Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



mércores, 29 de febreiro de 2012

Conta de Libros (XV): Amor dos quince anos, Marilyn, Agustín Fernández Paz



Amor dos quince anos, Marilyn, Agustín Fernández Paz, col. Fóra de Xogo, Xerais.

O libro Amor dos quince anos, Marilyn pareceume moi interesante porque son cinco historias diferentes.
O libro gustoume moito porque o escollín eu e máis ou menos sabes de que vai se lle les a contraportada do final, e co que pon na contraportada poderías saber máis ou menos se che gusta.
Eu do libro non cambiaría nada. O final deixaríao tal e como está porque a min gustoume así e se o cambiase talvez non me gustara tanto.
A min non me pareceu nada difícil de ler. Porque había poucas palabras que non se lle entendía o significado, en cambio se houbese moitas palabras que non se lle soubera o significado probablemente non se collería tan pronto o contido do libro.
O libro Amor dos quince anos, Marilyn é recomendable lelo porque é un libro normal e corrente e non é difícil de ler e entreteste con cinco relatos distintos, pero algúns gustan máis que outros pero desfrútalos que é o máis importante.
Neste libro hai variedade de personaxes, en cada relato hai diferentes personaxes, nun hai un policía, inspectores noutro ata hai animais como gatos etc.; é moi divertido.

Margarita Pombo Castro (3º)

Conta de Libros (XIV): Palabras de Caramelo, Gonzalo Moure






Palabras de Caramelo, Gonzalo Moure, col. Sopa de Libros, Xerais.


A miña valoración persoal respecto este libro é moi boa. O seu desenvolvemento é moi interesante, e o mellor é que non sabes o que vai pasar no tema seguinte.
Creo que é un conto orixinal, que non é sacado doutro texto; tamén son moi bonitas as frases dos poemas de Kori. O final é un pouco triste, normalmente os contos acaba cun final feliz, pero este acaba cun final malo, por iso me gusta máis o final que escribin eu. Aínda así, o libro é moi interesante. E a lingua en que estaba escrita, o galego, entendíase perfectamente; excepto algunhas palabras.
O que non me gustou tanto foi que é algo repetitivo, é dicir, en dúas páxinas pon cousas que se poden escribir en dez líneas, iso foi o que non me gustou do libro.


Belén García Lijó (2º)

martes, 28 de febreiro de 2012

Libros de "Óscar"

Curtametraxe animada premiada cun Óscar o pasado domingo:
Os fantásticos libros voadores do Señor Morris.
Unha verdadera xoia da arte da animación.



Visto no Youtube

luns, 27 de febreiro de 2012

Con forzas renovadas!!


Andivemos un pouco vag@s dende a volta das vacacións de Nadal. En Xaneiro , ademais da volta das vacacións cando custa tanto poñerse a andar, colleunos a gripe, que nos amolou uns cuantos días, como a moit@s de vós.

En Febreiro, acumulousenos o choio cos clubes de lectura e as actividades postas en marcha que derivan deles:

- Derivada do libro O Diario Violeta de Carlota, o foro que abrimos na Aula Virtual do Centro sobre a Igualdade entre homes e mulleres, que está a dar tanto que falar este trimestre. Que non visitastes o foro aínda? Pero se os debates están interesantísimos!!. Pincha onde pon acceso e co teu nome accede e olla o que estamos a comentar. Aquí, aquí:
http://www.edu.xunta.es/centros/cpivianopequeno/aulavirtual/course/category.php?id=27


- A exposición sobre As Mulleres na Historia, que tamén enlaza co citado libro.

- Derivada do libro Cruzada en Jeans, unha pequena creación que lle propuxemos a Diego, Lucía, Tamara e Anxela, de 3º da ESO.


- Derivada do libro Lúa do Senegal, a entrevista virtual co autor, Agustín Fernández Paz, que disfrutou o alumnado de 1º de ESO.


Ademais, estamos a argallar unha lectura de poemas conxunta para o Día Mundial da Poesía, o 21 de Marzo. E algunhas outras actividades das que vos daremos conta pouco a pouco.


Pois así andamos, con bastante que facer e que organizar, pero con ánimos renovados. Grazas pola vosa participación e colaboración. Sodes @s mellores!! Non quixeramos estar de profes en ningún outro sitio!! (Dende a bilioteca tamén sabemos facer a pelota cando nos convén, eh!!)

Lembrade que os Clubes de lectura seguen a funcionar, e axiña con propostas novas, o foro "Educando en Igualdade" está a ser un punto de encontro para @s que nos interesa loitar por unha sociedade máis xusta e máis igualitaria, e segue aberto o concurso trimestral para @s que máis comentan no blog, con premio-agradecemento ao final do trimestre.Enlace

venres, 24 de febreiro de 2012

Hoxe é o 175 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro


(Nova fotografía de Rosalía de Castro descuberta por Ramón Torrado.
Fonte: Certo, Xornal Virtual da Barbanza)

Toda Galicia celebra hoxe o 175 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro con multitude de actos conmemorativos. Entes as moitas entidades que a recordan están a Fundación Rosalía de Castro e a Asociación de Escritores/as en Lingua Galega.

Naceu en Santiago de Compostela o 24 de febreiro nunha casa do Camiño Novo (hoxe Rosalía de Castro). Filla de María Teresa de la Cruz de Castro y Abadía, fidalga vida a menos, e do sacerdote José Martínez Viojo. Bautizada na capela do Grande Hospital Real (hoxe Hostal dos Reis Católicos).

Desde o CPI de Trazo lembramos a data con este seu poema do libro Cantares Gallegos (1863)

Nasín cando as prantas nasen,
no mes das froles nasín,
nunha alborada mainiña,
nunha alborada de abril.
Por eso me chaman Rosa,
mais a do triste sorrir,
con espiñas para todos,
sin ningunha para ti.
Desque te quixen, ingrato,
todo acabou para min,
que eras ti para min todo,
miña groria e meu vivir.
¿De que, pois, te queixas, Mauro?
¿De que, pois, te queixas, di,
cando sabes que morrera
por te contemplar felís?
Duro cravo me encravaches
con ese teu maldesir,
con ese teu pedir tolo
que non sei que quer de min,
pois dinche canto dar puden
avariciosa de ti.
O meu corasón che mando
cunha chave para o abrir,
nin eu teño máis que darche,
nin ti máis que me pedir.

xoves, 16 de febreiro de 2012

Queres gañar un exemplar de 2044 de Eduardo Santiago?



Fonte: Editorial Galaxia. Explicámoscho aquí

Editorial Galaxia leva tempo colaborando co portal culturagalega.org de cara a promover a lectura na nosa lingua. Dende o portal web ofécesenos a posibilidade de gañar varios exemplares da colección Costa Oeste da nosa editorial, contestando correctamente a unha sinxela pregunta: A que xénero narrativo ou temática corresponde a novela 2044 de Eduardo Santiago?
As respostas enviaranse antes das 15 horas do luns 20 de febreiro ao correo
lg3@culturagalega.org

O correo debe levar como asunto "sorteo 2044" e incluír o nome e apelidos, o teléfono e o número de DNI da persoa que participa.
Cada persoa só poderá participar unha vez e a través dunha soa conta de correo.
Entre todos os nomes dos participantes levarase a cabo un sorteo cun programa de selección aleatoria que elixirá tres nomes de xeito correlativo.
O resultado do sorteo farase público durante a mañá do martes 21 de febreiro no portal na páxina desta promoción e comunicaráselle directamente ao gañador ou gañadora pedíndolle o seu enderezo postal.
Os datos de contacto só terán como uso facer o envío dos libros da colección Costa Oeste de Editorial Galaxia e non serán almacenados en ningunha base de datos nin usados para ningunha outra finalidade.

xoves, 9 de febreiro de 2012

Conta de Libros (XIII): A banda sen futuro, Marilar Aleixandre



A banda sen futuro, Marilar Aleixandre, col. Fóra de Xogo, Xerais.


A min, este libro gustoume. O momento que máis me gustou foi cando por fin, despois de moito tempo, Carlota pode deixar medrar o pelo.
Eu non faría un cambio no final, porque xa me gusta así con este final, pero tampouco faría ningún cambio no resto do contido do libro.
A min non me resultou dificil de ler, aínda que había algunhas palabras ás que non lle sabía o significado.
O momento que menos me gustou foi cando Moncho ía sempre onda Carlota, dicirlle cousas da obra de teatro que ían facer.
O momento que máis me me chamou a atención foi cando Carlota falaba coa foto de Poch, porque Poch xa estaba morto e as fotos non falan.

Alicia Veiras Noya (3º)


O momento máis importante para min foi cando Carlota estaba namorada de Miguel, pero logo Toño bicouna e foillo contar a Poch e non se decidía, non sabía se estaba namorada de Toño ou non.
O libro gustoume moito.
Eu do libro se tivera que cambiar algo non o faría, deixaríao tal como está.
Pero cando Carlota falaba con Poch, un cantante morto do que na parede tiña unha foto, chama a atención do lector-lectora esas conversas con el.
Este libro é recomendable lelo, para as persoas que lle guste ler, porque fala dunha rapaza que ten unha enfermidade e que fala cos mortos.

Margarita Pombo Castro (3º)

Esta novela pareceume espectacular xa que me sinto identificada con ela. As historias de amor imposiles e os medos do que pensen de ti os demais compañeiros son moi comúns, sobre todo se tes algún complexo, como neste caso Carlota que ten o problema do pelo.
A parte que máis me gustou do libro foi na que Moncho bica a Carlota e lle di que a quere, naquel momento Carlota non pensa no seu pelo, soamente pensa en que hai unha persoa que a quere tal e como é sen necesidade de agochar nada.

Tamara Muíño Bello (3º)

martes, 7 de febreiro de 2012

Xogan a vida por iren a clase



Semella un adestramento militar mais nada máis lonxe da realidade. Os nenos de Banten, en Indonesia, xogan a vida para iren a clase todos os días. O pasado luns, as tres pontes que conectaban o seu lugar co do lado quedaron destrozados polas chuvias. Din que prefiren facer isto, porque a outra opción é camiñar 5 quilómetros. Aínda que hai nenos moi pequenos que non poden ocultar o seu medo. O alcalde preocúpase pola rapazada, e espera que grazas á difusión destas imaxes o goberno tome medidas. As súas caras xa o den todo. Un esvarón pode ser fatal, pero antepoñen o seu deber á súa propia supervivencia. Para eles, sentar nas aulas, é un xogo de nenos e nenas.

Fonte: xornal público e bitácora trafegandoronseis

Hoxe, 7 de febreiro, fanse 200 anos do nacemento de Charles Dickens (1812-1870)


(Video de floriandocumentales en youtube)

Hoxe, 7 de febreiro, fanse 200 anos do nacemento dun dos autores máis universais de todos os tempos.
Charles Dickens (1812-1870) trasladouse coa súa familia a Londres cando contaba dous anos e despois a Chatham, onde empezou a ir á escola. A penuria económica na que se viu a familia cando encarceraron a seu pai por insolvente fixo que empezara a traballar nunha fábrica de betún. Traballou máis tarde como taquígrafo no Parlamento e viaxou moito por Europa. Entre as súas obras salientan Os papeis póstumos do Club Pickwick (1837), Oliver Twist (1838), publicado en galego por Galaxia, David Copperfield (1850), Canción de Nadal (1843), publicado en galego por Cumio, ou Grandes esperanzas (1861), entre outras.

Fonte: blog.anayainfantilyjuvenil.es