Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



lunes, 4 de mayo de 2020

Conta de Libros (XXXIV): Historia de María atrapada. Pequeno tratado de amor precipitado, de Roberto Salgueiro




Esta obra de Roberto Salgueiro conta unha historia onde, os protagonistas, o único que desexan é atopar o amor. Non obstante, non todos entenden o mesmo por esta palabra, o que dá lugar a un tráxico final. A acción sucede na parada dun autobús en menos dunha noite, unha xenial escena para cometer un crime.
Os personaxes deste libro son tres: unha muller e dous homes. Tres personaxes moi antagónicos cun mesmo obxectivo, viaxar a París, a cidade do amor.

En canto ao desenvolvemento da obra, non faría ningún cambio. Ao primeiro é difícil asimilar o que les, xa que o tema non é cotián e esaxérase todo para facer unha crítica. Non obstante a súa lectura é moi amena, sinxela e mesmo divertida.

Persoalmente gustoume o final e non lle faría ningún cambio, sendo, para min, o momento máis importante da obra.

Os diálogos desenvólvense cun vocabulario sinxelo e coloquial moi comprensible.

Recomendaría esta lectura porque é moi rápida e sinxela e, sempre é bo ler cousas novas, coma unha peza de teatro.

Paula Noya Redondo (4ºESO)

Esta obra non me gustou tanto coma outras que lin. Creo que é moi monótona, xa que sempre é o mesmo e fíxoseme aburrida. É entretida pero non divertida. 

O momento máis importante para min, foi cando estaban na cabina ao final, facendo o amor e ao mesmo tempo María estaba chamando a outra persoa, poida que fose o seu ex. O momento con máis interese foi cando o primeiro home contou a súa historia amorosa con Benedicte. 

Os personaxes están ben, María é o meu preferido aínda que os homes tamén me gustaron. Non é unha obra con moito interese, xa que sempre fala do mesmo tema, mesmo ás veces chega a ser pesada e repetitiva. 

O final gustoume e non o cambiaría porque é un final tráxico, sen dúbida o mellor desta obra. A lingua é fácil. 

É unha obra, en xeral, fácil e rápida de ler. Non a recomendo, polo que dixen anteriormente, algunhas veces fáiseme repetitiva e pesada.

Alba Rey Brea (4º ESO)

Conta de Libros (XXXIII): Matanza, de Roberto Salgueiro



Matanza. Roberto Salgueiro. Deputación da Coruña

Persoalmente gustoume este libro porque me pareceu moi entretido e mesmo divertido. Trata un tema interesante e fai reflexo dunha sociedade consumista e chauvinista, na que a xente só mira a súa xenialidade para sobrevivir por enriba dos demais.

Os personaxes descríbense coma porcos, ao igual que falan da realidade que os rodea con símiles dos costumes destes animais. As personalidades dos dous irmáns son antitéticas e, na miña opinión, están moi ben caracterizados.

No desenvolvemento non faría ningún cambio, pero tería máis en conta unha pequena escena que se ve ao final onde o pai dos protagonistas lles berra por durmir coa luz acesa e acaba pegándolle á nai. Paréceme unha escena moi importante porque, á parte de darlle portada ao libro, tamén é unha gran crítica.

O momento máis importante pareceume o final, o cal me gustou moito xa que dá un xiro drástico. Vemos como á hora da verdade o sensible se mantén forte e orgulloso mentres que o que non tiña medo remata chorando.

O libro emprega unha linguaxe moi coloquial e sinxela de comprender.

Paula Noya Redondo (4º ESO)

Persoalmente teño que admitir que me gustou moito esta obra de teatro, pareceume moi graciosa e orixinal. Trata un tema interesante e creo que non hai moitas obras máis cun tema así. Que os personaxes sexan só dous porcos engádelle algo de curiosidade para o lector, e dan ganas de lela.

O desenvolvemento da obra paréceme interesante e ao fin acabase facendo moi curta, a sensación de que realmente non está contando nada do corta que é, a isto tamén axuda que sexa unha obra de teatro, xa que son máis fáciles de ler. Non lle faría ningún cambio á obra en si, como moito utilizaría unha linguaxe menos bruta, xa que non soe aparecer ese tipo de linguaxe en moitas obras, aínda así, isto dálle un toque atraínte, e ademais é moi fácil de entender, xa que todo o mundo emprega esas palabras.

Creo que a obra non ten un momento que destaca máis, todo me gusta por igual. Recalcaría como máis importante as charlas profundas entre só os dous porcos, xa que me parece moi interesante ver a percepción que teñen da vida, que é moi distinta.

O final creo que é moi esperado tendo en conta que a obra transcorre nun matadoiro, e que os personaxes principais son dous porcos e un matachín. Estaría ben que fose algo menos esperado, que tivera un xiro dramático que ninguén esperase, creo que ese é o único fallo que lle encontro, dende a miña opinión a esta obra. 

Recoméndoa un montón, porque ademais de ser interesante e entretida lese moi moi rápido, e normalmente iso atrae a xente a ler.

Ahinoa Rodríguez Antelo (4º ESO)

Paréceme un bo libro, non é dos meus favoritos máis aínda así gustoume bastante.

O momento máis importante do libro na miña opinión foi cando os dous irmáns nunha das escenas finais se confesan as súas debilidades e os seus temores á morte. Debido a que nese intre é cando conectan amizosamente, chegan ao punto de encontro onde por fin deixan de rifar un co outro e se entenden.

A dicir verdade pareceume un tema do máis curioso e á súa vez interesante xa que non comprendín ao cen por cen o dos sacrificios, máis aínda así estivo entretido.

De seguro cambiaría un pouco o tema dos personaxes, persoalmente creo que nesta historia se deberían ver máis personaxes, coma os homes que agarran a un irmán cando é sacrificado ou incluso ao organizador da matanza, cando a matachín di: “Son ordes e nas podo cuestionar”, quedei con esa intriga mais deduzo que sería o xefe de goberno posiblemente.

Non cambiaría o final, de feito eu tamén xa os deixaría morrer.

A lingua non foi difícil, obviamente algunhas das palabras non as comprendín mais si que entendín perfectamente o resto.

Mirian Otero Sande (4º ESO)

Esta obra do autor Roberto Salgueiro gustoume moito. É a primeira vez que leo unha obra de teatro súa mais penso que non vai ser a última. Normalmente non me soen gustar este tipo de obras, mais esta sen dúbida encantoume.

Matanza ten un vocabulario moi fácil de comprender, pero iso non é o que máis chama a atención, non, o que máis chama a atención é a súa maneira de falar, tan vulgar e picante, sobre todo o falar do Porco 2, e iso gústame, gústame este tipo de vocabulario xa que non é moi común na literatura, fai que o lea máis rápido e iso é bo. Tamén me gusta porque os adolescentes adoitamos empregar este tipo de vocabulario, ó mellor non tan bruto pero si parecido.

É un libro que te engancha e te fai rir, ademais de ser moi curto.

Malia que só hai 3 personaxes, esta obra non é nada aburrida, cada un ten un papel importante e que achega diversión e tristeza á vez.

O meu personaxe preferido dos 3 é o Porco 1, non é como os demais porcos, ten outra maneira de pensar e de actuar e iso gústame, o diferente está ben.

Este é un libro de teatro que sen dúbida recomendo e que non te arrepentirás de lelo. Recoméndoo se queres pasar un bo momento e rir un pouco coa historia destes porcos. 

Leticia Añón Guerra (4º ESO)

O momento máis importante do libro creo que foi cando os dous porcos intentan negociar co matachín xa que esa parte pareceume surrealista, é dicir, polo porco 2 xa que o primeiro porco pide que o deixe marchar pero o 2 pide unha “puta”, unha botella de viño, música… e quedei asombrada.

Creo que o tema estaba moi ben, era divertido e ao mesmo tempo dramático, porque o que acontecia era algo dramático, pero os personaxes como que lle daban un toque gracioso cos comentarios que estes facían nalgunhas ocasión.

A acción dramática que transcorre considero que está moi ben, só que creo que tería que estar explicado dunha maneira que enganchara igual pero sen empregar tantos palabróns como usan.

O final considero que está ben pero creo que lle metería máis cousas, é dicir, que se apreciara ben que ao porco o mataron, pero considero que está ben.

E a lingua é sinxela de comprender, hai algunas palabras que ao mellor non se entenden pero se lle dás algunha volta creo que lle sacas o significado ben polo contexto.

Gloria Pena Gutiérrez (4º ESO)

Esta obra teatral gustoume, pareceume entretida e divertida. É difícil parar de ler, a min enganchoume bastante. Como xa dixen, é entretida e divertida pero á vez é interesante.

Para min o momento máis importante é ao final cando volve o matachín despois de matar ao porco 2. Este era un porco que non lle tiña medo ningún á morte, tiña xa moi interiorizado que o final dos porcos é que os maten, ao contrario que o porco 1, que quería morrer de vello.

Na miña opinión os diálogos máis graciosos son cando o porco 2 lle pide ao matachín unha botella de alcol, unha puta e a canción Love me. O momento máis interesante foi cando o porco 1 contou como fora o día no que se inscribiu ao Conservatorio, que á súa vez foi gracioso.

Os personaxes gustáronme moito, sobre todo o porco 1, era serio e sensato. O único cambio que faría é o final, non me gustou moito. A linguaxe foi bastante fácil. A obra en si foi fácil e rápida de ler. Recoméndovola! 

Alba Rey Brea (4º ESO)