Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



lunes, 25 de febrero de 2019

Primeira e quinta parte de “¡Pra a Habana!”, nas voces de Alba Rey Brea (3º ESO) e súa curmá Iria Vilariño Rey


Primeira e quinta parte de “¡Pra a Habana!”, de Follas Novas, nas voces de Alba Rey Brea (3º ESO) e súa curmá Iria Vilariño Rey. CPI Viaño Pequeno (Trazo). Día de Rosalía de Castro 2019. #LibreOMeuPensamento_rdc_19 @aelg @CasadeRosalia

¡Pra a Habana!

I
Vendéronlle os bois,
vendéronlle as vacas,
o pote do caldo
i a manta da cama.
Vendéronlle o carro
i as leiras que tiña;
deixárono sóio
coa roupa vestida.
"María, eu son mozo,
pedir non me é dado;
eu vou polo mundo
pra ver de ganalo.
Galicia está probe,
i á Habana me vou...
¡Adiós, adiós, prendas
do meu corazón!"

V
Éste vaise i aquél vaise,
e todos, todos se van.
Galicia, sin homes quedas
que te poidan traballar.
Tes, en cambio, orfos e orfas
e campos de soledad,
e nais que non teñen fillos
e fillos que non tén pais.
E tes corazóns que sufren
longas ausencias mortás,
viudas de vivos e mortos
que ninguén consolará.