Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



xoves, 19 de maio de 2016

Balda de Libros (XLIII): A sorte de espertar, de Xabier Alcalde.



O momento que máis  me gustou deste libro foi a festa dos curmáns de Aurora. Tamén me gustou moito que Aurora buscase amigos, non só por ser intelixentes como ela, senón por ser boas persoas, e que ela e Lidia fixeran unha boa amizade. Outra cousa que me gustou foi que Lidia fose capaz de se enfrontar a seu pai.

Os personaxes que máis me gustaron foron Aurora e Lidia, unha polo feito de ser protagonistas deste libro, e outra porque fixeron unha moi boa amizade en tan pouco tempo, tamén que ao final desta narración fosen quen de contar o que lles pasaba unha a outra. 

Este libro é divertido, aínda que ao principio a min pareceume un pouco aburrido, xa que non hai ningún diálogo. Polo resto o libro gustoume moito, aínda que se eu fose a autora do libro cambiaría a final, para que as dúas rapazas non se tiveran que separar e non ter que romper a súa  gran amizade. 

Eu recomendaría este libro a adolescentes, xa que se reflicte o importante que é axudar a unha persoa, cando está  débil, xa que é cando máis o necesita. Aos adolescentes este libro eu penso que lles vai gustar moito.

Nerea González López (3º ESO)


Paréceme un bo libro, xa que é fácil de entender e porque trata dun tema moi importante ao longo da historia: o camiño polo que te poden levar as amizades que escollas.  

O mellor momento do libro paréceme que foi cando Lidia e os seus pais aceptan o futuro de Lidia e deciden apoiala en non seguir estudando. O final non me gustou moito, xa que as dúas amigas sepáranse e a súa amizade que na miña opinión era única acábase nun momento para sempre. Eu cambiaríao por un no que Lidia e Aurora se seguisen apoiando toda a vida e que a súa relación durase para sempre. 

En canto ao desenvolvemento non faría ningún cambio. Gustaríme que houbese unha segunda parte desta historia para poder ver como lle foi a vida ás dúas protagonistas e comprobar se Aurora tivo todo o éxito profesional polo que estivo traballando.

Recomendaríalle este libro ás persoas ás que lles gusten os libro sen demasiada acción, nas que se reflexiona bastante.

Olaya Dubra Boquete (3º ESO)


A parte que máis me gustou foi cando a Aurora se lle ocorrera axudar a estudar a Lidia para setembro sobre os temas que tiña que recuperar porque á parte de que eran moi boas amigas lle daba pena que repetise. Entón ela fixo un gran esforzo e axudouna e ao final aprobara e cando chegou a onde ela deulle  un abrazo moi forte e díxolle a Aurora que lle debía unha porque se perdera todo o verán, Ademais gustoume esa parte porque foi un gran detalle pola súa parte, pòis as materias que máis lle custaban eran as Matemáticas, Sociais, Castelán e Bioloxía. 

A min este libro pareceume moi bo e á parte tamén moi interesante, fácil de comprender excepto algunhas palabras que eran moi complicadas pero que se podían sacar polo significado do contexto.

Eu non faría ningún  cambio porque me pareceu boa a narración e a miña opinión sobre este libro é que se lle podería recomendar a rapaces ou rapazas aos que lles gusten ler libros sobre os temas da escola.

Alejandro Vásquez Fernández (3º ESO)

Balda de Libros (XLII): Dragal II. A Metamorfose do Dragón, de Elena Gallego Abad



Este libro encantoume! Creo que me gustou máis ca o primeiro, que xa é dicir, porque o primeiro gustoume moitísimo. A saga Dragal, creo que se pode incluír nos meus libros favoritos.

Era case imposible interromper a lectura, xa que era como se o libro me chamara e me dixera que acabara a lectura. O libro engancha moito, porque a trama do libro é moi interesante. Hai que ter moita imaxinación para inventar un dragón como é o deste libro. E inventarlle a historia á Fraternidade...  creo que pode ser o máis complexo de inventar deste libro. Pero a autora conseguiu que todo conectara moi ben. Mellor do que eu cría!

Coma no anterior, o final aberto deixoume feita un lío. Non se fai iso, muller! Deixoume en tensión por saber o que acontecera con eles. Pero, na miña opinión, creo que o fixo moi ben. Non como noutros libros con final aberto que te deixan mal. Este libro fai moi ben o final aberto. E cada libro conecta con seguinte dunha maneira moi especial.

Durante toda a lectura experimentei moita inquietude. É como se todo o que envolve a Dragal, sexa unha escura brétema. Como se che deran calafríos.

Pese ao final aberto, demasiado aberto creo eu, o libro encantoume moito.

A forma de contar todo o que pasa, de describir cada detalle do dragón, é moi boa. A escritora fai que queiras devorar o libro e que continúes co seguinte.

A parte do dragón é xenial. A min encántame a fantasía e creo que Dragal é moi peculiar. Os seus poderes son moi interesantes. Quen me dera telos e usalos como eu quixera!

Recoméndolle este libro a quen lle guste a fantasía. Porque aos amantes deste campo, non os vai decepcionar. Creo que supera con creces o primeiro libro.

Está xenial!

Irene Noya González (3º ESO)

O momento que máis me gustou deste segundo libro de Dragal foi cando souben que Hadrián se estaba recuperando moi rápido, e que volvería a ser case normal. Tamén me alegrou saber que atoparan a Hadrián, pero o adolescente non estaba moi ben. Outra cousa que me gustou moito deste libro foi que Mónica non se separase en ningún momento do seu mellor amigo, e Hadrián puido confiar plenamente nela, porque non lle contaría a ninguén o seu segredo. 

A parte que menos me gustou foi cando o doutor lle ten que contar á nai de Hadrián, que este non ten moitas esperanzas de que sobreviva. 

Os personaxes que me parecen mellores son Hadrián e Mónica, non só polo feito de ser os protagonistas, senón porque son moi bos amigos e souberon coordinarse moi ben, durante todo o que pasaron xuntos. En cambio o personaxe que menos me gusta é Brais porque non puido aceptar que os seus compañeiros non lle fixeran caso, ademáis tiña moita envexa de Hadrián. Por iso o rapaz decidiu queimar a igrexa, pero eu penso que vai pagar polo que fixo.

Este segundo libro gustoume moito, igual que o primeiro. Xa que é moi entretido, tamén está cheo de misterio e tamén un pouco de intriga, porque acabas de ler un capítulo e tes moita curiosidade por ler o seguinte ata que se acaba o libro. Ademais ten un vocabulario moi sinxelo. 

Eu recomendaría este segundo libro de Dragal aos adolescentes que lles gusten as historias dos dragóns e a fantasía, que este vai ser o seu libro.  

Nerea González López (3º ESO)