Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



martes, 22 de enero de 2019

De relatos favoritos

Entre actividade e actividade, case se nos esquece comentar os relatos que máis nos gustaron dos participantes no Concurso de relatos convocado polo Día da biblioteca, o 24 de outubro. Este curso, botóusenos o tempo enriba e non fixemos pública a decisión final ata o 21 de decembro. Estivo moi disputada a cousa.

 Finalmente, estas foron as autoras e o autor favorito:



1º de ESO - Alicia Martínez Rodríguez e Ana Señarís Veiras

2º de ESO - Laura Codesido Fernández e David Rodríguez Blanco (os seus relatos repiten como favoritos, xa que tamén o foron o curso pasado)

3º de ESO - Leticia Añón Guerra e Paula Noya Redondo ( tamén repite)

Poucos foron os relatos presentados na clase de 4º, e non escollemos ningún. Non obstante, temos que destacar o traballo de Uxía pola súa orixinalidade.


Iremos subindo os diferentes relatos para que valoredes a calidade e orixinalidade do noso alumnado. Hoxe ímosvos deixar co relato de David Rodríguez Blanco, de 2º de ESO.

O misterio da nena sen vida



Pablo ten 13 anos, vive en Lugo e vai en 2º da ESO. Coma un día normal acudiu á escola.
El e a súa clase están preparando unha obra de teatro moi longa. No medio da clase o director chama aos alumnos para presentarlle unha alumna que chegara ese mesmo día a escola. Aquilo era moi estraño, en pleno mes de marzo aparece unha nova alumna e ademais un mércores. A nena era moi rara, era alta, tiña o pelo longo e negro, tiña os ollos azuis e unha mirada moi seria e incomodante.
A xente deulle a benvida con moita alegría, pero ela non contestaba a nada e seguía seria. Ela chamábase Miranda, era dunha pequena vila de Portugal. Veu vivir a Lugo porque súa nai e seu pai traballan nunha empresa na que se tiñan que trasladar a moitos lugares. Eles viviran en moitos lugares: naceu en Portugal, aos 8 anos mudouse a Londres, aos 9 a Madrid, aos 11 a Berlín, e aos 12 a Estrasburgo e agora Lugo. Ela sabía moitas linguas, un total de 8.

Na escola as súas notas eran as mellores da escola, sacaba 10 en todo e sempre facía os traballos e deberes, pero nunca participaba, sempre estaba calada. O motivo das excelentes notas de Miranda non era só que estudase moito. Tamén era que a súa familia era adiñeirada e ela sempre tivo profesores particulares, ademais de 9 horas de clases diarias e a esixencia dos seus pais.
Co paso do tempo, os alumnos empezaron a tratala como a “rara da clase”. Empezou a estar sempre desapercibida, sen amigos, soa e coa súa expresión peculiar. Pero a ela parecía non importarlle. Ademais algunha xente lle tiña envexa porque vestía con roupa moi cara.
Chegara o día no que o profesor ía elixir aos dous protagonistas para a obra de teatro. Cada alumno tiña un número, Miranda era o 5 e Pablo o 17; o profesor escribira os números nuns papeis, meteunos nunha caixa e meteu a man para sacar os 2 números:
-O 17, dixo o profesor.
-Ben!, dixo Pablo
-Parabéns, dixeron os compañeiros.
-Seguinte número... O 5!
-....(Ninguén dixo nada excepto unha nena chamada Ana que dixo: Quen é esa?).
-A nova, dixeron os demais.

Xa elixidos os protagonistas o profesor repartiu os guións e empezaron a ensaiar, esa foi a primeira vez que oíran a voz de Miranda. A Pablo non lle caía ben, parecíalle mala persoa pero seguíalle sendo misteriosa. O profesor díxolles que debían ensaiar e tamén facer un traballo sobre a obra cun libro que só había nas bibliotecas. Miranda e Pablo foron á biblioteca ao saír da clase, a unha moi grande e extensa que posuía varias salas para ler. Colleron o libro e entraron na sala número 42, estaban eles sós. Empezaron o traballo ás 16:00, falaron do traballo pero de nada máis, coma sempre Miranda seguía co mesmo entusiasmo, é dicir, nulo. Estaban facendo o traballo cando de súpeto as luces apagáronse, todo estaba escuro e non se oía nada. Pablo prendeu a lanterna do móbil, intentou abrir a porta da sala pero estaba pechada. Preguntoulle a Miranda que pensaba que ocorría, pero ela non contestaba. Alumeou cara ela pero non estaba. Asustouse moito ao ver iso, daquela decatouse de que a biblioteca pecha ás 22:00 e eran as 22:20. Naquel momento gritou pero ninguén o escoitou e aquí cando comeza a historia da nena sen vida feito polo diario de Pablo:

-Día 1:
Escribo este diario polo que me empezou a ocorrer onte, estou nunha biblioteca, levo todo o día sen comer e non hai luz. Sigo sen saber da miña compañeira e o que non entendo é porque a biblioteca non abriu está mañá.

-Día 2:
Teño moita fame e sede, teño frío, sigo sen saber de Miranda. Hoxe a porta abriuse tras terlle dado moitos golpes, collín a lanterna e atopei un gran cartel na sala principal que poñía “A biblioteca cerra para sempre, será substituída pola nova biblioteca na Praza de Italia, un saúdo”. Non sabedes o medo que tiven ao ler iso. Non teño cobertura, así que non podo chamar a ninguén. Seguro que meus pais están moi preocupados por min, pero non lle dixen que ía a esta biblioteca. 

-Día 3:
Pode que morra do frío ou da sede, así que doulle unha aperta e bicos a toda miña familia. Estouno pasando moi mal, nunca me aburrín tanto na miña vida.

-Día 4:
Hoxe espertei por un ruído que proviña do fondo da sala, fun mirar, o ruído era cada vez máis forte. Decateime de que había unha greta na parede. Xa non podía máis, así que empecei a gritar e golpear a parede. A parede era oca e rompela era moi sinxelo. A parede rompeu e do outro lado vin por primeira vez a luz en 4 días. Sorprendentemente nesa sala estaba Miranda sentada nunha cadeira tomando limoada, o primeiro que fixen foi pedirlle algo de beber e comer, bebín e logo comecei a falar. Díxenlle todo o que me pasara, abraceina e pregunteille que facía alí. 
-Se fixen isto foi por algo. Ti botáchesme de menos?
-Si..., pero iso que ten que ver?
-Dáste conta de que ninguén me falou en todo o tempo que levo na túa escola?
-Si...
-Pois para iso fixen isto, para que te deras conta de que a xente xulga sen coñecer, todos me tratades como a rara, ademais dos alcumes de “a morta”, “dona muda”, etc. E todo isto simplemente polo feito de estar seria e non falar. Non é a primeira vez que me pasa, en todos os países que estiven ocorreu isto. Nunca puiden facer amigos. Pero esta vez quería facer ver a alguén o que ocorre. Non te preocupes, avisei aos teus pais do que ía a facer, é verdade que a biblioteca pechou, así que avisei para que non lle fixeran caso aos teus berros. Ademais distraínte para que non miraras o reloxo.
-Sabes..., tes razón, síntoo moito. De feito, creo que es moi amable.
-Eu tamén.

E así foi como agora estamos casados Miranda e eu. Así que recorda que a persoa que menos esperas pode ser a túa namorada.

E así foi o final da historia da nena sen vida.