Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



xoves, 26 de abril de 2012

Roteiro en Compostela: actividades relacionadas co mundo do libro.


(Percorrido pola Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal coa familia Pistracas. 
Vía: Biblioteca Pública Ánxel Casal)

Onte, o noso alumnado máis lector, que participa nos Clubes de Lectura, tivo dúas actividades relacionadas co mundo dos libros e organizadas pola biblioteca escolar do CPI de Trazo.
A primeira foi unha interesante visita guiada (semellante á que se reproduce no video) por todas as instalacións da Biblioteca Pública Ánxel Casal, de Santiago de Compostela, que rematou nun xogo no que as e os estudantes tiveron que procurar información nos catálogos informatizados e achar un mangado de libros. As dimensións do espazo e as múltiples posibilidades que ofrece resultaron do seu agrado.
Non menos interesante resultou a visita á Libraría Couceiro, onde o alumnado de 1º e 2º de ESO recibiu unha charla explicativa sobre a encadernación e restauración de libros, nomeadamente antigos e vellos, proferida por María Couceiro que os soubo enguedellar a todos, para rematar cun percorrido polas seccións da libraría. Mentres,  o alumnado de 3º e 4º de ESO, percorreu a exposición "Compostella dicitur", que recrea o aspecto da cidade en 1211.
O xantar compartido no Parque de San Domingos de Bonaval houbo de ser sustituido pola visita por libre a unha coñecida área comercial de Compostela, onde nos abrigamos da choiva que nos acompañou onte durante toda a excursión.
Parece que tanto o alumnado coma o profesorado quedamos contentos coa experiencia, aprendemos a poñerlle ao mal tempo, boa cara. Onte, máis ca nunca.