Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



martes, 20 de decembro de 2022

Book tráiler (XLII): Mamá, quero ser Ziggy Stardust, de Iria Misa. Realizado por Ariadna Hernández Bautis

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Mamá, quero ser Ziggy Stardust, de Iria Misa, con ilustracións de Alba Barreiro (col. Sopa de Libros. Xerais, 2018). Realización youtubeira: Ariadna Hernández Bautis, 1º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

luns, 19 de decembro de 2022

Zaira Antelo Iglesias (3º ESO A) recolleu o seu 1º premio no VII Certame Literario convocado pola Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio de Lestedo (Boqueixón)


 

(Fonte: A. C. Mestre Gacio)


Onte, domingo 18 de decembro de 2022, ao mesmo tempo que Arxentina gañaba o mundial de fútbol, Zaira Antelo Iglesias, alumna de 3º da ESO A no CPI Viaño Pequeno (Trazo), recollía o seu premio da categoría B (Xuvenil) no VII Certame Literario convocado pola Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio de Lestedo (Boqueixón) e no que todas as narracións premiadas tiñan que inspirarse no mítico Pico Sacro. 

O acto desenvolveuse na Casa de Cultura de Camporrapado (Boqueixón). Lembramos que neste mesmo blogue podemos ler o relato titulado “Un sábado en familia, que Zaira presentou co pseudónimo Mona, e polo que recibiu un vale para mercar libros e/ou material escolar por valor de 300 euros. Bravísima!!!

 

martes, 13 de decembro de 2022

Parabéns a Zaira Antelo Iglesias (3º ESO A), 1º premio no VII Certame Literario convocado pola A. C. Mestre Manuel Gacio de Lestedo (Boqueixón)

 

(Na imaxe reproducimos a acta do xurado (Fonte: A. C. Mestre Gacio)


Zaira Antelo Iglesias, alumna de 3º da ESO A no CPI Viaño Pequeno (Trazo), vén de ser galardoada co premio da categoría B (Xuvenil) no VII Certame Literario convocado pola Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio de Lestedo (Boqueixón) e no que todas narracións tiñan que inspirarse no mítico Pico Sacro.

Zaira presentou o relato titulado “Un sábado en familia, co pseudónimo Mona, e continúa a mostra do talento literario que existe na mocidade de Trazo pois outras alumnas xa foran premiadas en anteriores edicións deste mesmo certame:

En 2017 Miriam Otero Sande, daquela en 2º ESO, recibiu un accésit polo seu relato “Vacacións no Pico Sacro”. (Pódese ler premendo nesta ligazón)

En 2019 Uxía Iglesias Vázquez, daquela en 4º ESO, recibiu un accésit polo seu relato “A maxia do Pico Sacro”. (Pódese ler premendo nesta ligazón)

En 2020 Alicia Martínez Rodríguez, daquela en 3º ESO, recibiu un accésit polo seu relato “Contos de Bruxas”. (Pódese ler premendo nesta ligazón)

En 2021 Aitana Noya Santos, daquela en 2º da ESO, recibiu o 2º premio polo seu relato “Solpor no Pico Sacro”. (Pódese ler premendo nesta ligazón)


-ACTA-
Sendo as 20:00 h. do 9 de Nadal de 2022, o xurado do VII Certame de narración breve Mestre Manuel Gacio acorda:
• Categoría A:
1º Premio: Pico sagrado de Daniela Porto Fernández
2º Premio: Picos, rapazas, ananos e mouros de Inés Paz Pedreira
• Categoría B:
1º Premio: Un sábado en familia de Zaira Antelo Iglesias
2º Premio: A falta de amor fai o valor de Rocío Couceiro Martín
O xurado valorou a alta participación, con case medio cento de escritos, e a tremenda orixinalidade e imaxinación dos textos presentados, salientando a creatividade e a tenrura dos máis cativos, a capacidade de sorprender, divertir e conmover dos máis maiores, o compromiso social e o alarde dun amplo abano de temas contemporáneos e universais, todo isto no máxico escenario do Pico Sacro, referencia para os novos valores e fonte inesgotable de creación literaria.
O xurado:
José Mª Rodríguez Mallón / Carlos Cimadevila Álvarez / María Crespo Cutrín


Os nosos parabéns a Zaira Antelo Iglesias!

E velaquí o relato que enviou Zaira:

 

UN SÁBADO EN FAMILIA

Esta historia aconteceu en 2021 un sábado, cando eu e a miña familia fomos de excursión a pasar o día no Pico Sacro todos xuntos. No día anterior quedaramos de saír da casa ás oito da mañá e levar comida feita para comer por alí. Miña nai encargárase de facer unhas tortillas, miña tía uns filetes de polo e miña avoa unhas merendas, e íamos pasar alí toda xornada.

Ese día pola mañá xa houbo un problema a primeira hora e era que os meus tíos de Ordes xa chegaran ás catro e media porque o meu primo Raúl se quedara durmido. Cando estabamos todos arrincamos para o Pico Sacro. O segundo problema foi que xa nos perdemos polo camiño para ir, porque nunha rotonda collemos a saída que non era e fomos dar a outro sitio polo que tivemos que dar moitas voltas e cando chegamos ao Pico Sacro xa eran as 11.

Estivemos dando voltas polo Pico Sacro, era todo moi bonito e cunhas vistas super bonitas. Á hora de comer decatámonos que todo o mundo marchaba e que ninguén comía no Pico Sacro. Nós levaramos unhas mantas para poñelas no chan pero como vimos que todo o mundo marchaba a comer a bares pensamos que tampouco se podería comer por alí, polo que nos puxemos a buscar un bar onde se puidera comer e en Google atopamos un bar que se chamaba A Picotiña.

Así que como xa estaba cerca puxémonos a andar para atopalo, cando chegamos ao bar había un montón de xente e tivemos que esperar bastante tempo a cola ata poder entrar. Cando xa estabamos sentados e nos viñeron preguntar que queríamos de comer pedimos tortillas, polbo, orella e un montón de cousas mais, que todo estaba riquísimo.

Cando acabamos de comer xa eran as 3:15 porque entre as sobremesas, o café e a leria que teñen xa nos dera esa hora. Polo que andamos todos apurados para que nos dera tempo a ver todo porque non queríamos marchar sen ver nada. Estivemos dando un montón de voltas.

E cando nos decatamos de que faltaban o meu primo Martín e a miña prima Laura, e non sabíamos onde se meteran e tampouco sabíamos canto tempo había que desapareceran, polo que nós supuxemos que desapareceran fai moi pouco tempo porque senón dariámonos de conta antes. Entón puxémonos a buscar por cerca nosa, miramos dentro das covas por se estaban xogando ás agachadas, miramos por todos os lados e decatámonos de que ía ser moi difícil encontralos xa que o lugar era moi amplo e había moitos recunchos, e tamén moitos sitios onde facerse dano.

Entón eu e miña irmá puxémonos a sacarnos fotos porque queríamos ter fotos das dúas xuntas no Pico Sacro para os recordos. Cando acabamos de sacar as fotos démonos de conta de que nós tamén os perderamos de vista, pero eu e miña irmá tiñamos o móbil e non nos preocupou polo que fomos sacar fotos a un sitio que nos parecera moi bonito e despois xa chamariamos para ver onde estaban todos.

Cando acabamos de sacar as fotos decatámonos de que os nosos móbiles non tiñan cobertura e que non iamos poder avisar para saber onde estaban. Estábamonos poñendo dos nervios xa, de repente aparecen Laura e Martín berrando polos nosos nomes e Martín estaba chorando.

Entón miña irmá foi onda el e resulta que se cortara nun dedo e que estaba sangrando, miña irmá que tiña tiritas no bolso deulle unha, púxoa e xa parou de chorar e seguiron xogando, iso si sempre ao noso lado sen se separar nin un pouquiño.

Estivemos ata as 8:30 da noite sen atopar a ninguén, cando xa estábamos cansos de andar e iamos descansar un pouco, atopamos polo Pico Sacro ao famoso favorito da miña irmá e meu que era Alba González Villa (Nairobi na Casa de papel e Saray Vargas en Vis a Vis), dábanos moita vergonza falarlle pero aínda así fomos onda ela porque levabamos moito tempo querendo coñecela e sacar unha foto con ela, foi moi amable con nós e tratounos super ben, ata sacou fotos con nosos curmáns.

Despedímonos dela e marchou, isto deunos máis ánimos para seguir andando un pouco máis en busca de todos. Pero seguíamos andando e andando e non atopabamos a ninguén, estábase facendo de noite e xa era moi tarde para estar nós sos polo Pico Sacro, meus primos xa estaban cansos e querían ir para a casa a durmir pero claro se non atopabamos nin aos nosos pais tampouco ían poder ir durmir. Claramente entón dixémoslle que se se portaban ben e esperaban un pouco a que encontraramos a todos tiñan unha sorpresa, polo que aguantaron un pouco máis portándose ben e sen protestar nada.

Cando xa estábamos a punto de acabar de ver o Pico Sacro miña irmá decatouse de que podía ver onde estaba a nosa nai desde o seu móbil para poder atopalos, pero claro como había en sitios que non tiña cobertura ás veces perdíase o gps e eles tamén estaban en movemento, pero intentamos seguilos polo móbil porque aínda que ás veces desaparecera o punto de onde estaban seguíamos andando todo para diante ata que volvía a aparecer, e se había un camiño esperábamos a que volveran a ter cobertura para seguir andando ata chegar a onda eles.

E cando o punto aparecía xa case ao seu lado de repente desapareceu, pero seguimos facendo coma sempre, se o punto desaparecía nós seguíamos andando cara diante ata que volvera a aparecer, pero resulta que había dous camiños e o punto non aparecía así que a min téñenme dito que cando se perde hai que coller sempre á dereita, polo que fomos polo camiño da dereita e chegamos a un lugar sen saída e alí non viamos a ninguén.

Xa estábamos a punto de dar a volta, de repente escoitamos a todos berrar SORPRESA!!!, e resultou que estaban alí todos escondidos para darlle unha sorpresa a Martín que era o seu aniversario e compráranlle un agasallo. Pasámolo moi ben e tivemos que volver para a casa.

Pseudónimo: Mona



luns, 5 de decembro de 2022

Book tráiler (XLI): Mamá, quero ser Ziggy Stardust, de Iria Misa. Realizado por Sofía Dafonte Pazos

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Mamá, quero ser Ziggy Stardust, de Iria Misa, con ilustracións de Alba Barreiro (col. Sopa de Libros. Xerais, 2018). Realización youtubeira: Sofía Dafonte Pazos, 1º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

Book tráiler (XL): O Pazo Baleiro, de Xabier P. DoCampo. Realizado por Lidia González Rey

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela O Pazo Baleiro, de Xabier P. DoCampo, con ilustracións de Xosé Cobas (col. Sopa de Libros. Xerais, 2002). Realización youtubeira: Lidia González Rey, 2º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo) 


 

Book tráiler (XXXIX): Anagnórise, de María Victoria Moreno. Realizado por Lidia González Rey

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Anagnórise, de María Victoria Moreno (col. Costa Oeste. Galaxia, 2017, 3ª edición). Realización youtubeira: Lidia González Rey, 2º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)