Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



Amosando publicacións coa etiqueta concursos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta concursos. Amosar todas as publicacións

luns, 8 de outubro de 2018

Chega Outubro

Aquí de novo un curso máis. Unha das datas que nos gusta conmemorar é o Día das bibliotecas, o vindeiro día 24 deste mes.
Como cada ano, organizaremos un concurso de relatos. Para ir abrindo boca, iremos publicando estes días algúns dos relatos que máis nos gustaron o curso pasado. A condición que esiximos no último certame era "que debía aparecer algún escritor ou escritora como personaxe importante no relato". Algúns das creacións foron realmente apaixoantes, como esta de María Gigirey, alumna de 3º de ESO, agora en 4º.


RELATO: O MISTERIO DE ROSALÍA

   Dende pequena miña avoa sempre me contaba o poema de Rosalía “Airiños, airiños aires”. Sempre recordo a miña avoa con ese poema, pero dende que o lin pola miña propia conta, vexo as cousas distintas, como con outra perspectiva. Eu son escritora ou algo así, e sempre me inspirei na gran Rosalía de Castro, e iso foi grazas a miña avoa. Pero agora cando escribo non son a mesma, son como máis ela, como máis Rosalía.

24 de Febreiro

   Hoxe púxenme a escribir, e non sei como, déuseme por probar coa poesía, dáseme bastante ben.

25 de Febreiro

   Hoxe pola noite soñei con ela, con Rosalía. Non entendía o que dicía, só que seguira, Pero seguir a que? Non ma podo quitar da cabeza, iso que me gusta, pero nunca pensara tanto nela, para mín que debo tomarme unhas vacacións e ir a calquera sitio, tiña pensado Padrón, non sei, non está moi lonxe de onde eu vivo e ademais sempre quixen ir alí.

27 de Febreiro

   Xa estou instalada nunha pequena habitación dunha casa rural de Padrón. A ver se me esquezo de todo por uns días e me relaxo, que ultimamente estou que non dou para máis.

28 de Febreiro

   Hoxe volvín a soñar con Rosalía. Esta vez volveume a falar, tampouco lle entendín moito, só que volvese a escribir e que quedara alí. Ao principio non entendía ó que se refería de quedar alí, así que se me dou por investigar sobre Padrón e a súa relación con Rosalía, e resulta que naquel bonito lugar era onde Rosalía viviu durante moito tempo e onde morreu. Non sei, pero este lugar doume intriga, vouno investigar máis a fondo.

1 de Marzo

   Esta noite non podía durmir así que lle fixen caso ó que me dixera Rosalía a noite anterior, e púxenme a escribir. Pero a escribir poesía. Sen pensalo, empecei a escribir, e cando me decatei xa o tiña rematado, foi un poema no que non pensei e me deixei levar. Cando o rematei de ler, ao final da poesía estaba firmado coa firma de Rosalía de Castro. Eu non lembrara firmar, e aínda menos coa firma dela, era moi estraño. Púxenme a buscar na internet os poemas de Rosalía, e non encontrei ningún igual co que eu escribira, ou co que supostamente escribira.

2 de Marzo
   Esta mañá fun á casa de Rosalía, para informarme un pouco máis. Despois pola tarde fun dar unha volta por Padrón, a paisaxe é preciosa, non me estraña que Rosalía se namorara deste lugar, é magnífico. Estou esperando a que chegue a noite e que volva Rosalía e me conte o que necesita de min.

3 de Marzo

   Esta noite non vía a hora na que me durmira. Daba voltas e voltas na cama e non me durmía. Empecei a ler un libro de Rosalía que me dera miña avoa, e que levo a tódolos lados, xa que me recorda a ela, anque xa o lin moitas veces encántame e non me canso de lelo.
   Ao durmir soñei con Rosalía e díxome que volvera á súa casa, que mirara con atención nas paredes do seu cuarto. O problema é que hoxe non podo ir, xa que a casa-museo de Rosalía non está aberta. Ademais, quero durmir un pouco máis, que esta noite non durmín case nada, e estou moi cansa.

4 de Marzo

   Onte non seguín escribindo, porque non me apetecía nada. Cando me deitei a durmín a sesta, volveu Rosalía e díxome que tiña que ir á súa casa hoxe e que fora axiña, e que anque non estivera aberta tiña que ir si ou si, e que na parede do cuarto había algo importante que tiña que coller e que ninguén o encontrara, xa que era un lugar moi escondido.
   Así que collín unha mochiliña e fun correndo á casa de Rosalía. Cando cheguei, estaba o xardineiro alí, pero estaba ao seu e non me viu. Non sabía por onde entrar, xa que a porta principal estaba pechada. Busquei a ver se había algunha fiestra aberta ou pola que se puidera entrar, pero nada. Déuseme por buscar a porta de servizo, e encontreina, estaba aberta xa que o xardineiro a debera de abrir. Entrei con coidado, por se había alguén máis dentro da casa. Por sorte non había ninguén dentro, así que tiña vía libre. Pero tiña que estar atenta por se o xardineiro marchaba e me fechaba dentro.
   Fun correndo á habitación de Rosalía. Fixeime nas paredes por se había algo, pero non encontrei nada raro. Así que recordei o que me dixera Rosalía a ver se ma daba algunha pista por onde buscar. Lembrei que era un lugar moi escondido. Púxenme a palpar a parede por se había algún sobresaínte, pero non encontrei nada. Déuseme por pensar a ver onde era o sitio que puidera ser máis lóxico, pero ao mesmo tempo que non fora sospeitoso. Para min que sería ao lado da caña así que mirei na parede que está a cama, e vin unha pequena rañura case detrás da cabeceira da cama, movina un pouco e intenteina abrir. E alí estaba, un diario. Collino e marchei da casa correndo.
   Cando cheguei á casa rural, fun á miña habitación e empecei a mirar que había nese diario. Había un montón de cartas; algunhas fotos dela, do seu home, e dunha persoa que non sabía quen era. Así que antes de empezar a ler o diario, mirei na internet a ver quen podía ser, pero non encontrei nada. Pero aínda así, seguín mirando o diario, a ver se dicía algo desa persoa. No diario só había os poemas que escribiu ela en sucio; os seus noivos escondidos de moza,... pero nada do home da foto.
 Xa era tarde así que fun durmir, que estaba moi cansa, o día fora moi longo.

6 de Marzo

   Onte non escribín porque estiven todo o día revisando folla por folla o diario de Rosalía. Ademais  non soñei con ela, penso que espera a que acabe de ler o seu diario. Encontrei moitas cousas íntimas que ninguén coñece de Rosalía, e obras dela que ninguén sabe que existen. E sobre o home da foto resulta que estaba buscando a seu pai, e ese era el. Ela acordábase dunha señora que a coidara de pequena, antes de vir para Padrón, e que sospeitaba de que era algo da súa familia, pero súa nai non lle quixera dicir máis. Quería encontrar a esa señora a ver se a través dela o podía encontrar ou tan sequera saber del. Súa nai só lle dixera que non o podía coñecer porque era un matrimonio prohibido. E a pobre Rosalía estivo buscando ao seu pai durante case toda súa vida, iso que fora corta. Tamén falaba dos seus fillos e de que algúns deles morreran. Do seu querido home tamén falaba de que estaba moi namorada del, e sempre a tratara ben e con respecto. O que máis me quedou coa intriga é o do pai, porque non sei se ao final o coñeceu, só sei que tiña a foto e agora téñoa eu.

7 de Marzo

   Aínda non é día, pero esta  noite non durmín nada. Rosalía faloume nos soños, e que quería saber se ese home da foto era realmente o seu pai. Nas súas pesquiñas só conseguiu esa foto. Agora quería confirmar se ese home era seu pai e que fora cura de verdade. Agora teño que seguir investigando sobre ese home, pero non sei como. Vou ir a Santiago e vou mirar nos arquivos do concello, e mirar o entorno da familia de Rosalía, a ver que encontro. Espérame un longo traballo.

Grazas Rosalía, seguirei soñando contigo.

venres, 15 de xaneiro de 2016

Máis creatividade en 1º de ESO

O misterio da biblioteca de Tania Villasenín Bello, de 1º de ESO


Era unha tarde de tormenta, e xuntámonos uns cantos compañeiros. Como a tarde non valía para xogar fóra, nin tiñamos actividades, decidimos ir á biblioteca. Ao entrar cada un foi polo libro que quería ler. Unha vez que nos puxemos a ler escoitamos uns ruídos, levantamos todos a cabeza e miramos uns cara os outros, pero non soubemos que puidera ser. Seguimos lendo sen darlle máis importancia. Cando estaba todo en silencio oiuse caer un libro da estantería. Démonos todos a volta, e vimos un libro no chan, estrañounos porque non había ninguén máis na biblioteca, porque a encargada da biblioteca tampouco estaba. Puxémonos intranquilos. Intentamos seguir cos nosos libros , pero xa non estábamos concentrados. Entrounos a curiosidade de saber por que pasaban esas cousas. Cada un dicía o que pensaba que estaba a ocorrer e de súpeto abriuse unha ventá. Iso si que nos puxo asustadísimos. Estabamos desexando que chegara a encargada da biblioteca, que ía buscar uns libros ao faiado. Vimos unas sombras na ventá e atemorizámosnos, pensamos que era unha pantasma, pero resultou ser una figura que se reflictía nela.

Por fin veu a encargada da biblioteca, contámoslle todo o que pasara, ela quedou asombrada, e intentou tranquilizarnos. Estaba anoitecendo e chegaba a hora do peche da biblioteca, entón comezamos a recoller, e, sen máis, apagáronse as luces. A encargada da biblioteca díxonos que non pasaba nada, que ocorría de vez en cando, pero si que estaba pasando algo. Oímos un ruído detrás dunha estantería de onde saiu unha pantasma, puxemos todos cara de terror e angustia, estábamos desexando saír de alí. Empezou a falar con nós e díxonos:

-Non teñades medo, non vos quero facer dano nin asustarvos... Só quero ter uns amigos! Eu veño de vez en cando por aquí porque me encanta ler.

A encargada non daba crédito ao que estaba a ocorrer. Entón preguntámoslle nós:

-Mañán queres que veñamos á biblioteca e leamos todos xuntos?

-Claro que sí, encantaríame! -contestounos el.



Entón quedamos pra o día seguinte. Marchamos alucinados co que nos pasara. Estábamos desexando que chegara o día seguinte...

-Xa era día, por fin!

Fomos ás clases pero estábamos impacientes que chegara a tarde. Fíxose a mañá longuísima.

-Por fin chegou a tarde!

Iamos todos ilusionados para estar co noso novo amigo. Entramos na biblioteca e había máis xente, e pensamos que non ía vir. Ao longo da tarde a xente foi marchando. Unha vez que estabamos sós, apareceu, e puxémonos todos contentos. Preguntámoslle como se chamaba, díxonos que como sempre estivera só, non tiña nome. Pensamos entre todos un e a el gustoulle o de Trevor. Trevor contounos as súas historias. A nós gustábanos moito o que nos estaba a contar. Pasamos a tarde moi entretida con Trevor, que, acabou sendo un máis na panda.

Como estaba só, decidimos que viñera connosco para una das nosas casas. El aceptouno contentísimo. A partir de aquel día formou parte das nosas familias. Pero iso non é todo, Trevor acabou vindo connosco á escola. Ao final fíxose amigo de todos!

martes, 27 de outubro de 2015

Bibliotarde de outono

BIBLIOTARDE DE OUTONO NA ESO
CANDO? Xoves 29 de outubro
Actividades
·       Sesión de contacontos (15.10 a 16.30 aprox.)
a cargo de María da Pontragha (educadora e antropóloga, especializada na tradición oral ligada ás historias e aos contos)

Imaxe vista en http://santipazos-intrusosenlared.blogspot.com.es/


·      Actividade divulgativa sobre o Samaín para 1º e 2º de ESO: Concurso de preguntas e respostas
(16.30 a 17.40 aprox.)

·      Actividade para 3º e 4º de ESO
(por decidir, poderíades ter clase habitual)

(16.30 a 17.40 aprox.)

xoves, 13 de febreiro de 2014

Convocado o I Concurso de Microrrelatos OZOCOGZ


Vén de convocarse a segunda edición deste Concurso de Micro-relatos (de tan só 140 palabras), así que animádevos. Ata os mais lazacáns e preguiceiros poden ter unha idea marabillosa!

Aquí nesta ligazón podedes ler as bases e velaquí vai a presentación:

Xa está de volta o noso concurso literario! O 2º Concurso de Micro-Relatos de OZOCOgz está en marcha!
O ano pasado celebrouse con grande éxito de participación o 1º Concurso de Micro-Relatos de OZOCOgz, e, en vista do bo resultado, vimos de poñer en marcha a segunda edición deste concurso. Desta volta, a temática é a música e podedes enviar as vosas propostas desde xa até o día 30 de abril deste 2014.

martes, 9 de abril de 2013

BE BRAVE: FESTIVAL ONLINE CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO


Nace o primeiro concurso internacional online 100% social, feito por e para mozos co fin de lanzar unha mensaxe contra a violencia de xénero.

Be Brave Festival 2013 "é un festival feito por moz@s e para moz@s", conta Roque Martínez, un dos organizadores deste evento 2.0, no que podemos contemplar as creacións da xunventude de calquera país do mundo.
O festival acolle obras en diferentes formatos -desde vídeo, texto, música e imaxe- e está dirixido a mocidade co fin de expresar e compartir a través das súas creacións unha mensaxe común de unión e rexeitamento en contra do maltrato físico e verbal.
Esta brillante iniciativa xurdiu fai medio ano da man dun grupo de estudantes de Secundaria coñecidos como "Mic Luv Team" a raiz de participar no laboratorio de "Ideas de Moz@s Creativ@s", no que desenvolveron novas vías para sensibilizar ao público novo sobre esta realidade social e formas para combatela.
O festival finaliza o próximo 13 de maio e ten un premio especial para centros educativos dotado con 600€. Ademais, poden participar moz@s entre 14 e 30 anos que envíen os seus traballos.

Be Brave Festival 2013 convértese nun dos festivales online máis populares en España, onde as súas posibilidades de alcance a un público definido son moi elevadas e as marcas poden gañar visibilidad patrocinando estes eventos 2.0.
Pincha no enlace para ver algún dous traballos presentados. Poderás bver imaxes, videos, cancións e relatos e poesías.
http://www.bebravefestival.com/

Anímate a participar!

domingo, 10 de xuño de 2012

Cristina Deus García (2º ESO) ou para que serve ler?

Cristina no centro, rodeada d@s compañeir@s
Celebrouse un ano máis o certame de redacción e investigación histórica Falemos da nosa historia, organizado polo Equipo de dinamización da lingua galega do CEIP López Ferreiro, en colaboración coa Universidade de Santiago, que nesta ocasión chega á súa oitava edición co lema En tempos de María Castaña.
Estamos contentísim@s porque o 3º premio foi para Cristina Deus García, alumna de 2º da ESO . A nosa Cristina!!


Queremos felicitala ademais por ser a máis "leoa" do centro, pois agora que andamos a facer memorias, balances e estatísticas de final de curso, descubrimos que ten sido durante este curso a "número un" en préstamos da biblioteca. Non nos sorprende. Estamos acostumad@s a vela entre as estanterías á procura dalgún tesouro escondido. O libro está alí, agardando por ela, e Cristina sábeo ben. A tod@s nos agardan libros na biblioteca, escritos e colocados alí especialmente para nós; para asombrarnos, facernos rir ou chorar, pensar ou non pensar....Ainnnsss!! Cantos libros sofren porque aquela "personita" pola que agardan non da aparecido....

Onte escoitamos unha conferencia do escritor, editor e profesor Víctor Freixanes, nas V Xornadas de Clubs de lectura ás que asistimos varios membros do equipo da bilioteca, que moitas veces o alumnado comenta cando o profe agarda pola súa resposta:

" Profe, eu seino, pero non atopo as palabras para explicalo".

Sabedes onde están todas esas palabras que vos faltan? Nos libros que agardan por vós.

 Cristina descubriuno hai tempo!!



A continuación podedes ver un pequeno vídeo da entrega de premios:






martes, 27 de marzo de 2012

Novas propostas para os Clubs de lectura de 3º e 4º de ESO

Unha de piratas...

A primeira proposta é a novela A illa do tesouro/La isla del tesoro de Robert Louis Stevenson, unha xoia que ninguén que goste de ler debe deixar pasar. Piratas, tesouros, illas... AVENTURA CON MAIÚSCULAS. Tedes máis información abaixo, á dereita.





...e algo máis

A segunda proposta é Persépole de Marjane Satrapi, un cómic de referencia, excelente testemuño histórico dun pobo e dunha época. Máis información abaixo, á dereita.



Aproveitamos esta comunicación para facervos saber @s premiad@s este trimestre por seren "@s que máis comentan no blog". Ben sabedes que o premio é algo que custa pouco pero que para nós ten moito valor, o feito de saber que estades aí e nos ledes e comentades, facéndonos saber a vosa opinión, fundamental para avaliar o noso traballo na bilioteca. Á dereita podedes ver o ranking d@s que máis comentarios levan feito ao longo do curso, pero este trimestre.... repite Noelia Casas, de 1º de ESO, que xa foi unha das máis comentadoras no primeiro trimestre, e estréanse Cristina Deus e Laura Moar de 2º de ESO. Mulleres de novo, as tres. Que pasa cos homes? Non len? Non comentan? Grazas chicas, e pasade pola biblioteca que temos un agasallo para vós. E grazas a tod@s @s que colaborades comentando, que cada vez sodes máis. A partir de hoxe abrimos o prazo do terceiro trimestre...






xoves, 16 de febreiro de 2012

Queres gañar un exemplar de 2044 de Eduardo Santiago?



Fonte: Editorial Galaxia. Explicámoscho aquí

Editorial Galaxia leva tempo colaborando co portal culturagalega.org de cara a promover a lectura na nosa lingua. Dende o portal web ofécesenos a posibilidade de gañar varios exemplares da colección Costa Oeste da nosa editorial, contestando correctamente a unha sinxela pregunta: A que xénero narrativo ou temática corresponde a novela 2044 de Eduardo Santiago?
As respostas enviaranse antes das 15 horas do luns 20 de febreiro ao correo
lg3@culturagalega.org

O correo debe levar como asunto "sorteo 2044" e incluír o nome e apelidos, o teléfono e o número de DNI da persoa que participa.
Cada persoa só poderá participar unha vez e a través dunha soa conta de correo.
Entre todos os nomes dos participantes levarase a cabo un sorteo cun programa de selección aleatoria que elixirá tres nomes de xeito correlativo.
O resultado do sorteo farase público durante a mañá do martes 21 de febreiro no portal na páxina desta promoción e comunicaráselle directamente ao gañador ou gañadora pedíndolle o seu enderezo postal.
Os datos de contacto só terán como uso facer o envío dos libros da colección Costa Oeste de Editorial Galaxia e non serán almacenados en ningunha base de datos nin usados para ningunha outra finalidade.

xoves, 19 de xaneiro de 2012

Se estás a CREAR un comic...

...ou se de repente che parece unha boa idea, atopamos a desculpa perfecta para poñerse mans á obra.

Gústache debuxar?

Pasas as horas imaxinando historias fantásticas de superheroes, detectives, piratas, amoríos...?


Destapa todo o teu talento creativo e participa no CONCURSO DE CREACIÓN DE BANDA DESEÑADA convocado polo IES Perdouro de Burela (Lugo). Podedes participar por parellas ou individualmente, o tema é libre, o prazo de presentación das vosas creacións está aberto ata o 20 de Marzo e os premios son ben interesantes; se che gusta debuxar e ler comics, claro está.

Velaquí as bases do concurso:

xoves, 15 de decembro de 2011

OQO editora e Cultura Galega agasallan catro lotes de libros infantís nun concurso




Está en marcha ata o 19 de decembro un sinxelo concurso para acadarmos de agasallo unha serie de libros infantís. Participar é ben doado. Na ligazón da editorial OQO podes atopar a resposta á pregunta que realizan. Le a seguinte nova:


OQO editora é unha das máis prestixiosas editoriais de libro infantil e con máis proxección internacional de Galicia. Xa que estas datas son moi especiais para a infancia e tanto desde a editorial como desde este portal queremos que todos os cativos e cativas poidan ter como agasallo fermosos libros ilustrados sorteamos catro lotes de dous libros cada un (un da Colección O – 3 a 7 anos- e outro da Colección Q -8 a 12 anos-) entre todas as persoas que enviedes un correo respondendo á seguinte cuestión: Dinos o título dunha calquera das obras ilustradas por Mikel Mardones para OQO Editora.


PREGUNTA
Título dalgunha das obras ilustradas por Mikel Mardones publicadas por OQO Editora?


As respostas enviaranse ata as 15 horas do luns 19 de decembro ao correo



O correo debe levar como asunto “sorteo OQO” e incluír o nome e apelidos, o teléfono e o número de DNI da persoa que participa.

Cada persoa só poderá participar unha vez a través dunha soa conta de correo.