Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



xoves, 30 de novembro de 2023

Book tráiler (VI): Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas. Realizado por Laura Noya Sánchez

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas (col. Biblioteca Neira Vilas. Galaxia, 2016). Realización youtubeira: Laura Noya Sánchez, 4º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

Balda de Libros (IV): A banda sen futuro, de Marilar Aleixandre

 


A banda sen futuro. Marilar Aleixandre. Xerais

A banda sen futuro, escrito por Marilar Aleixandre,é un libro moi interesante, xa que fala dun tema moi importante, os prexuízos, ademais reflicte a importancia de apoiar a xente que está pasando por un momento complicado na súa vida.

O vocabulario e a lingua parecéronme fáciles de entender, aínda que houbera palabras que tivera que buscar no dicionario.

Carlota foi o personaxe que máis me enganchou, sendo a protagonista non se podía esperar outra cousa. Penso que é unha rapaza moi intelixente e cunha forza interior sorprendente, capaz de afrontar e superar calquera problema, por moi grave que sexa.

A avoa, sen ter un papel principal, xoga un papel fundamental na historia, xa que grazas a ela dáse conta das cousas verdadeiramente importantes da vida. Non teño dúbida de que a fortaleza de Carlota herdouna dela.

Finalmente, recomendo ler este libro sobre todo aos adolescentes xa que parte do argumento podería ser a vida cotiá de calquera rapaz ou rapaza da mesma idade de Carlota.

Cristina García Regueiro (3º ESO)

O libro contén moitas cousas interesantes sobre a adolescencia e demais, aínda que o tema principal é que Carlota, unha nena adolescente, por culpa dun eccema tivo que cortar o cabelo todo. Este tema interesoume moito xa que esas cousas non lle ocorren normalmente ás persoas no día a día.

Ademais de Carlota están outros personaxes coma Lidia, que é unha rapaza que dende o momento no que Carlota chegou ao colexio non parou de molestala xunto a outros rapaces e rapazas da clase, Mister Bean, que é o profesor de Inglés que para min é un personaxe moi relevante no libro posto que Carlota acode varias veces a el. E Moncho, un rapaz que, ao comezo do libro non é moi

relevante pero cara ao final faría moi boas migas con Carlota.

Tamén me gustou que a historia a contase Carlota dende o seu punto de vista porque así temos unha perspectiva moi clara de como é ter eses problemas e tamén saber que se sente.

O desenvolvemento da historia pareceume bastante axeitado porque contaba todo con calma e de maneira sinxela; e o final non me gustou porque deixaba moi aberta a historia e non puiden saber que acontecía despois, se o libro contase cun par de capítulos nos que terminase de explicar e resumir o que pasa pareceríame un desenlace moito mellor e máis axeitado.

Diego Vásquez Fernández (3º ESO)

Esta novela está protagonizada por Carlota, unha rapaza de dezaseis anos que por culpa dun eccema tivo que cortar o cabelo. Este tema é moi importante xa que nos fala dos prexuízos que teñen os seus compañeiros cara ela, sobre todo ao comezo.

A miña personaxe preferida foi a protagonista, Carlota. Ao comezo vese moi acomplexada e cústalle relacionarse pero pouco a pouco vai facendo amigos no novo instituto. A avoa de Carlota é unha personaxe que tamén me gustou moito xa que pasan xuntas moito tempo. Ao longo do libro Carlota tamén comezará a ter amigos como Paulina, unha rapaza morena coa que soe ir ao cine.

Outro personaxe que me gustou moito foi Míster Bean, o profesor de inglés, xa que é comprensivo co alumnado, escoita os seus problemas e está disposto a axudarlles. E tamén Moncho, un rapaz que vai co cranio rapado e que comeza a fixarse en Carlota.

Os personaxes que menos me gustaron foron Miguel, xa que llo fixo pasar mal a Carlota e Gracia, a profesora de debuxo, porque sempre tiña problemas co alumnado.

É unha novela interesante e emocionante.

Pareceume un libro fácil de entender e recoméndoo para todos os adolescentes pero en concreto para os que están pasando por unha situación similar a esta.

Lucía Rey Martínez (3º ESO)