Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



venres, 17 de novembro de 2017

Conta de Libros (II): Pel de Lobo, de Xosé Miranda


Pel de lobo. Xosé Miranda. Xerais

Este libro dende que o vin, souben que tiña que lelo si ou si porque a min a temática de animais encántame, e a de medo tamén, e xuntas buaa… Iso que ler libros non é o meu porque moi poucos me chaman a atención, pero este foi todo o contrario, lino rapidísimo, en canto me din conta xa estaba case acabando o libro!!!!

Trata sobre unha familia (pai, nai e fillo) que vivían do que gañaba o pai das cacerías ás que ía, sempre que había que matar un lobo ou varios deles, chamábano para que fose liquidalos a todos e cada un deles. 

Un día chegou un home a súa casa e preguntou polo pai para que fose matar un lobo, pero o home comentoulle que era especial, este lobo non había quen o matase, xa que as balas non o furaban e xa matara varios nenos e animais do territorio. O pai decidiu intentalo e alá foron, el e mais o fillo que se empeñou en ir e conseguiuno.

Non vos vou a contar máis porque senón destripóvolo, espero que quen o lea lle guste e nada máis. ABUR!

Damián Regueiro Liste (3º ESO)

O momento máis importante para min foi cando toda a xente do pobo se reuniu para tenderlle a trampa aos lobos, e tamén cando chegaron á casa do fidalgo e mostrábase como era, que cadros tiña…

O libro ten dúas partes: a primeira é cando o fidalgo os chama e plantexan como matar os lobos, e a segunda sería cando xa sabían que facer co lobo (como matalo).

O final non me gustou moito, polo feito de que todo saíra mal e incluso por obrigar o fillo a matar o seu fiel can (aínda que no final mataran o lobo negro). É o único que cambiaría no libro.

Finalmente, con respecto á lingua non e difícil de ler, pero algúns nomes si que os cambiaría e tamén algunhas palabras en concreto. 

A min o libro gustoume bastante, excepto como xa dixen o seu final.

Daniel Balsa Balsa (3º ESO)

Este libro gustoume moito, xa que conta unha historia duns lobos que resultan ser lobishomes, Xosé o protagonista mais seu pai Fulxencio son os cazadores. Está baseada nunha época antiga, na cal para desprazarse usábanse cabalos e burros, para cazar usaban escopetas e machados. Conta unha trama chea de misterio e de emoción, pois dá a entender que Ana é o lobishome e ao seguir lendo aparece outro lobishome dándolle así máis emoción á lectura.

O momento máis importante do libro para min, foi cando matou o seu can, xa que iso demostra, o medo, que ten que pasar Xosé ante os lobos. Outro momento importante é cando Xosé libera da maldición a Aurora xa que demostra un gran valor baixando do faiado para queimar a pel do lobo.

Respecto ao final eu engadiríalle máis contido, xa que unha parte emocionante do libro sería o paradoiro do lobishome negro (Ana), se foi libre ou puxo o colar.

O vocabulario é actual con palabras sinxelas de fácil comprensión.

Recoméndolle esta lectura aos meus compañeiros.

Martín Dafonte Rodríguez (3º ESO)