Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



martes, 12 de decembro de 2017

Conta de Libros (VIII): Noite de voraces sombras, de Agustín Fernández Paz


Noite de voraces sombras. Agustín Fernández Paz. Xerais

Ola! Son Uxía de 3º e vou facer a avaliación do libro de Noite de Voraces Sombras, de Agustín Fernández Paz. O libro gustoume moito. 

Comeza cunha historia normal, unha rapaza na casa da avoa, a cal morrera había pouco. A rapaza, en plena adolescencia, non quería marchar da súa cidade natal, A Coruña, para a vila perdida da súa avoa, Viveiro. Pero ao longo da historia van sucedendo cousas que farán que a historia cambie, de maneira moi positiva, ou iso é o que penso eu. A aparición das cartas ou o seu romance con Daniel. 

O que máis me gusta é que vaian á illa de San Simón, quero dicir, que súa nai realmente a crea e valore a historia do tío Ramón. 

Penso que a parte máis interesante do libro é cando atopa as cartas, senón as atopara, a historia non evolucionaría. 

O final gústame moito e o vocabulario non é nada complicado. Doulle unha nota de notable, pois non me gusta que lle dea moitas voltas á historia con Daniel e porque fáltame algo máis de humor na historia, pero se che gustan os libros de misterio este é o axeitado. Totalmente recomendado!

Uxía Iglesias Vázquez (3º ESO)

Este libro é un dos libros que máis me gustou. Resume a vida dunha rapaza que vai de vacacións á casa de súa avoa que facía pouco que falecera, a Sara tocoulle a habitación do tío Ramón e cada vez que entraba na habitación sentía unha presenza fantasmal, que ao final descubriu que quería indicarlle, sitios nos que buscar información sobre o pasado de seu tío Ramón. 

Entón ela atopa unhas cartas que estaban escritas con moita paixón, sobre o amor que tiña seu tío Ramón cunha mullar que se chamaba igual ca ela, pero máis adiante descobre máis cartas dentro dun libro no que esa paixón que tiñan as cartas anteriores non aparecía, xa que Sara deixouno por outro home que estaba con ela. 

E seu tío Ramón tiña unha cousa que era para Sara na illa de San Simón que nunca foi recollida por ninguén, xa qu era un regalo para Sara que acababa de deixalo. Pero Sara quedou coa intriga de saber o que era esa cousa que quedara na illa de San Simón, entón ela dillo a súa nai, e no mes de setembro deciden ir á illa, e alí encontraron unha xoia, coa que Sara se quedou.

Eu a este libro non lle sacaría ningunha parte, pero deume moita mágoa cando Sara deixa ao tío Ramón, xa que el estaba sufrindo moito no cárcere por estar ao lado de Sara, e non puido facer nada para volver xuntarse con ela.

Laura Pena Gutiérrez (3º ESO)

Conta de Libros (VII): Unha presa de terra, de Marilar Aleixandre


Unha presa de terra. Marilar Aleixandre. Ir Indo

O libro gustoume moito porque é moi entretido e non perde o misterio en ningún momento. O momento que máis me gustou foi cando Ana fala coa súa amiga Choni sobre Pepe porque nese momento a historia dá un xiro e Pepe pasa de dar pena a ser un dos sospeitosos. 
Ten un desenvolvemento moi lento ao principio cando describe como aparecen o corpo e a todas que aparecen pero co paso da historia o desenvolvemento vólvese normal e axeitado.
Na miña opinión ten un final un pouco decepcionante pois así como a historia é moi interesante o desenlace quédase un pouco aburrido
Os personaxes están moi ben caracterizados e elexidos. Ten unha linguaxe fácil de entender e apropiada para todas as idades.
Recoméndolle este libro a todos os interesados en historias de misterio e amor pero sobre todo á xente que non lle guste moito ler porque é un relato moi pequeno e con moitas ilustracións que axudan a entender o contido.
Alba López González (4º ESO)


O momento máis importante, aínda que hai moitos, para min foi cando Ana ve unha maceta con pedras e terra, iguais ás do Trece, na casa de Pepe. Porque a partir dese momento ten unha proba máis, pero ela non se decata diso. 

Outro momento importante, para min, foi cando Ana se atopou coa súa veciña vella, no ascensor, e lle dixo que algunhas noites escoitaba golpes no piso de Pepe, xa que Pepe mallaba na moza, e isto deulle outra pista máis, e ademais comezou a desconfiar algo de Pepe.

Paréceme un tema moi interesante, e na miña opinión foi un dos mellores libros que lin en galego. Eu non cambiaría nada. Tamén me parece  moi acertado que os capítulos sexan pequeniños, porque fai a historia máis fluída. O final resulta bastante axeitado para como foi transcorrendo a historia.

A lingua é fácil de entender, aínda que aparecían, de vez en cando, algunhas rarísimas.

Óscar Iglesias Domínguez (4º ESO)


O momento máis importante do libro é cando Ana encontra a terra, porque senón o crime non podería ser resolto. O libro gustoume, pero o tema xa está bastante usado, aínda que é interesante. 

A personaxe que máis me gusta é Ana, porque cando chega o inspector pasa dela, e aínda así esfórzase para resolver o crime, e ten a valentía de enfrontarse a Pepe, sabendo que podería ser o asasino. 

Cambiaría o ritmo da historia e faríao máis rápido, ou engadiríalle cousas, xa que conta pouco en moitas páxinas. E cambiaría o final, xa que é bastante obvio o desenlace dende a metade do libro, pola actitude que comeza a mostrar Pepe. 

Ten unha lingua moi fácil de entender, sen palabras cultas nin coloquiais. 

Recoméndolle este libro a persoas de todas as idades, xa que é moi fácil de ler, e as cales lle gusten os libros de asasinatos e misterio.

Eloy Castro Deus (4º ESO)

O máis importante ou o que máis me sorprendeu foi cando a vella lle dixo a Ana que Pepe pegaba na muller porque non me esperaba iso del, porque parecía que non tiñan problemas e que eran moi felices xuntos.

Pareceume moi interesante menos o final que non me gustou, este foi o libro que máis me gustou de todos os que lin en galego.

Non lle faría ningún cambio , só que o final pareceume algo insulso xa que non me gustou moito porque era de esperar que o que matara a Lulú era Pepe entón non tivo nada de emoción. Eu no final cambiaría ao asasino de Lulú  por unha persoa que non se esperase ninguén, como Lorena, a moza de Toño o do bar, porque así sería moito máis emocionante o final.

O personaxe que máis me gustou foi Ana porque tomaba moi en serio o seu traballo e era unha muller lista e intelixente. E o personaxe que menos me gustou foi Couto porque era un home das súas ideas e non quería que ninguén se metera no seu traballo.

A lingua era fácil pero tiña bastantes palabras que non entendía e que tiven que buscar no dicionario e en internet.

Nerea Rodríguez Deus (4º ESO)


O libro gustoume moito, xa que é un libro de investigación e crime, cousa que me fascina moito, e é un tema que me gusta tratar. O mellor momento do libro é cando hai tocamentos e escenas sensuais, cousa que lle dá moita vida á historia. 

Se cadra o que máis me defraudou foi que ten un final moi aberto e pouco emocionante para o meu gusto, polo que lle cambiaría o final de xeito que acabara dun xeito máis tráxico e sobre todo máis pechado. 

Pero o mellor e máis importante para o meu gusto e que ten unha linguaxe fácil de ler e sobre todo de entender. 

O libro é pouco recomendable para xente que non ten interese polas novelas policíacas, pero recoméndollo a xente que lle guste a ciencia como é a autora do libro e a xente que lle guste o misterio xa que é o único do que trata a historia. Hai algo de romance pero moi pouco, xa que é mais ben unha aventura.

Carlos Dafonte Rodríguez (4º ESO)


Trata varios temas moi interesantes e da actualidade como o tema do maltrato e o tema das drogas e alcohol. Non é un libro moi divertido pero si que esperta moito interese para saber o que aconteceu de verdade aínda que ás veces parece que despista. 

Ao principio faiche dubidar e pensas que foi o home dela quen a matou. Logo segundo vas lendo e avanzando na lectura do libro parece que foi o dono do pub “Trece”. Ao final foi o home que nun arrebato a matou e intentouno esconder pero descubrírono. 

O personaxe que máis me gustou foi Ana Candean que conseguiu resolver o crime con moita astucia. Outro momento importante foi cando grazas á veciña que lle contou informacion moi importante para resolver o caso.

A linguaxe que se utiliza neste libro é fácil de entender xa que non hai palabras moi complicadas de ler.

Recoméndolle este libro a persoas maiores de doce anos xa que fala de cousas que se es máis pequeno quizais non entendas e non te decatas de nada. 

Martin Castro Señarís  (4º ESO)
Gustoume moito este libro porque conta a morte dunha moza que foi asasinada polo seu home, quen aparenta ser unha cousa pero era outra. Ana a detective descubriuno arriscando a súa vida. 

Para min é un moi bo libro porque podería ser unha historia totalmente real. Ten un aire de misterio porque non sabes quen a matou case ata o final.

O meu personaxe favorito é Ana porque ela é a que descobre o asasinato sen axuda ningunha a pesar de que o inspector xa abandonara o caso. O segundo personaxe que máis me gustou foi o asasino porque o fixo moi ben para non ser o principal sospeitoso.

É moi doado de ler, e aínda que algunhas palabras hai que buscalas no dicionario pois ten un vocabulario moi extenso pero fácil de entender polo contexto.

Recomendaríallo a toda aquela xente que lle gustan os libros de misterio porque este é un deles ou de asasinatos sen resolver ata o final de todo. En resumo é sen dúbida un moi bo libro.

Brais Bouzas Leis (4º ESO)

O momento máis importante do libro foi cando entrou Silvia e lle disparou a Pepe nunha coxa, pareceume o momento máis importante porque el matara a Lulú. 

O libro pareceume emocionante porque non se sabía quen era o asasino e tiña moitas ganas de sabelo, e ao final emocioneime cando Silvia lle disparou a Pepe.

Dos persoaxes só cambiaria un, que sería Gonzalo porque no relato di, que só está a falar polo móbil e preocupándose pola comunidade, na miña opinión só cambiaria iso.

E para o meu gusto non faría ningún cambio no desenvolvemento xa que me pareceu unha historia perfecta. O final pareceume axeitado e tampouco lle faría ningún cambio porque para min foi o mellor final que puido haber. 

Non, non foi difícil de entender sacando algunha palabra difícil polo medio pero despois foi un vocabulario adecuado para rapaces e rapazas da nosa idade ou algo máis xoves.

Brais Pena Baluja (4º ESO)

Conta de Libros (VI): A neve interminable, de Agustín Fernández Paz



Este libro é un dos poucos libros que me intrigaron ata o final. Xa que conforme vai transcorrendo a historia no hostal, vai contando os relatos que ían inventando, e cada vez vai aumentando a intriga e o misterio. Este é o único libro, xa que non leo moitos libros de medo, que mantivo o misterio e o terror ata o final, ata a última palabra. Iso é o que me gustou deste libro. 

O que menos me gustou e quedou claro, é que ao final os pantasmas desaparecesen, sendo o máis importante do relato e tanto polo que estiveron investigando. Iso é o que menos me gustou do libro ademais de que contaba poucas cousas do hostal. Polo demais estivo moi ben este libro. 

O que máis me chamou a atención é como introduce no final de todo, a metáfora coa neve. Tamén me intrigou moito as historias que contaban, polo forma de contalas, parecían tan reais, que ata eu me asuntei. 

E o relato que máis me gustou foi o último das xemelgas, porque aínda que sexa extenso este relato, está moi ben detallado, e ademais contábao dende dentro das persoas que o vivían, neste caso as irmás, e poñía un anaco escrito por unha das xemelgas, e outro trozo polo outra, e ía intercalándoos.

María Gigirey Iglesias (3º ESO)


Este libro gustoume moito, porque mentres vas lendo no conto van contado diferentes historias de misterio de medo, mentres que ti vas lendo ese conto vaste dando de conta de que as historias que contén o libro están todas relacionadas porque todas elas teñen un final tráxico e ademais todas conteñen un misterio desde que comeza ata que se acaba.

A min as que máis me gustaron foron “A casa azul” e tamén me gustou a última historia contada por Ruth porque nesa historia ela conta un suceso que se lle cruzou polo camiño da súa vida grazas a unha carta dunha rapaza que encontrou debaixo da súa mesiña e que falaba sobre unha historia que pasou cos donos do albergue onde eles estaban instalados durante a tormenta de neve. Entón a ela ocorréuselle contar unha historia sobre si. Despois de morrer os mortos poderían facer unha nova vida. Esa foi a que máis me gustou pero tamén me gustou bastante a historia da casa azul.

E houbo outra historia que non me gustou tanto, que foi a do Daniel, porque non tiña tanto misterio, xa que todo o que sucedía o ía contando e só era misterioso para os personaxes do libro.


Alicia González Lage (3º ESO)

Conta de Libros (V): Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz



Este libro gustoume, excepto polo final xa que é aberto e a min persoalmente non me gustan. Trata un tema moi mítico, o das pantasmas, e o de que as cousas que funcionen soas e sen electricidade cando a precisan é moi común neste tipo de relatos.

Un bo detalle foi que Agustín Fernández Paz escribira o conto en formas de cartas, enviadas uns aos outros xa que podes sentir mellor os sentimentos dos personaxes, imaxinándote a ti recibindo as cartas dos teus familiares en apuros.

O momento máis importante para min é cando a irmá de Adrián colle o libro no castro e decátase de que está enmeigado e decide queimalo onde estaba a trapela na que se meteron os protagonistas, por culpa do libro que os enganaba coa pintura da moza. Do que me queda perda é de que non fale máis do que realmente había debaixo da trapela, como se formara a súa imaxe, o porqué de enganar a xente, o que conseguía a cambio se conseguía algo.

É fácil de ler e de resumir nun control de lectura ou nun traballo optativo.


Martín Dafonte Rodríguez (3º ESO)

Conta de Libros (IV): A esmorga, de Eduardo Blanco-Amor


A esmorga. Eduardo Blanco-Amor. Galaxia


Gústame moito o tema, xa que non hai moitos libros que falen dunha noite “tola”, por así dicilo. Para min o momento máis importante é cando van á casa de Socorrito, porque lle dá moita máis vida e intriga á historia e ao final.  

Na parte final do libro non faría ningún cambio, pero no resto poñería menos descricións e acurtaría os capítulos, para darlle un ritmo máis rápido e ameno á historia, e tamén poñería máis sucesos diferentes, xa que se fai algo monótono. Non cambiaría nada do final, porque como dixen antes é o que lle dá máis intriga á historia, porque é un suceso moi inesperado o feito de que falecesen todos, e cada un de maneira diferente. 

A lingua cando empezas a ler o libro faise un pouco difícil, xa que bastantes palabras están no dialecto ourensán, e dificultan bastante a fluidez da lectura, pero despois xa te vas acostumando, xa que sempre son as mesmas.

Eloy Castro Deus (4ºESO)

Pareuceme un libro algo difícil de ler pola forma na que falan os persoaxes, isto facía que a lectura se fixera algo lenta, pois algunhas intervencións había que lelas un par de veces para comprendelas.

Encontrei o libro tamén algo repititivo pois menciona algunhas das accións que realizan os personaxes varias veces durante o conto. Teño que dicir que as primeiras páxinas son algo monótonas e que o libro non te comeza a enganchar ata que leves xa unhas cantas. A pesar de todo isto a historia gustoume e pareceume divertida, pois fala das festas e empatizas con algunas cousas que narra a novela se es unha persoa festeira. 

É un libro recomendable tanto para os mozos como para os adultos e sobre todo para as persoas que lles gusten as historias de comedia. Se estás pensando en escollelo recoméndoche que o leas para realizar un traballo optativo, pois suceden moitas cousas e para resumir no control de lectura é algo complicado.

Iván Rivas Suárez (4º ESO)


Gustoume sobre todo cando entraron na casa dos Andradas e foron ata onde estaba esa muller tan fermosa e levaron un susto cando viron que era de porcelana e non era real. 

A parte que menos me gustou foi cando o Milhomes matou ao Bocas que estaba con Socorrito dunha navallada no estómago, pois non contaba que pasase iso nese momento. 

O personaxe que máis me gustou foi o protagonista aínda que non me gustou nada a forma de morrer que tivo ao final da historia.

Non cambiaría nada desta historia tan interesante e divertida duns amigos que ao final non acaban sendo tan amigos.

Recoméndolle este libro a persoas maiores de doce anos porque se fala de beber alcohol, de matar e ter relación sexuais e os menores desa idade non creo que entendan o que é iso. 

Pareceume un libro fácil e entretido de ler xa que non hai palabras nin expresións moi estrañas. 

Martín Castro Señarís (4º ESO)

Este libro gustoume moito moito porque fala de festas, borracheiras e pasalo ben, e a min iso gústame moito.

Este libro engancha moito porque a historia sempre ten intriga ou emoción, para min foi unha historia moi divertida, interesante e fíxome rir moito. O momento que máis me gustou foi cando Cibrán se matou coa navalla diante do xuíz ao enteirarse de que foi el o culpable. 

Eu do libro non cambiaría nada menos o final porque foi o que menos me gustou. O resto gustoume absolutamente todo. 

Recoméndolle este libro á xente que lle gusta ir de festa e tamén o recomendo porque é moi fácil de ler e case non ten ningunha palabra difícil de entender. Na miña opinión este relato sería propio para os rapaces/rapazas de entre quince, dezaseis e dezasete anos porque se van rir moito e vailles ser moi fácil de entender tanto o contexto coma o vocabulario.


Brais Pena Baluja (3º ESO)