Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



martes, 20 de setembro de 2011

Mañá comeza o outono



No youtube algúns din que o outono vive aquí, na Selva de Irati, mais pensamos que tamén podería andar por Trazo. Se o vedes, dicídelle que non temos presa porque nos visite.

Déixovos un comentario de Ramón Otero Pedrayo sobre este cambio de estación. A aldea, o outono, os labregos: o noso.

Xa os derradeiros días de sol amañeceron
unhas mancholas cor de cobre nas ponlas
máis valentes dos vellos negrillos da estrada.
Os amieiros musicais afeitos a seguir a carreira das
augas tamén adquiren unha mística pureza de ouro
melancólico sobre o lucir da alba. As campás do val
rachan as xordas néboas. No serán locen feixes de
rosas murchas nas montañas do poente. O outono.
“¡Que triste está a aldea!” din os cidadáns
maxinando os camiños lamigosos, as casas afumadas,
os espellos da auga encorada nos sucos do
centeo, o trecolear dos zocos nas costas pedregullentas.
O vivir parece que detén o seu ritmo ó
compás do crecemento das noites e do medoñento
caer das follas e dos ourizos nos soutos seculares. Xa
non estoupan os foguetes da festa nin se ergue o
alalá das escascas coma nas doces noites setembrinas.
O cidadán pensa que a aldea morre
agardando coa paciencia dos penedos a que volte o
ledo rexurdir primaveral. Mais chegádevos a unha
verdadeira parroquia campesía, ollade prós terreos,
entrade nos curros e veredes que a vida lonxe de se
deter, corre máis axiña e loce máis luminosa igual
que a lapa petrucial da lareira.
O labrego ergueu a colleita. O millo está nos
cabaceiros, a pinga nas pipas, o feno ben gardado
das chuvias. Os eidos quedaron espidos. E por certo
que este ano os labregos non tiveron que se matar
na angueira. Xa o ferrado de centeo sube de trinta
reás, a horta esgotouse coas calores, o millo nin
palla rendeu nas herdades. A irmá Fame entrouse
polas portas da aldea. Soio medrou a contribución
neste ano de gracia.
A vosa sorpresa será grande cando vos deades
conta dunha cousa insospeitada: o labrego, a pesar
de tantas calamidades, non está demasiado queixoso.
¿Sabedes a razón? Pois é ben sinxela: porque xa
vive no ano que vén. Xa latexa na esperanza.
A esperanza endexamais morre na aldea galega.
Nin despois dos pedrazos, nin cando cos grandes
traballos se recolle un pouco de herba pró gando,
nin cando decreban as feiras e o diñeiro procura
outros camiños que os da aldea. Agora as chuvias
caroais ameazan con afogar a semente do centeo fai
pouco depositada amorosiñamente nos sucos
tenros. Non importa. Ó correr do ano unha
esperanza inmorredoira corre nas conversas das
bodegas e das lareiras, nas escascas e nas rozas, e
loce no ollar dos paisanos cando nos seráns das
festas se demoran paseando quediñamente polos
eidos amados.
Na terra verdecente do adro dormen os ósos dos
que tamén traballaron, sufriron e agardaron. Un
misterioso sentimento de comunidade xunta os
vivos cos difuntiños. Das lousas gastadas do
cemiterio sae un consello grave e amigo. Tamén eles
pasaron por moitas calamidades mais se voltaran ó
mundo, outrora collerían a aixada e marcharían
ledos cara ó torrón labrego.
Apenas morta unha esperanza xurde outra
esperanza nova na primeira alborada. Os que veñen
da América renegan do traballo do agro e teñen
lástima irónica dos pais —os vilegos como eles din—
ó velos apegados ó rabo da aixada. Non pensan que
latexa na aldea unha forza que non se pode
conquerir nas grandes vilas, afumadas e resplandecentes,
do estranxeiro.

Novembro 1926

Ramón Otero Pedrayo


OUTONO

Visto en http://www.youtube.com/
Visto en http://alvarellos.info/index.asp