Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



xoves, 15 de decembro de 2016

Andel de Libros (XI): A esmorga, de Eduardo Blanco-Amor



A esmorga é un libro na miña opinión cun vocabulario difícil, xa que usa moitos dialectalismos e palabras que son antigas e que eu polo menos non coñezo.

Pero a historia paréceme bastante divertida a pesar do final que te deixa algo fóra do sitio, xa que non te esperas o que pasa ao remate cando o Milhomes mata ao Bocas, e máis adiante despois de declarar, Cibrán suicidase. 

O que menos me gustou foi o principio do libro xa que se atopa Cibrán declarado nos xulgados e non sabes o que pasa ata que comeza a falar de cando foron é taberna. E o que máis me gustou foi cando foron para o pazo e alí comezaron a beber e facer burlas. Tamén me gustou e me fixo moita graza os insultos que se facían entre eles, os insultos son como moi galegos e cunhas expresións con moita retranca que fai deses momentos nos que se insultan uns momentos tremendamente cómicos e divertidos.


Martín González Castro (4º ESO)

Andel de Libros (X): A dúbida, de María Reimóndez


A dúbida. María Reimóndez. Xerais

Penso que é unha boa historia porque quere tratar moitos temas dos que hoxe en día se fala moito. Pero ao mesmo tempo iso paréceme un problema xa que ao ser un libro tan breve non deixa tocar todos os temas a fondo. De feito, parece que a corrupción quede en segundo plano porque lle dá máis espazo aos abusos sexuais.

O momento do libro máis importante para min foi cando poñen a gravación da declaración de Ana, a vítima, pois desde ese momento, Deli non ten ningunha dúbida de que o seu marido, Vicente é culpable. E tamén é o que empuxa á protagonista a buscar máis probas que culpen ao seu marido e así metelo entre reixas.

Pareceume que o libro está ben pero non me gustou moito polo feito de que me resultou aburrido xa que non ten moito diálogo. De todas formas é un libro moi sinxelo de ler e cun vocabulario fácil.

Nerea Portos Balsa (3º ESO)

Este libro é un dos poucos que me custou traballo lelo ao longo de todos os anos que levo lendo, e iso que teño lido libros de historia moito máis doados de ler que este.

A forma de narrar a historia é estraña. Case non hai diálogos, algo frustrante, coma se todo o que acontece, ou a maioría dos feitos, tiveran lugar na cabeza da protagonista.

A forma que ten de engadir temas é moi difícil de entender. A autora quere falar de tantas cousas na súa historia, que só acaba mencionándoas e deixando a moitas a un lado, coma se non fosen importantes. Ao mellor se só se centrara nunha sería máis sinxelo de entender e de levar a lectura. Pero desta forma, é case imposible entender o que estás lendo. Cada capítulo comeza dunha forma distinta ao anterior e o final de cada un non enlaza co outro. Iso é algo que tampouco me gusta. Nas miñas lecturas, gústame que cada capítulo enlace dalgunha maneira co anterior e que o final do libro sexa inesperado e xenial. Non podo dicir o mesmo do final deste libro.

O vocabulario é bastante sinxelo, non fai falta ter o dicionario a carón. Isto debería ser un punto a favor na lectura, pero é un detalle tan pequeno que case non axuda nela.

Creo que nunca un libro me defraudou coma este. Esperaba moito máis da súa lectura.

Non me gustou este libro, pero penso que lle pode gustar a alguén, aínda que non sei cara que tipo de lector se dirixe.

Irene Noya González (4º ESO)