Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



Amosando publicacións coa etiqueta roteiros literarios. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta roteiros literarios. Amosar todas as publicacións

xoves, 16 de febreiro de 2023

Roteiro Rosalía de Castro “De Padrón polos Camiños”, saída didáctica de 2º e 3º da ESO


O próximo día 23 de febreiro celébrase o “Día de Rosalía de Castro”, na data do seu nacemento (ata hai ben pouco tiña o lugar o 24 e así figura aínda en moitos libros, mais novos achados documentais demostraron que nacera o día 23).

Como xa falamos nas aulas o artigo “Matinando arredor de Rosalía”, escrito por Xosé Pumar Gándara e que se pode ler nesta ligazón, afirma que: “María Francisca Martínez, fiel serventa da nai de Rosalía, que fixo de madriña no bautizo da nena, era natural da aldea de Raíndo, na parroquia de San Xoán de Campo, no Concello de Trazo”, a escasa distancia do actual CPI Viaño Pequeno.

Adiantándonos ás actividades que faremos no centro nesta data, este xoves 16 de febreiro, tivemos unha saída didáctica de 2º e 3º da ESO para realizar unha parte significativa do Roteiro Rosalía de Castro “De Padrón polos Camiños”, ben guiados polo especialista en Rosalía e en historia da arte, ademais de escritor, Manuel Lorenzo Baleirón.

Percorremos nunha andaina levadeira (non houbo moita queixa) os seguintes lugares: Estatua de Rosalía, Casa na Rúa do Sol, Cemiterio de Adina e Casa-Museo de Rosalía, coñecendo diversos aspectos da súa biografía e da súa obra literaria, mais tamén do seu home o historiador Manuel Murguía e dos seus fillos, sobre todo de Ovidio, que foi un recoñecido pintor na súa época, e de Alejandra que foi excelente no debuxo antes de o abandonar para coidar da súa nai enferma.

A primeira das dúas imaxes que acompañamos testemuña a nosa presenza no cuarto onde finou Rosalía de Castro e onde pronunciou as súas célebres palabras “Abride a fiestra, que quero ver o mar”, cando aínda o Ulla era navegable e desde alí podían ollarse as velas dos galeóns.

E na segunda os grupos de 2º e 3º da ESO aparecen diante da Casa-Museo de Rosalía, acompañados polo escritor Anxo Angueira, actual presidente da Fundación Rosalía de Castro, que casualmente se atopaba na casa preparando as actividades dos próximos días e que nos saudou.




martes, 24 de xuño de 2014

Non demos feito !!

Pois non, este terceiro trimestre foi desenvolvéndose tan tan cargadiño de actividades, datas relevantes, saídas extraescolares, exames... que non houbo tempo de dar conta das nosas múltiples actividades. Tentaremos a continuación facer balance das máis destacadas: 

- Finais de Marzo: Roteiro Literario-Cultural do Club de Lectura

Como cada ano, os membros do club de lectura organizamos o noso día extraescolar de visita cultural. Adiantamos a saída, que usualmente facemos coincidir na semana do Día do Libro, o 23 de Abril por coincidir xustiño á volta das vacacións de Semana Santa e ter programadas outras actividades para eses días.  
Este ano a nosa primeira parada foi na Coruña, no MUNCYT, tentando sacarlle o máximo partido ao lema proposto pola Asesoría de Bibliotecas Escolares este ano "Ler Ciencia na Biblioteca Escolar". Así, os de 3º e 4º de ESO visitaron e desenvolveron actividades na Exposición temporal  " Libros inmortales, instrumentos esenciales"  na que se exhibe unha selección das obras bibliográficas sen as cales non sería posible explicar a historia da ciencia. Os de 1º e 2º de ESO participaron no Taller Vidriera de Peteiro: Unha amena forma de aprender a estimar, clasificar e identificar   capacidades básicas para a ciencia, desenvolvendo a súa capacidade visual e de cálculo, a "lectura" de imaxes e números.  Ambos grupos tamén disfrutaron dunha visita guiada ás salas máis relevantes do Museo.

Fumos xantar, non sen atrancos, pois non dabamos atopado o camiño, á Casa Museo do escritor coruñés Wenceslao Fernández Flórez, onde fomos ben acollid@s e desfrutamos dunha agradable sobremesa xogando ao croquet, un dos pasatempos preferidos polo escritor,  e visitando o interior da casa.


-23 de Abril, Día do Libro: Litemateatro  


Esta actividade foi levada a cabo polo grupo de 3º de ESO, partindo a idea inicial dos membros do clube, mais implicando sabiamente a todo o alumnado de 3º, nun intento consciente de traballar a  competencia cultural e artística e a colaboración entre iguais. Consistiu na adaptación (para lectura) dramática “mateliteraria” dun fragmento do relato El escarabajo de oro de Edgar Allan Poe, representando aos personaxes calculando na procura dun tesouro,  aproveitando o lema deste ano proposto pola Asesoría de Bibliotecas Escolares, “Ler ciencia na biblioteca escolar”. Un mal cálculo lévalles aos protagonistas a fallar no achado do mesmo nun primeiro momento; afortunadamente, decátanse do erro e retoman os cálculos para finalmente atopalo. Todos os cursos da ESO disfrutaron da escenificación que tivo lugar o Día do libro, 23 de Abril.
















- 17 de Maio, Día das Letras Galegas: Concurso "As letras galegas favoritas d@s prof@s"

Conxuntamente co equipo de Normalización Lingüística, argallamos unha pequena exposición dos libros escollidos polo profesorado, os seus favoritos. O alumnado debía emparellar @ prof@ co seu libro. Esta actividade dou moito xogo para falar de autores, libros argumentos... e conseguir bos premios: un lote de productos galegos de calidade.

E andando, andando...chegou Xuño !!!! Exames, traballos, máis exames, máis traballos... e por fin  VACACIÓNS !!!   Bo verán !!!!

xoves, 13 de febreiro de 2014

Crónicas da visita didáctica á Casa da Matanza (Fundación Rosalía de Castro) en Padrón e a Casa Museo Manuel Antonio e o Museo do Mar en Rianxo




A pasada semana todo o alumnado de 3º e 4º da ESO e de 4º de PDC realizou unha saída didáctica para visitar a Casa da Matanza (Fundación Rosalía de Castro) en Padrón e a Casa Museo Manuel Antonio e o Museo do Mar en Rianxo.


Publicamos as mellores crónicas sobre a visita.

Casa da Matanza (Fundación Rosalía de Castro)

É o que máis me gustou, porque había cousas moi interesantes e incribles como a coroza e os zocos que se poñían antes para saír fóra os días nos que chovía e había que traballar.
As roupas tamén me chamarón a atención porque mirando ben non son tan diferentes ás de agora, xa que se volven a levar a puntilla,camisetas curtas e saias máis longas,é moi semellante ás roupas dos grupos galegos de música tradicional.
Tamén me gustou moito como se reparou por fóra, é un sitio totalmente acolledor no que parece que dá tranquilidade nos días máis atormentados.
Tamén os escritorios tanto de Rosalía coma o de Murguía estaban moi ben situados, xa que estaban en lugares onde había boa luz, polo que tiñan moi bo lugar de traballo.
En xeral gustoume todo e a visita foi a máis entretida.

Alba Docampo Noya (4º PDC)

O museo que máis me gustou foi o de Rosalía de Castro. 
Cando chegamos, o primeiro que vin foi unha casa das antigas cun enorme xardín. 
Despois entramos para adentro e unha muller foinos explicando toda a súa vida, ao tempo que viamos fotos personais de Rosalía, documentos importantes, como o seu rexistro de nacemento. 
Noutra das salas había cousas relacionadas coa súa morte, como unha esquela ou coroas que lle mandaron.
Logo subimos á pranta superior, onde puidemos ver o seu dormitorio, un salón, o comedor e tamén unha especie de biblioteca. E tamén había instrumentos de cociña antigos.
Finalmente marchamos, pero antes fomos a unha minitenda, por se queríamos comprar algo.

Jennifer López Becerra (3º ESO)

Museo do Mar (Rianxo) 

A min o museo que máis me gustou foi o “ Museo do Mar” porque entre as miñas afeccións está a pesca.
No museo vimos unha chea de cousas. En primer lugar vimos as redes de arrastre e de deriva, tamén vimos algunhas técnicas de pesca como as nasas.
Máis tarde fomos a outra sala na que vimos como se facían os barcos dende que recollían a madeira ata que lle daban unha capa de pintura. 
E por último vimos a evolución dos barcos (cando se iniciaron os barcos a motor).
Tamén vimos os instrumentos que utilizaban para facer os barcos. Incluso nos contou a anécdota de que debaixo dunha pedra no soto do local había unha chea de moedas de ouro

Iván Señarís Veiras (3º ESO)

A min o museo que máis me gustou foi o Museo do Mar porque a explicación que nos deron foi a máis complexa dos tres museos e foi bastante fácil de comprender.
Ademais, o tempo que estivemos en cada sala foi máis ou menos o mesmo (non foi desquilibrado). Comparando este museo cos outros foi no que máis cuidemos participar.
Neste museo vimos un lote de cousas. Primeiro, comezamos situando a Rianxo e falando da pesca onde vimos un gran mapa no chan. Tamén vimos técnicas de pesca que estiveron moi ben representadas cos barcos nas vitrinas. 
Por último fomos vendo o proceso de contrición dos barcos e a súa evolución.


Marta Veiras Noya (3º ESO)

martes, 9 de agosto de 2011