Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



Amosando publicacións coa etiqueta concurso. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta concurso. Amosar todas as publicacións

luns, 25 de marzo de 2019

Máis relatos, bos relatos, do alumnado

O relato de Leticia de 3º de ESO, dos que máis nos gustou no certame de relatos convocado polo Día das bibliotecas, quedábasenos na nosa "base de datos" sen telo compartido aquí. Non pode ser !!!

 Os cen libros


-O 15 de novembro hai control de lectura, as persoas que non collestes aínda o libro recoméndovos que o collades se non queredes suspender lingua- dixo Anselmo o meu profesor de galego.

-Ariadna –chamoume a miña amiga Camila- ti aínda non colliches libro verdade?
-Non -dixen eu poñendo os ollos en branco.

-Recoméndoche que leas Aire negro, está ben é e curto- dixo.

-Xa verei, pero grazas

Cheguei á casa e púxenme  a ver Teen Wolf, en Netflix. Despois de acabar un capítulo deste recordei que tiña que escoller un libro.

Fun polo meu arquivador e busquei no apartado que poñía lingua, había un montón de libros onde escoller. Collín a listaxe e marchei rumbo á biblioteca, quedábame cerca da casa, podía ir andando. A dicir a verdade esa foi a primeira vez que entrara na biblioteca, xa que como non me gusta ler. Normalmente sempre lle pido un resumo a un compañeiro ou ao meu queridísimo amigo “El rincón del vago”, pero esta vez decidín ler eu mesma o libro xa que non podía seguir así.

Cando xa estaba dentro da biblioteca quedei coa boca aberta, os meus ollos percorrían toda a biblioteca observando o “mogollón” de libros que alí había. Estaba todo moi ben organizado polo apelido do autor, por linguas e por categorías. A  min gústame o misterio e a fantasía sobre todo nas películas. Mirei a listaxe e debía de haber polo menos uns 100 libros apuntados nela, e menos mal que ao lado de cada título aparecían as categorías. En total había 23 de fantasía e 36 de misterio, o resto eran de romance, aventura, suspense...

Pasadas un par de horas xa só me quedaban 3 libros para escoller. Funme sentar a unha  mesa, e comecei a ler os libros así por enriba, cando oio que alguén está a falar comigo. Levantei a cabeza e encontreime cuns ollos color café que me estaban a mirar, era un rapaz mais ou menos da miña idade con lentes e co pelo negro, delgado, bastante guapo, para que negalo.

Apartou a mirada e agora estaba a mirar os libros sinalando un que poñía O gardián invisible de Dolores Redondo.

-Este está moi ben, é un dos meus libros preferidos- dixo o rapaz.

-E que non sei cal é o mellor, cal me recomendas?- preguntei.

-Sen dúbida este –dixo sinalando o mesmo libro de antes.

-Grazas eh...

-Marco –dixo- chámome Marco.

-Grazas Marco.

-Ben ,teño que marchar que se me fai tarde, e grazas –dixen collendo o libro que me recomendara Marco e dirixíndome a onda a bibliotecaria.

-Espera -dixo Marco- que che parece se te apuntas ao club.

-Que club?

-O de lectura.

-Non sei...non me gustan moito os libros -por non dicir nada pensei.

-Veña, porque non probas e se non che gusta desapúntaste.

-Está ben, pensareino -dixen e marchei despois de rexistrar o libro.

Ao chegar a casa subín as escaleiras e tombeime na cama e comecei a ler o libro.

Aquela fora a primeira vez que entrara  na biblioteca pero podería non ser a última.





martes, 12 de febreiro de 2019

Alumnado que sorprende con relatos inquietantes (e brillantes)

Pausa por Laura Codesido Fernández (2º ESO)

(relato destacado no Concurso do Día das bibliotecas)



Ola, chámome Paula e teño 16 anos, estou no instituto Rosalía de Castro en Santiago de Compostela estudando letras. Ben, mellor dito, agora mesmo non estou no instituto Rosalía de Castro, agora mesmo estou no instituto William Frankling Miller en Chicago. E por que? Preguntarédesvos moitos, ou non, ben, dá igual, prosigamos, a ver estou en Chicago porque estou desfrutando dunha das bolsas de estudo de Amancio Ortega.
A verdade é que aquí estou moi ben aquí, tocoume unha familia dun matrimonio gay, Damion e Alfonso, cunha filla, Mary, e un fillo, Famous. O mellor é  que Alfonso é venezolano e con el podo falar en castelán.
Na escola tamén teño moitos amigos, os meus mellores amigos de aquí son Hadmed, que é de Arabia Saudí pero emigrou aquí a Chicago fai uns anos, Michael, Sky e Helen que son de aquí de Chicago e Laura, que é de Córdoba.
Agora mesmo os da miña clase están en clase de Español, pero claramente Laura e eu non imos a esa clase, xa que o español é a nosa lingua materna. Nesta hora imos a unha sala onde facemos os deberes, estudamos, falamos, e demais cousas.
-Paula, quedan dous minutos para que toque o timbre, imos indo cara ao comedor?- preguntoume Laura-
Eu díxenlle que si e fomos as dúas cara ao comedor.
-Olaaa!- dixeron ao unísono Michael, Sky e Helen cando chegaron ao comedor-
-Que pasa Hadmed, non saúdas? Tes mala cara, que che pasa?- pregunteille eu a Hadmed-
-Chicos teño un problemón- dixo preocupado Hadmed-
-Que che pasa?- preguntou Michael-

-A ver, sabedes que o profesor de historia me mandou traer onte o Corán, non? Ben, pois cando cheguei á casa e abrín a mochila, non estaba, e hoxe busquei por todo o colexio coa axuda do conserxe e tampouco o encontramos! Non sei que vou facer- dixo preocupado Hadmed-
-Ben, non pasa nada, compras outro Corán, e xa está- dixo Sky-
-Non, non podo comprar outro Corán, ese libro é único. Leva mais dun século en mans da miña familia é moi importante para nós. Como non o encontre miña nai vaime matar.- dixo preocupado Hadmed.-
-Un momento- dixo Helen -o Corán que trouxeches era marrón cunhas liñas vermellas polos bordes?-
- Si,  por que? Encontráchelo?- preguntou Hadmed-
-Non, pero o outro día vin un coma ese na biblioteca, na sección de relixión- contestoulle Helen-
Nese momento fomos correndo cara á biblioteca. Nós pensabamos que non ía estar a porta aberta e non iamos poder entrar. Pero para a nosa sorpresa si que estaba aberta.
-Non nos berrarán se entramos aquí?- preguntou preocupado Michael-
-Bo, cala a boca e entra- respondinlle eu-
-Mira Hadmed, aí está!- exclamou Helen-
Nese momento fomos correndo cara a onde estaba o Corán. Víase que Hadmed estaba moi feliz. Hadmed colleu o libro coas súas mans pero así que o inclinou uns centímetros para sacalo do estante as luces empezaron a acender e apagar. Hadmed asustado soltou libro e este caeu ao chan. Nese momento pasou algo moi raro, non sei nin como explicalo. Unha forte racha de vento pasou por diante das nosas caras e as luces pararon de acender e apagar.
-Sentistes unha refoleada de vento?- preguntou Laura asustada-
-Si- contestamos o resto ao unísono tamén moi asustados-
Nese momento todos quedamos calados mirándonos uns a outros. Hadmed colleu o Corán do chan, pasou as follas para comprobar que era igual que o da súa familia e asentiu, entón os seis marchamos da biblioteca totalmente calados. Cruzamos o corredor igual sen que ninguén dixera ningunha palabra. Pero entón chegamos ao comedor. Cando vimos o que había aí dentro os seis detívémonos sorprendidos. O que os nosos ollos viron non era normal. Todo o mundo estaba totalmente parado, ata había uns spaghettis suspendidos no aire.
Quedamos arredor dun minuto calados observando todo ese panorama.
-Que?- preguntou Michael-
-Ai, Deus!- exclamou Sky
-Buff- budei eu-
-Isto non pode estar pasando- dixo Hadmed e nese momento desmaiouse-
Nós os cinco mirámonos, collemos a Hadmed e levámolo á enfermería. Cando chegamos á enfermería presenciamos o mesmo escenario que ollaramos no comedor.  Na enfermería estaban o director e a enfermeira, pero ao igual que no comedor estaban totalmente parados, sen mover nin un mísero músculo.
Sen pensalo deitamos a Hadmed na padiola e chamamos a urxencias. Ninguén colleu o teléfono.
Un ou dous minutos despois Hadmed espertou e nada máis espertar dixo Willis, Sears.
Nós non entendemos nada pero mentres Hadmed se recuperaba buscamos en google Willis. A primeira cousa que nos apareceu foi a torre Willis, unha torre moi importante que había alí en Chicago. Buscamos cousas sobre a torre Willis e atopamos outras das palabras que dixera Hadmed, Sears. Tamén buscamos Sears. Sears é unha cadea estadounidense de tendas de todo tipo de cousas, pero nos seus comezos só era de reloxos. O seu fundador foi Richard Warren Sears. Decidimos tamén buscar información sobre Richard Warren Sears.
-Dálle aí á wikipedia- dixo Paula-
Empezamos a ler a biografía de  Richard e non encontramos nada interesante, ata que…
-Un momento, para aí- dixo Helen sinalando unha foto dun dos modelos de reloxos desta cadea de tendas- de que me soa ese reloxo?-
-Ese é o reloxo da State Street aquí en Chicago, está moi preto de aquí, sobre un quilómetro. Podemos ir andando!- dixo Hadmed, que xa se recuperara-
Todos estábamos de acordo así que fomos a clase a coller os móbiles, que os tiñamos nas mochilas e fomos cara a State Street. Nas rúas todo estaba parado, non había nin unha persoa andando. Cando chegamos a State Street vimos o famoso reloxo.
-Agora que facemos?- preguntou Michael sen ningunha idea-
-E se miramos se hai algo dentro do reloxo?- preguntei eu-
-Vale, boa idea, pero como subimos?- preguntou sky-
-Mirade, alí hai unha escaleira- dixo Helen-
Fomos a unha ferretería onde había unha escaleira, e tamén atopamos un desparafusador para abrir ese vello reloxo.
Abrimos o reloxo, nel había un pequeno papel.
-Que pon? Rápido, leo Michael- dixo apresurada Helen-
-Tocarás as trompetas pero sen botóns para tocalas- leu Michael-
-Pero que?- estrañouse Sky-
-Creo que é unha adiviña- dixen eu- hai que intentar resolvelo-
-Tocarás as trompetas pero sen botón para tocalas- repetiu Laura- A ver, pensade en trompetas sen botóns…-
-Claro, xa o teño!- exclamou Hadmed- as vuvucelas que hai aí, son como trompetas pero sen botóns-
Collede a escaleira- dixo Helen- imos mirar dentro delas-
Michael subiuse outra vez é escaleira, pero esta vez para mirar nas vuvucelas que había colgadas no edificio de enfronte.
-Hai unha nota!- dixo emocionado Michael – non sei ler isto, é unha letra moi rara, creo que é árabe.
-A ver- dixo Hadmed acercándose para ler a nota- si, está en árabe. Aquí pon, vai ao regalo da vista pero non do tacto-
-Cal será o regalo da vista pero non do tacto?- preguntei eu-
-O regalo que hai no centro comercial Maci´s- dixo Sky- pódense ver pero non tocar-
Os seis fomos correndo inmediatamente ao centro comercial, cando chegamos había moita xente pero todos estaban quietos, como esperábamos. Cando chegamos a onde estaban os paquetes de regalos colgados do teito Laura e eu fixámonos nun en concreto. Tiña escrito algo pero dende a distancia non se vía moi ben, así que chamamos a Michael para que o lera. Michael colleu a escaleira e subiu.
-Creo que está en castelán!- dixo Michael – esperade, a nota está pegada con celo pódese quitar, agora a baixo.-
Michael baixou da escaleira coa nota e deunola a min e a Laura.
-Volve a onde todo comezou- dixo Laura lendo a nota-
-Temos que volver á biblioteca, onde todo isto comezou- dixen eu-
Os seis empezamos a correr moi rápido cara á escola, estabamos moi emocionados, podía ser que isto acabara moi pronto. Cando chegamos ao colexio todo seguía coma antes, claramente nada se movera, fomos rapidamente á biblioteca. Cando entramos Hadmed apresurouse a colocar o Corán no seu sitio do estante correspondente pero cando o ía colocar todos nos demos conta de que había outra nota.
Todos a empezamos a ler ata que eu moi sorprendida dixen.
-Está en galego!-
-Rápido, lea- dixo Hadmed-
-Abre o Corán por calquera páxina e le a primeira palabra da páxina- lin eu-
Hadmed abriu o Corán máis ou menos pola metade e leu a primeira palabra.
-Respectémonos- leu Hadmed-
Nese momento un libro saíu do chan e dirixiuse cara Hadmed.
-É o Corán da miña familia!- dixo Hadmed moi alegre-
Hadmed deixou o Corán que non era seu no seu lugar correspondente e como pasara a comezos de todo as luces empezaron a prenderse e a apagarse, e por último unha refoleada de vento pasou por diante das nosas caras.
-Continuará- dixo Hadmed-

- Que continuará?- preguntou Helen-
-Non sei, un momento, que facemos aquí na biblioteca?- preguntou Hadmed-
-Non sei- contestaron ao unísono Helen, Sky, Michael e Laura-
-Non vos acordades de nada?- preguntei eu-
-Que pasa? Témonos que acordar de algo?- preguntou Michael-
- Non, non pasa nada, vamos para o  comedor-

mércores, 6 de febreiro de 2019

Escritoras por descubrir en 1º de ESO

Publicamos hoxe outro dos relatos premiados no Concurso que organizamos con motivo do Día das bibliotecas.

Hoxe é a quenda de Ana Señarís Veiras, de 1º de ESO.



UN SOÑO DE BIBLIOTECA

Ola a todos e a todas eu son Sabela. O outro día fun visitar a biblioteca do colexio por primeira vez. Non era unha biblioteca normal, era moi rara, o que máis me sorprendeu foi que a biblioteca estaba ao revés, si ao revés, o que oídes. Pois os estantes estaban pousados nos libros, as mesas estaban no sitio das ventás e estas no sitio das mesas… Eu collín un libro que estaba tirado no chan, quíxeno levar prestado para a casa pero na biblioteca non había ningún profesor de garda, non había ninguén, estaba eu soa! Quedei moi sorprendida porque sempre que dou unha voltiña polos corredores do colexio vexo unha gran fileira de rapaces e de rapazas indo á biblioteca. Como estaba eu soa púxenme axexar todo moi ben, ver cantos libros aproximadamente había…, pero cando estaba mirando cara a un libro moi semellante a un que lera o ano pasado oio unha coñecida voz que me di: 
-Boas, que queres?-dime esa coñecida voz.
 Eu xireime asustada e díxenlle: -Nada, nada, só estaba mirando un libro que me interesa.-dixen eu ao verlle a cara. 
Esa voz tan coñecida era Leonardo o meu profesor de lingua galega, que me di: -Se queres podes levalo prestado para a túa casa- díxome Leonardo amablemente. 
-Vale encantaríame, pero unha cousiña porque esta biblioteca está ao revés e non hai ningún alumno?- dixen eu con moita curiosidade. 
-A ver, isto da biblioteca ao revés é unha nova moda das bibliotecas que se leva moito neste ano, e como que non ves a ningún neno? 
-Non, non hai ningún neno, mira ao teu arredor. 
-Pero ti estás cega ou que, mira aquí está Noa da túa clase e alá lendo un libro Marco. 
-Pero, eu non vexo a ninguén, só te vexo a ti. 
-Iso é imposible, debes de estar soñando- díxome el moi serio, e marchou. 
Eu non me crin o de que estaba soñando e tampouco que estaba cega, podería estar xorda porque a verdade non oio moi ben, pero cega, iso é imposible. Como ao final non me prestara o libro para levar á casa decidín marchar da biblioteca pero sabedes que, oín outra voz, e esta tamén me era coñecida e deina recoñecido, era a de Noa que me dixo: 
-Xa marchas Sabela. Eu moi preocupada sen saber quen me falaba dixen: 
-Noa es ti?- dixen eu.
 -Pois claro non me ves, ben a verdade é que non me podes ver porque non son realmente Noa a túa compañeira de clase.
 -Logo quen es? 
-Son Noa, a túa compañeira de clase pero nos teus soños. 
-Como nos meus soños!- dixen eu moi alterada. 
-A ver, explicareicho todo claramente- díxome ela con moita paciencia. 
-Ti estás soñando coa biblioteca do colexio porque mañá será a primeira vez que a visites, é dicir que se agora mesmo te belisco espertarás e todo volvera á realidade. 
-Haaaaa, iso non é verdade, eu non estou soñando.
 -Entón como é que non me ves. 
-Pois claramente non sei. 
-Queres que te belisque? 
-Vale, proba pero seguramente non é nun soño. 
-A ver, 1,2, e……… 
-Ahhhhhhh- gritei eu moi forte. 
Estaba na cama, tiñan razón estaba soñando. Quedei sorprendidísima, espero que a biblioteca do colexio sexa así porque a verdade gustoume moito. 

martes, 22 de xaneiro de 2019

De relatos favoritos

Entre actividade e actividade, case se nos esquece comentar os relatos que máis nos gustaron dos participantes no Concurso de relatos convocado polo Día da biblioteca, o 24 de outubro. Este curso, botóusenos o tempo enriba e non fixemos pública a decisión final ata o 21 de decembro. Estivo moi disputada a cousa.

 Finalmente, estas foron as autoras e o autor favorito:



1º de ESO - Alicia Martínez Rodríguez e Ana Señarís Veiras

2º de ESO - Laura Codesido Fernández e David Rodríguez Blanco (os seus relatos repiten como favoritos, xa que tamén o foron o curso pasado)

3º de ESO - Leticia Añón Guerra e Paula Noya Redondo ( tamén repite)

Poucos foron os relatos presentados na clase de 4º, e non escollemos ningún. Non obstante, temos que destacar o traballo de Uxía pola súa orixinalidade.


Iremos subindo os diferentes relatos para que valoredes a calidade e orixinalidade do noso alumnado. Hoxe ímosvos deixar co relato de David Rodríguez Blanco, de 2º de ESO.

O misterio da nena sen vida



Pablo ten 13 anos, vive en Lugo e vai en 2º da ESO. Coma un día normal acudiu á escola.
El e a súa clase están preparando unha obra de teatro moi longa. No medio da clase o director chama aos alumnos para presentarlle unha alumna que chegara ese mesmo día a escola. Aquilo era moi estraño, en pleno mes de marzo aparece unha nova alumna e ademais un mércores. A nena era moi rara, era alta, tiña o pelo longo e negro, tiña os ollos azuis e unha mirada moi seria e incomodante.
A xente deulle a benvida con moita alegría, pero ela non contestaba a nada e seguía seria. Ela chamábase Miranda, era dunha pequena vila de Portugal. Veu vivir a Lugo porque súa nai e seu pai traballan nunha empresa na que se tiñan que trasladar a moitos lugares. Eles viviran en moitos lugares: naceu en Portugal, aos 8 anos mudouse a Londres, aos 9 a Madrid, aos 11 a Berlín, e aos 12 a Estrasburgo e agora Lugo. Ela sabía moitas linguas, un total de 8.

Na escola as súas notas eran as mellores da escola, sacaba 10 en todo e sempre facía os traballos e deberes, pero nunca participaba, sempre estaba calada. O motivo das excelentes notas de Miranda non era só que estudase moito. Tamén era que a súa familia era adiñeirada e ela sempre tivo profesores particulares, ademais de 9 horas de clases diarias e a esixencia dos seus pais.
Co paso do tempo, os alumnos empezaron a tratala como a “rara da clase”. Empezou a estar sempre desapercibida, sen amigos, soa e coa súa expresión peculiar. Pero a ela parecía non importarlle. Ademais algunha xente lle tiña envexa porque vestía con roupa moi cara.
Chegara o día no que o profesor ía elixir aos dous protagonistas para a obra de teatro. Cada alumno tiña un número, Miranda era o 5 e Pablo o 17; o profesor escribira os números nuns papeis, meteunos nunha caixa e meteu a man para sacar os 2 números:
-O 17, dixo o profesor.
-Ben!, dixo Pablo
-Parabéns, dixeron os compañeiros.
-Seguinte número... O 5!
-....(Ninguén dixo nada excepto unha nena chamada Ana que dixo: Quen é esa?).
-A nova, dixeron os demais.

Xa elixidos os protagonistas o profesor repartiu os guións e empezaron a ensaiar, esa foi a primeira vez que oíran a voz de Miranda. A Pablo non lle caía ben, parecíalle mala persoa pero seguíalle sendo misteriosa. O profesor díxolles que debían ensaiar e tamén facer un traballo sobre a obra cun libro que só había nas bibliotecas. Miranda e Pablo foron á biblioteca ao saír da clase, a unha moi grande e extensa que posuía varias salas para ler. Colleron o libro e entraron na sala número 42, estaban eles sós. Empezaron o traballo ás 16:00, falaron do traballo pero de nada máis, coma sempre Miranda seguía co mesmo entusiasmo, é dicir, nulo. Estaban facendo o traballo cando de súpeto as luces apagáronse, todo estaba escuro e non se oía nada. Pablo prendeu a lanterna do móbil, intentou abrir a porta da sala pero estaba pechada. Preguntoulle a Miranda que pensaba que ocorría, pero ela non contestaba. Alumeou cara ela pero non estaba. Asustouse moito ao ver iso, daquela decatouse de que a biblioteca pecha ás 22:00 e eran as 22:20. Naquel momento gritou pero ninguén o escoitou e aquí cando comeza a historia da nena sen vida feito polo diario de Pablo:

-Día 1:
Escribo este diario polo que me empezou a ocorrer onte, estou nunha biblioteca, levo todo o día sen comer e non hai luz. Sigo sen saber da miña compañeira e o que non entendo é porque a biblioteca non abriu está mañá.

-Día 2:
Teño moita fame e sede, teño frío, sigo sen saber de Miranda. Hoxe a porta abriuse tras terlle dado moitos golpes, collín a lanterna e atopei un gran cartel na sala principal que poñía “A biblioteca cerra para sempre, será substituída pola nova biblioteca na Praza de Italia, un saúdo”. Non sabedes o medo que tiven ao ler iso. Non teño cobertura, así que non podo chamar a ninguén. Seguro que meus pais están moi preocupados por min, pero non lle dixen que ía a esta biblioteca. 

-Día 3:
Pode que morra do frío ou da sede, así que doulle unha aperta e bicos a toda miña familia. Estouno pasando moi mal, nunca me aburrín tanto na miña vida.

-Día 4:
Hoxe espertei por un ruído que proviña do fondo da sala, fun mirar, o ruído era cada vez máis forte. Decateime de que había unha greta na parede. Xa non podía máis, así que empecei a gritar e golpear a parede. A parede era oca e rompela era moi sinxelo. A parede rompeu e do outro lado vin por primeira vez a luz en 4 días. Sorprendentemente nesa sala estaba Miranda sentada nunha cadeira tomando limoada, o primeiro que fixen foi pedirlle algo de beber e comer, bebín e logo comecei a falar. Díxenlle todo o que me pasara, abraceina e pregunteille que facía alí. 
-Se fixen isto foi por algo. Ti botáchesme de menos?
-Si..., pero iso que ten que ver?
-Dáste conta de que ninguén me falou en todo o tempo que levo na túa escola?
-Si...
-Pois para iso fixen isto, para que te deras conta de que a xente xulga sen coñecer, todos me tratades como a rara, ademais dos alcumes de “a morta”, “dona muda”, etc. E todo isto simplemente polo feito de estar seria e non falar. Non é a primeira vez que me pasa, en todos os países que estiven ocorreu isto. Nunca puiden facer amigos. Pero esta vez quería facer ver a alguén o que ocorre. Non te preocupes, avisei aos teus pais do que ía a facer, é verdade que a biblioteca pechou, así que avisei para que non lle fixeran caso aos teus berros. Ademais distraínte para que non miraras o reloxo.
-Sabes..., tes razón, síntoo moito. De feito, creo que es moi amable.
-Eu tamén.

E así foi como agora estamos casados Miranda e eu. Así que recorda que a persoa que menos esperas pode ser a túa namorada.

E así foi o final da historia da nena sen vida.












martes, 30 de outubro de 2018

Máis relatos do noso alumnado

Mentres agardamos polos relatos cos que nos ides sorprender este ano, lembramos un dos que máis nos gustaron o curso pasado, escrito por Laura Codesido de 1º de ESO (hoxe en 2º).


                                  O meu xemelgo
Catro días sen luz, O dragón chamusquino, O quixote junior, eses son algúns dos libros escritos por Miguel Martínez, un famoso escritor de doce anos coñecido en todo o mundo.
Un día na escola…….

-Miguel, pon a cazadora para saír ao recreo- dixo Manuel, o profesor.-
-Non quero, non vai frío- dixo Miguel.-
-Vas enfermar- dixo Leire.-
-Canto apostas a que non enfermo?- preguntou Miguel.-
-Iso, iso, imos facer unha cousa, hoxe non poñas a cazadora, se esta semana enfermas tesme que dar o millón de euros que tes no banco, pero se non enfermas fágoche os deberes durante todo o ano. Aceptas? –preguntoulle Leire.-
-Si, acepto –afirmou Miguel.-
Miguel estivo todos os días totalmente ben. Non lle doía a barriga, nin a cabeza, nin vomitaba.
Pero o domingo, ás sete da tarde empezoulle a doer a barriga, media hora despois empezou a vomitar.
A súa nai levouno ao hospital para ver o que lle pasaba, alí os médicos dixéronlle que tiña gastrointerite aguda e que tiña que estar tres semanas na cama.
Miguel non sabía como solucionar o problema da aposta porque non llo dixera a seus pais e se eles se enteraban íanlle botar unha bronca tremenda.
Miguel non sabía o que facer, ata que pola noite, mentras ceaba, viu na televisión unha reportaxe que explicaba que cada persoa temos un xemelgo no mundo.
Nese momento Miguel tivo unha idea, encontraría ao seu xemelgo e faría que se fixera pasar por el, o único inconveniente da súa idea é que el non sabía como atopalo.
Miguel chamou ao seu mellor amigo, Mateo, para pedirlle axuda.
Mateo e Miguel quedaron ás doce da noite na antiga fábrica de lambetadas para facer un plan.
 -Pero como se che ocorre apostar un millón de euros?! Estás tolo?!- exclamou Mateo.-
-Agora esa non é a cuestión, a cuestión é como conseguimos  encontrar o meu xemelgo!- dixo histérico Miguel.-
Os dous rapaces estiveron pensando un bo tempo, ata que a Mateo se lle ocorreu unha idea.
-E se o buscamos nas redes sociais?- preguntou Mateo.-
-Pero tardaríamos unha eternidade- dixo Miguel.-
-Que prefires, perder un millón de euros ou estar horas buscando o teu xemelgo?- preguntou Mateo.-
Nese momento, Miguel colleu o móbil e abriu instagram.
Con moita paciencia puxéronse a buscar por orde alfabética.
Cando chegaron á letra g empezaron polo nome Guillermo, encontraron a un neno moi parecido a Miguel que vivía en Pontevedra.
Miguel e Mateo contáronlle todo o que pasara polo chat de instagram e el aceptou ir a Santiago e facerse pasar por Miguel.
Ao día seguinte ás oito da mañá Guillermo apareceu diante da casa de Miguel para poñer en práctica o plan.
Miguel explicoulle toda a súa vida e a vida dos seus amigos e obrigoulle a Guillermo a ler a súa biografía.
Guillermo chegou á escola ás dez menos cinco e ninguén pareceu dubidar se era Miguel ou non.
As dúas primeiras semanas o plan foi xenial, ata que o martes da terceira semana o profesor díxolle a Guillermo:

-Estás preparado para facer hoxe un libro en directo explicando como se fai?-
-Como que teño que facer un libro?- preguntou asustado Guillermo.-
Manuel díxolle que xa lle dixera o outro día que tiña que ir ao colexio de Trazo e escribir un libro en directo explicándolles a todos como se facía. Entón escoitaron un pitido fóra, era o condutor do autobús que estaba preparado para levar a Guillermo e aos seus compañeiros a Trazo.
Ao chegar á escola de Trazo Guillermo estaba moi nervioso porque o libro máis longo que el escribira fora de dez liñas e os libros de Miguel son de trescentas.
Chegou a hora de empezar e Guillermo entrou no escenario.
Xusto cando Guillermo se acomodou nunha cadeira que había no medio do escenario mirou para unha rapaza, era a rapaza máis guapa que el nunca vira, tiña os ollos azuis claros cunha milleira de pecas arredor deles, tiña unha melena longa máis ben de cor castaña e era de estatura media.
Estaba sentada xunto os de primeiro da ESO, entón Guillermo supuxo que era dese curso. E Guillermo estaba apampado mirando para ela cando Manuel lle mandou empezar.
-Em…….. haber para facer un libro……….hai que facer……. Tres….partes no libro……o…. hai a primeira non me acorda como se chamaba……ben ímola chamar….. inicio, ben entón inicio, desenvolvemento e….. desenlace. Agora imos facer un libro….. eeee había unha vez….un neno-
Nese momento todo o colexio empezou a rir, todo o colexio menos a nena na que se fixara Guillermo. Guillermo baixou correndo e chorando do escenario.
Guillermo estaba no patio do colexio e chegou a nena na que el se fixara.
-Ola- dixo a nena- chámome Nuria, ti non es Miguel verdade?-
-Non, non son Miguel, chámome Guillermo, pero como sabes que non son Miguel?- preguntou aínda chorando Guillermo.-
-Intuición feminina- dixo Nuria-
Guillermo e Nuria estiveron falando un bo anaco, e Guillermo contoulle todo o que pasara coa aposta, como Miguel o encontrara e como chegara ata alí.
-Volve para dentro e fai o libro, e agora non me empeces dicindo que non sabes, porque non sei se te dás conta pero agora acábasme de contar unha historia moi bonita.
Veña sal aí e cóntalle calquera cousa interesante que che pasara na vida, pero sal aí, colle o ordenador e escribe- dixo Nuria.-
Guillermo volveu subir ao escenario e contou o seu primeiro gran libro.
-E ese é o primeiro libro que publiquei, pero despois publiquei moitos máis, e en todos me axudou Nuria, claro.-
-Si, axudeiche por un trato que fixemos, que ti me pediras casar. Que despois de dez anos xuntos el non quería casar, parécevos normal?-
-Ben pero ao final estamos casados, Nuria sempre consegue o que se propón-


martes, 19 de decembro de 2017

Vacacións no Pico Sacro. Mirian Otero Sande. Conto premiado con accésit no II Certame Literario da A. C. Mestre Gacio de Lestedo


(Fotografía: Arquivo do Concello de Boqueixón)

VACACIÓNS NO PICO SACRO

-Inés esperta!! apura!- dixo Andrea
-A ver... que che pasa agora?- dille Inés, abrindo a boca insinuando ter sono .
-Marchamos!- dille Andrea
-A onde?
-Como que a onde? Marchamos a Boqueixón, facerlles á tía Carme e ao tío Xoán unha visita
-O que? Non era a semana que vén?- dille Inés
-Non! A semana seguinte voltamos. Así que apura a facer a equipaxe, marchamos ás 10:00. Non tardes e non te abrigues moito que vai calor.
-Ala, marcha- di Inés- xa me apaño eu .
-Recorda ás 10:00 na porta principal
-Que siiiii…., marcha xa!
Inés senta na cama por riba das sabas, colle as zapatillas de andar pola casa e logo de poñelas, achégase ao armario, abre as portas de madeira de pino puída con dous grandes espellos. Abríndoas de par en par escolle entre algunhas pezas de roupa. Sae da habitación coma unha bala, vai a un moble situado no corredor da planta baixa e colle a maleta co seu nome en letras negras, con coidado de non tirar as fotos familiares de arriba do moble. Colle pezas de roupa de andar a cada día e algunha das festas. Finalmente colleu o pixama e roupa de andar á carón e zzaass…. Pechou a maleta coma un raio. Mirou cara ao reloxo da parede en forma de gato, viu que eran as 10:00, e lanzouse coa maleta pola varanda de madeira das escaleiras coma quen baixa por un tobogán. No medio do corredor do baixo estaba o seu gato siamés deitado panzola para arriba na alfombra de rombos verdes e vermellos. Con cautela deixou a maleta e colleu ao gato no colo, este miañou e lambeulle o nariz, a lingua era peluda e áspera pero sentiu igual o afecto que o gato mostraba cara a ela. Nese momento sentiu un bucinazo, eran seus pais que xa estaban no coche. A nena pousou o gato no chan pechou a porta da casa e dixo: Ata pronto FISTERRA!!!! e coa mesma meteuse no coche dos pais. A Inés ruxíronlle as tripas e dixo:

-Vaia, non almorcei!

Seu pai, un home alto, de pelo negro, ollos azuis e sombra de barba dixo:

-Eu xa pensei niso!

Tendeulle a nena unha bolsa marrón de papel que contiña dentro o almorzo: zume de laranxa en botella e unhas torradas con manteiga e xamón.

-Gracias papá! -exclamou a nena- Sempre pensas en todo.
Inés coa barriga farta quedouse durmida e despois dun bo anaco, esperta co ruído.
-Chegamos, chegamos,!! -di a súa irmá Andrea.

Acababan de chegar á casa dos tíos ao carón do Pico Sacro, a casa deles é a máis próxima ao monte,
-Iso de estar en natureza sempre mola e máis acostumada a vivir libremente en Fisterra.

Despois de estar un pouco cos tíos as dúas irmás saíron a explorar e coñecer aquilo un pouco, colleron o sendeiriño do río onde se atoparon cun neno que estaba intentando pescar cun garabullo e un sedal, como se aquilo fose o mellor aparello de pesca fluvial, elas entre risas saúdan e empezan a conversar:

-Ola, que estás a facer?
-Podémosche axudar?
-Eu chámome Mateíño e vós?
-Somos Andrea e Inés e non coñecemos nada disto pero parece moi fermoso.
-Pois eu podo ser o voso guía, total pescar non pesco nada..!
-Xenial!
-Imos cara ao cumio do monte e dende alí poderemos ver case toda Galicia, seguro que vos gusta!

Cando ían subindo toparon cunha cova e elas preguntaron que tipo de rochas había alí, xa que Inés acordábase das clases de 1º da ESO con D. Pablo, das rochas e dos minerais, do cuarzo, da cuarcita, da pirita e non sei que montón máis, que espertara nela un gran interese e mesmamente nos recreos xogaba cos seus amigos a facer escavacións na parte traseira do instituto.

Os tres puxéronse a facer iso precisamente cavar e rebuscar, cada anaquiño de rocha que collían era máis sorprendente, unhas brancas, outras grises, outras con píntegas, unhas brandas, outras durechas, unhas máis brillantes outras menos, pero de súpeto apareceu unha de cor azul, outra coma dourada, así seguiron vendo rochiñas interesantes ata que sen contalo apareceu o que semellaba ser unha xoia medio gastada, como 3 pedriñas superpostas, como se fosen parte dun colgante ou dun colar. Inés que como xa sabedes era a máis especialista no tema das rochas, encargouse de gardalas na súa mochiliña e correron cara á casa de Mateíño. Dende o correo electrónico contactaron co profesor D. Pablo que lles dixo que aquilo podería ser un achado importante incluso da etapa medieval, e isto a Inés soáballe porque acababa de estudala en Historia de 2º da ESO.

-Non deixo de abraiarme con cada cousa que aprendo, como me acordo das miñas clases de Historia do ano pasado, cada vez vexo que son máis interesantes, aínda ía ter razón D. Anselmo, por certo que será del?,
-Agora xa non está no colexio, xubilouse- dixo Inés.

Inés a primeira noite non puido durmir pensando se sería unha xoia da Raíña Lupa, da que falara o mestre de Lingua.

Os tres rapaces acordaron enviar unha carta e unha foto ao Museo Arqueolóxico e Medieval coa que se armou unha boa, saíu a noticia nos xornais, na TVG e entrevistáronos na radio Obradoiro.

Foron días inesquecibles nas vacacións do Pico Sacro.


MIRIAN OTERO SANDE (2º ESO)

Parabéns a Mirian Otero Sande (2º ESO), accésit no II Certame Literario convocado pola Asociación Mestre Manuel Gacio de Lestedo (Boqueixón)

(Os premiados posan con membros de xunta directiva, do xurado do certame e autoridades presentes)

Mirian Otero Sande, alumna de 2º da ESO no CPI Viaño Pequeno (Trazo), vén de ser premiada cun accésit no II Certame Literario convocado pola Asociación Mestre Manuel Gacio de Lestedo (Boqueixón) e no que todas narracións tiñan que inspirarse no mítico Pico Sacro. Mirian presentou o relato “Vacacións no Pico Sacro” e recolleu o seu premio a tarde do pasado sábado 16 no Centro de Interpretación do Pico Sacro.

Os nosos parabéns a Miriam!

Velaquí a acta do xurado (Fonte: A. C. Mestre Gacio):

RESOLUCIÓN E ENTREGA DE PREMIOS DO II CERTAME LITERARIO CONVOCADO POLA AC “MESTRE MANUEL GACIO”
Máis de medio centenar de traballos presentáronse ao Concurso literario convocado pola Asociación Mestre Manuel Gacio..
Dúas eran as categorías nas que podían participar.
A: Alumnos/as de Primaria
B: Alumnos/as de Secundaria
e dous eran os premios que se establecían por categoría, aínda que ou xurado podía declarar deserto calquera deles no caso de considerar insuficiente a calidade dos textos presentados.
Foi todo o contrario, o xurado estimou a calidade dos traballos presentados dun nivel máis que notable, polo que decidiu conceder dous accésits máis en ambas as categorías
Os premiados recibiron o seu galardón o día 16 de decembro  no Centro de Interpretación Pico Sacro de Lestedo.
Categoría A: Un fin de semana nun balneario de Galicia para o autor e dous familiares, para o primeiro premio.
O segundo premio un cheque por valor de 75 euros para libraría Lino de Lestedo
Categoría B. Os mesmos premios que na categoría A
Os accésits serán premiados con libros adaptados ás súas idades para que sigan lendo, que é a mellor maneira de escribir con calidade.
Tras as deliberacións pertinentes o xurado por unanimidade decidiu outorgar os premios os seguintes traballos :
Na categoría A 
1 premio para A Fada do Pico Sacro
2 premio para O Pico Sacro, un lugar encantado
accésits a::
– Os Trasnos do Pico Sacro
– A aldea do Pico Sacro
Na categoría B
1º premio para Amencer da Raíña... por recrear de forma actual a lenda do pico Sacro e a utilización dun vocabulario rico e variado.
2º premio para Loba.…salientar que o relato ten unha estrutura vangardista e unha utilización de frases curtas que contribúen a darlle ritmo ao relato.
accésits
– Unha Antiga Historia
-Vacacións no Pico Sacro
Abertas as plicas resultaron gañadores :
Na categoría A
1º premio para María Pichel
2º premio para Sabela Ferradás
accésits para
Alvaro Gómez
Michelle Mato
Na categoría B
1º premio para María Crespo
2º premio para Iago Barriuso
accésits para
Alba Pérez
Mirian Otero
En hora boa a todos os participantes e de modo especial os premiados.


venres, 20 de outubro de 2017

Primeiro concurso do 2017 - 2018 polo Día da Biblioteca

O día 24 de outubro celébrase o Día da Biblioteca. Leva conmemorándose dende 1997, xa hai vinte anos. Xurdiu en recordo do incendio da Biblioteca de Saraxevo, durante o conflito dos Balcáns, para trasladar á opinión pública a importancia da biblioteca como lugar de encontro dos lectores de todas as idades coa cultura, a importancia dos libros para a memoria colectiva e como instrumento de mellora da formación e convivencia humana.

Con motivo desta celebración, e como vimos facendo cada ano, convocamos un concurso de relatos no que algún dos elementos da creación narrativa, está moi moi relacionado co funcionamento da biblioteca. Nos últimos cursos disfrutamos disfrutamos e trememos de medo con relatos ambientados no espazo da biblioteca. Podedes entretervos aquí co interesante e terrorífico relato de Lucas da
convocatoria de 2015 - 2016, que tanto nos gustou.


Agardamos que de novo, as vosas mentes pensantes e creadoras nos sorprendan. Agasallaremos cun detalliño ao alumnado participante, sempre e cando o seu relato presente unha mínima calidade de presentación, ortografía e expresión. 

Estas son as condicións para a vosa creación (empapelaremos as paredes do CPI a partir do luns para recordárvolo):

- O elemento narrativo necesario é un personaxe. Na historia un escritor ou escritora debe ter un papel relevante. 

- A lingua empregada pode ser o galego ou o castelán.

                         - A data límite de entrega é o 10 de novembro.

mércores, 20 de xaneiro de 2016

Medo en 3º de ESO

Relato destacadísimo do concurso organizado polo Día das bibliotecas no mes de Outubro. Todos e todas que lemos este relato consideramos que é unha magnífica creación.

Unha noite na biblioteca de Lucas Paz González de 3º de ESO


Que ocorrería se todas esas historias que nos contan para asustarnos e que á noite teñamos pesadelos, fosen certas? Quizais a máis de un o terían que internar nun hospital psiquiátrico, quizais eu estea escribindo esta historia dende un, quizais esta historia chegue a ti, nese caso, tes que crerme, eu non fun, el estaba alí, el fixoo todo, el…

Todo comezou xusto antes de acabar o curso, cando estabamos cos exames finais, algúns compañeiros e eu, tiñamos un grupo de estudo. Aquela semana tiñamos un lote de exames, polo que decidimos quedar o sábado á tarde na biblioteca para estudar. A biblioteca case sempre estaba baleira, xa que o resto de estudantes preferían ir á da universidade. Pero así era mellor, ninguén nos molestaría, ademais, coñeciamos ao bibliotecario de sempre e non tiña ningún problema en deixarnos a chave para que quedásemos ata máis tarde para estudar.
Chegou o sábado, collín os libros, os cadernos, os apuntamentos e algo para cear, xa que iamos pasar alí a tarde e boa parte da noite, e fun. Ao chegar xa me estaban os demais. Comigo, formábamos un grupo de cinco persoas, cinco amigos da infancia, que dende sempre estudaron xuntos.
Estivemos a estudar toda a tarde, despois paramos para cear, e cando rematamos seguimos estudando. O bibliotecario deixounos as chaves na mesa e apagou as luces, deixando só unhas cantas para que nós vísemos.
Xa eran preto das doce cando o escoitei, agora que o penso, aquel foi o primeiro aviso, seguramente daquela aínda podíamos ter escapado, pero naquel momento non o pensei moito. Eran preto das doce, como dicía, cando vin unha sombra pasar polo cristal da porta, pensei que se trataba do persoal de limpeza e non lle dei importancia.
Cando o reloxo vello da biblioteca deu as doce, ocorreu o segundo incidente. De súpeto, foise a luz. Cando volveu despois duns instantes, só eramos catro na mesa. e dixen o segundo incidente coma se fose pouco importante, pero foi este o que desencadeou todo o que ocorreu despois.
Chamamos polo que faltaba ata que nos demos conta de que na súa cadeira había unha nota, escrita cunha letra case ilexible, supoño que polo pouco tempo que tivo. A nota dicía: “Non o busquedes, non o chamedes, se queredes vivir, simplemente ídevos e esquecédeo, el non tiña familia, ninguén se preocupará”.
Pero claro, pensamos que era unha broma del, que sempre fora moi dado ao humor negro e pensamos que en calquera momento volvería. Ese foi o noso erro, o que pagaríamos coas nosas vidas.
Cando o reloxo deu as doce e media, a luz volveuse a ir, e cando volveu, éramos tres na mesa. Entón si que nos asustamos, levantámonos e puxémonos a buscar polos outros dous. Un de nós, non lembro agora quen, tivo a gran idea de separarnos para abarcar máis terreo, outro gran erro, se algo nos ensinan as películas de terror é que nunca hai que separarse, pero a nós non nos gustaban as películas de terror…
A biblioteca era grande, pero aínda así, o berro que botou un dos meus amigos, poderíao escoitar aínda que estivese na outra punta do mundo. Botei a correr cara o lugar de onde saíra e, ao chegar alí atopeime cos outros dous, que estaban mirando un vulto inerte que se atopaba no chan. Aquel vulto era o primeiro compañeiro que desaparecera, cunha gran ferida no peito, enriba da cara tiña outra nota, que, escrita coa mesma letra, dicía: “Aviseivos e non me fixestes caso, agora, todos sufriredes as consecuencias”. Botamos a correr cara á porta de saída, pero estaba pechada, así que fomos ata a mesa a polas chaves, pero non estaban. Buscamos arredor da mesa por se caeran ao chan, pero desapareceran e, agora estabamos encerrados.
Atrapados, aterrorizados e indefensos, ameazados por unha forza, un ser, algo que descoñecíamos. Algo que calquera pensaría que só pode pasar nas películas, estábanos a ocorrer a nós, un grupo de rapaces que nunca fixeran nada para sobresaír dunha multitude de xente cunha rutina,que nunca pensaran que cousas coma estas puideran pasar na vida real.
Sentamos no chan, sen poder facer nada, desexando que todo fose un pesadelo deses nos que te levantas entre suores frías, pero nin nos nosos peores pesadelos se nos presentaría unha situación así.
Estabamos alí sentados cando vin, entre as estanterías, unha figura, era alta, escura, pero houbo algo que me chamou a atención, e foron os seus ollos, que me hipnotizaban e me paralizaban, mentres que se ía acercando a nós. Libereime daquela mirada e avisei aos outros. Botamos a correr en direccións distintas, aínda que non nos serviría de moito, xa que non tiñamos ningunha saída, nin forma de avisar para que nos viñesen socorrer. Corrín ata unha esquina e senteime, facéndome un vulto na escuridade, pensando que así non me podería ver. Un anaco despois escoitei uns pasos apresurados polo corredor do lado, era un dos meus compañeiros correndo, escapando da morte, ou polo menos intentámdoo. Despois diso non volvín a escoitar nada máis ata un bo anaco despois. Ata que escoitei o segundo berro da noite, un berro que se foi apagando ata quedar en nada. Foi entón cando souben que so quedabamos dous.
Funme achegando pouco a pouco á zona das mesas por se estaba alí o outro, cando xa case podía chegar ata as cadeiras, vin pasar ao meu amigo ao outro lado das mesas, correndo cara min, pero aquela figura era máis rápida, abalanzouse sobre el tirándoo ao chan, onde non puiden ver o que ocorría. O meu amigo logrou levantarse, pero o outro tirouno contra unha mesa, rompéndoa, e acabando así, co meu compañeiro. Arqueou entón o lombo cara atrás nun ángulo imposible e, mirando cara o teito, soltou un berro que fixo espertar en min unha sensación de terror que nunca antes sentira. Era unha sensación que se apoderaba de min, nun instinto primitivo pola supervivencia, facendo que botara a correr, o que fixo que a figura me seguise. Non sei como, acabei xunto ao meu amigo, ao lado da mesa esnaquizada. A figura achegouse a min, que xa non podía máis e comezou a rir, aquela risa fixo que un arrepío percorrese o meu lombo. Achegouse a min, mentres que eu me alonxaba pouco a pouco, pero tropecei coa perna do meu compañeiro e caín. Foi nese momento cando a figura aproveitou para abalanzarse sobre min, e eu, non sei como, agarrei un anaco de madeira e cuns reflexos que aínda nunca tivera, espeteillo no peito, atravesándoo e enchéndome eu de sangue, el berrou, cun sufrimento inimaxinable, e tan alto que fixo que se rompesen as ventás e saltase a alarma, despois do cal desapareceu, coma se nunca existira, deixándome so e cheo de sangue, agora ríame eu, cunha risa histérica, estiven rindo ata que chegou a policía, que me atopou sentado no chan, ríndome coma se estivese posuído, cheo de sangue e co meu compañeiro ao lado, cunha ferida no peito, morto.
Como podes supoñer pensaron que fora eu e ingresáronme onde agora estou. Aínda que agora, un ano despois, sigo a escoitar o berro que botou aquel ser. Ninguén me cre, a policía di que atopou as miñas pegadas en todos os cadáveres, o primeiro en desaparecer, atopárono colgado do teito, como puiden facer eu iso? Non, eu non fun, tes que crerme, sácame de aquí, el está vindo, síntoo cada vez máis cerca, por favor, creme, sácame de aquí, EU NON FUN! FOI EL,CREME E VÉN POR MIN! Suplícocho...