Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



viernes, 23 de febrero de 2018

“Un repoludo gaiteiro” na voz de María Pilar Paredes Navío (98 anos), avoa de María Gigirey Iglesias (3º ESO)


Un repoludo gaiteiro” na voz de María Pilar Paredes Navío (98 anos), avoa de María Gigirey Iglesias (3º ESO). CPI Viaño Pequeno (Trazo). Día de Rosalía de Castro 2018. #AbrideAFiestra @aelg @CasadeRosalia

Un repoludo gaiteiro


Un repoludo gaiteiro,
de pano sedán vestido,
como un príncipe cumprido,
cariñoso e falangueiro,
antre os mozos o pirmeiro
e nas siudades sin par,
tiña costume en cantar
aló pola mañanciña:
Con esta miña gaitiña
ás nenas hei de engañar.

Sempre pola vila entraba
con aquél de señorío;
sempre con poxante brío
co tambor se acompasaba;
e si na gaita sopraba,
era tan dose soprar,
que ben fixera en cantar
aló pola mañanciña:
Con esta miña gaitiña
ás nenas hei de engañar.

Todas por el reloucaban,
todas por el se morrían;
si o tiñan cerca, sorrían;
si o tiñan lonxe, choraban.
¡Mal pecado! Non coidaban
que c'aquel seu frolear
tiña costume en cantar
aló pola mañanciña:
Con esta miña gaitiña
ás nenas hei de engañar.

Camiño da romería,
debaixo dunha figueira,
¡cánta meniña solteira
"Quérote", lle repetía...!
I el ca gaita respondía
por a todas emboucar,
pois ben fixera en cantar
aló pola mañanciña:
Con esta miña gaitiña
ás nenas hei de engañar.

Elas louquiñas bailaban
e por xunta del corrían
cegas..., cegas, que non vían
as espiñas que as cercaban;
probes palomas, buscaban
a luz que as iba queimar,
pois que el soupera cantar
aló pola mañanciña:
Ò son da miña gaitiña
ás nenas hei de engañar.

Nas festas ¡cánto contento!
¡Canta risa nas fiadas!
Todas, todas, namoradas,
déranlle o seu pensamento.
I el que, de amores sedento,
quixo a todas engañar,
cando as veu dimpóis chorar,
cantaba nas mañanciñas:
Non sean elas toliñas:
non veñan ó meu tocar.