Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



venres, 9 de xuño de 2023

Andel de Libros (XLII): Un fillo, de Alejandro Palomas

 

Un fillo. Alejandro Palomas. Galaxia

Esta historia narra a vida dun neno, chamado Guille, cuxos pais están separados, e nin o neno nin o pai o están a tomar moi ben. 

Está narrada polas diferentes personaxes que aparecen na historia, dende a súa profesora Sonia e a orientadora do colexio, María, ata el mesmo e o seu pai. Guille comeza a visitar á orientadora cando a profesora preocúpase ao escoitarlle dicir que de maior quere ser Mary Poppins.

Ademais de narrar o enfoque que dan cada un dos personaxes ao día a día que están vivindo, vai mostrando os descubrimentos que fai a orientadora mediante a información que Guille lle vai contando e a que interpreta nos debuxos e redaccións que lle trae.

A historia gustoume moito, entretívome durante horas case sen decatarme e conseguiu manterme intrigada polo que sucedería a continuación.

Tiña un vocabulario moi fácil de entender e sinxelo para o meu punto de vista ata o punto de que non fun capaz de atopar dez palabras que descoñecese o seu significado.

Recomendaríavos darlle unha oportunidade porque é unha narración interesante e entretida para gozar e pasar un bo momento léndoa.

Sara Gómez García (3º ESO A)

Andel de Libros (XLI): Robinson contado polas alimarias, de Marilar Aleixandre

 


Robinson contado polas alimarias. Marilar Aleixandre. Oxford

O libro gustoume moito, principalmente que vaia narrando as aventuras e como se vai adaptando Robinson á vida na illa. 

Unha cousa que me gusta moito é que sexan precisamente os animais os que van contándonos a historia e que poidamos coñecer e ser conscientes da súa forma de pensar, tan diferente á nosa.

Pareceume moi fácil de ler, pola súa sinxela expresión e o seu vocabulario fácil de entender. Os nomes dos animais e das persoas participantes na historia parecéronme moi orixinais e moi divertidas tamén.

O meu personaxe favorito foi Ñasaindí nena que chega case ao final desta historia, porque ten unha forma de pensar moi distinta a Robinson e trata de ensinarlle como se fan as cousas na súa cultura, como por exemplo, coller o mel das árboles, para que todos estean felices, ou como non molestar aos outros animais.

Se teño que quedarme con algo, o que máis me gustou deste libro foi a forma de narrar característica dos animais da illa.

É un libro que me resultou moi fácil de ler, paréceme que é moi entretido e consegue que pases un tempo moi divertido.

Recomendaríavos lelo se vos gustan as historias de aventuras e acción.

Sara Gómez García (3º ESO A)

Andel de Libros (XL): O cero escuro, de An Alfaya

 


O cero escuro. An Alfaya. Tambre- Edelvives

Ese libro gustoume bastante porque é moi fácil de ler, non era moi longo e era bastante divertido.

O momento que máis me gustou desta narración foi cando todos foron en busca de Aurora porque estaba desaparecida e o que menos me gustou foi cando Nadia e a súa nai se pelexaban debido a que ela estaba intentando refacer a súa vida con outro home. Non me gustou esa parte porque Nadia botáballe cousas en cara a súa nai, e facíaa sentir mal.

As personaxes que aparecen gústanme todas aínda que ás veces algunha delas ten un carácter borde, iso si as personaxes sempre fixeron o posible para rescatar e salvar a Aurora canto antes por se acaso lle pasara algo.

Eu recomendaría moito este libro porque é fácil de ler, non ten moita complexidade e ten un léxico moi fácil, tamén ten bastantes momentos intrigantes porque quería saber que pasaba ao final con Aurora, se estaba viva ou morta.

Valeria Grela Bello (3º ESO B)

Neste libro o que máis me chama a atención é como expresa a importancia de non fiarse de todo o que che din ou che intentan vender, xa que neste relato aproveitáronse da paixón e da meta dunha rapaza para estafala e metela nun problema moi serio. 

Pareceume moi moi facil de ler porque expresa as ideas de forma ordenada e clara. Con este libro podes aprender moitas cousas que che poden servir para un futuro, por exemplo, tampouco debes mentir para conseguir o que queres porque che pode sair mal, e non ter a ninguén que che poida axudar.

Ten unha capacidade de engancharte a el que necesitas seguilo lendo todo o tempo ata que consegues acabalo. É moi bo libro e como xa dixen pódeche axudar moito en sentido de leccións que precisas para vivir, dáche moito que pensar e reflexionar. 

En resumo, un libro de dez que aconsello moito que o leades en todas as idades e pode que nun futuro o volva ler.

Carla Lema Domínguez (3º ESO B)

 

Andel de Libros (XXXIX): Atranco no banco, de Manuel Núñez Singala

 

 

Atranco no banco. Manuel Núñez Singala. Galaxia

A min este obra teatral Atranco no banco pareceume un libro moi interesante, emocionante e divertido de ler, xa que rin moito coas diferentes escenas.

O meu personaxe favorito foi Lois porque había momentos de moita comedia con este home, outro personaxe que me gustou tamén moito foi Vanessa porque pareceume unha rapaza moi lista e o último personaxe que me gustou foi o de Don Serafín porque rin moito cando recibía os golpes.

O momento que máis me gustou foi cando Lois e Rafael intentaron atracar o banco, outra escena que tamén me gustou moito foi cando Vanessa lle deu moitos golpes involuntariamente a Don Serafín e Don Serafín sangraba e a última escena que máis me gustou foi cando a muller de Don Serafín lle pregunta onde está.

O desenvolvemento e o final desta obra teatral parecéronme moi axeitados. E a linguaxe desta obra é moi fácil de entender.

Eu recomendaría ler este libro de teatro porque con el aprendese unha morea de cousas.

Jorge Lavandeira Vilares (4º ESO)

Este libro cóntanos a historia de catro personaxes que son Serafín e Vanessa, Rafael e Lois. Rafael e Lois tiñan o plan de roubar a sucursal bancaria do tío de Lois, o cal se chama Serafín, pero polo outro lado Serafín tamén tivera a idea de roubar a súa propia sucursal e inculpar a Vanessa, xa que eran tempos difíciles e necesitaban diñeiro, para poder seguir adiante e tarde ou cedo a sucursal tería que pechar por débedas e falta de fondos.

O momento deste libro que máis importante me pareceu foi cando a muller de Serafín lle di que vai chamar a policía e os vai levar ata o banco, para comprobar que vai todo ben e non está secuestrado por uns asaltantes.

O desenvolvemento da obra para min está perfecto xa que non te perdes en ningún momento, se acaso só cambiaría o inicio xa que a conversa entre Serafin e Vanessa é un pouco confusa.

Este libro é moi interesante e entretido, ademais non ten dificultade algunha para ler xa que é sinxelo e non ten vocabulario difícil.

Sergio Señarís Suárez (4º ESO)

Book tráiler (CIV): Atranco no banco, de Manuel Núñez Singala. Realizado por Jorge Lavandeira Vilares

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da obra Atranco no banco, de Manuel Núñez Singala (col. Costa Oeste. Galaxia, 2019). Realización youtubeira: Jorge Lavandeira Vilares, 4º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo) 


 

Book tráiler (CIII): Plan de rescate, de Antía Yáñez. Realizado por Ariadna Hernández Bautis

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Plan de rescate, de Antía Yáñez, con ilustracións de Xiana Teimoy (Xerais, 2020). Realización youtubeira: Ariadna Hernández Bautis, 1º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

Andel de Libros (XXXVIII): Reo, de Xesús Fraga

 


Reo. Xesús Fraga. Galaxia

Para min Reo foi un moi bo libro en canto á lectura porque non ten palabras moi complexas nin un léxico moi difícil de entender coma outros textos que dificultan a súa comprensión por iso.

En canto á historia que nos achega xa non me gustou tanto polo simple feito de que non nos dá nada informativo nin é un tipo de libro que me guste, porque eu prefiro os temas de animais ou de acción ou que te metan un pouco máis na historia e che dea ganas de lela.

O que son os personaxes foi o aspecto que máis me gustou sobre todo polo carácter que ten Reo na historia porque non é un personaxe plano e é moi carismático nalgúns aspectos aínda que noutros non me gusta tanto a súa actitude avariciosa e egoísta, o peor de todo o libro.

Para min sen ningunha dúbida o título desorienta porque non nos dá a entender nada sobre a historia que nos vai a contar e non axuda a saber se pode ser o tipo de libro que che pode gustar e para iso tes que mirar o tema pola contraportada.

Anxo Domínguez Martínez (3º ESO A)