rañolas. Ademais é fácil de ler xa que o seu léxico é moi sinxelo. Tamén ten os capítulos curtos polo que non te cansas de ler. Tamén é moi entretido polo que se le rapidamente sobre todo se che gusta ler este tipo de narracións.

O momento que máis me gustou foi cando Rañolas e Pedriño se volvían a reencontrar xa que levaban tempo sen verse, e cando contan como lle foi a vida nese período de tempo no cal non se vían. Pola contra, o que menos me gustou deste libro era o trato que lle daba a nai de Filomena, a sogra de Pedriño, a Pedro xa que o insultaba e dicíalle que era un larchán.

O meu personaxe preferido é Rañolas xa que era moi traballador e se buscaba a vida como podía. Pedriño non me gustou tanto xa que sempre esperaba a que súa tía lle mandase comida e tamén esperaba ter cartos sen facer nada polo que cando ía traballar lle era imposible durar unhas semanas nese posto.

Valeria Grela Bello (4º ESO)

Este libro cóntanos a interesante vida de dous rapaces: Pedriño e Rañolas, totalmente diferentes.

Un dos rapaces, neste caso Rañolas, ten unha personalidade loitadora, intenta conseguir sempre o que quere a pesar da súa discapacidade, axudándose tamén da súa intelixencia. En cambio o outro rapaz, Pedriño, a pesar de todas as súas facilidades decide non perseguir ningún soño e despreocuparse do seu futuro.

Nesteas escenas tamen interveñen outros personaxes como a tía de Pedriño, a muller de Pedriño… personaxes secundarios pero que lle dan interese á historia.

Para min o momento máis importante foi cando Rañolas se suicida, xa que é un momento moi tráxico, e mais pensando os motivos polos que tomou esa decisión e relacionándoos coa vida real, xa que no día a día iso tamen ocorre.

Foi moi interesante e emocionante ir lendo as aventuras de cada un dos rapaces ata que se fan adultos. Penso que non cambiaría ningún momento do libro xa que está moi ben como está. Non é nada complicado de ler e animo á mocidade e á xente máis maior a lelo.

Carla Lema Domínguez (4º ESO)

 

 

luns, 20 de novembro de 2023

Book tráiler (IV): Corredora, de María Reimóndez. Realizado por Ariadna Hernández Bautis

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Corredora, de María Reimóndez (col. Fóra de Xogo. Xerais, 2017). Realización youtubeira: Ariadna Hernández Bautis, 2º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

martes, 14 de novembro de 2023

Book tráiler (III): A balada dos unicornios, de Ledicia Costas. Realizado por Sofía Dafonte Pazos

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela A balada dos unicornios, de Ledicia Costas, con ilustracións de Mónica Armiño (Xerais, 2018). Realización youtubeira: Sofía Dafonte Pazos, 2º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

luns, 13 de novembro de 2023

Balda de Libros (II): Dos arquivos do trasno, de Rafael Dieste

 

Dos arquivos do trasno. Rafael Dieste. Galaxia

Este libro conta cunha serie de diferentes relatos que teñen en común un punto de inquedanza, xa que trata numerosas veces o tema da morte neles.

Non é un libro complicado de ler e ademais é xeralmente curto con relatos de dúas ou tres páxinas, polo que non custa entendelos e fai que resulte máis doado seguir o ritmo de lectura.

O meu personaxe favorito é o home que rexuvenecía cos anos en lugar de envellecer. Gústame moito porque é unha capacidade que lle permitiu ter unha vellez adiantada para poder traballar e saber como ía ser de vello sen ter os anos. Aínda que o seu final non foi o mellor, xa que se acabou suicidando, ten unha capacidade orixinal e diferente que nunca lera en ningún libro.

O personaxe que menos me gustou foi o vello Moreno xa que abandonou á muller sen reparo ningún pensando só no seu beneficio.

En resumo pareceume un bo libro cunha trama afastada do que eu adoito ler, pero está bastante ben relatada e non se fan pesadas as historias.

Uxía Mariño Parafita (4º ESO)

martes, 7 de novembro de 2023

Book tráiler (II): Ameaza na Antártida, de Ramón Caride. Realizado por Fernando García Regueiro

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Ameaza na Antártida, de Ramón Caride, con ilustracións de Miguelanxo Prado (col. Merlín. Xerais, 2000). Realización youtubeira: Fernando García Regueiro, 1º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)