Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



martes, 20 de setembro de 2011

Mañá comeza o outono



No youtube algúns din que o outono vive aquí, na Selva de Irati, mais pensamos que tamén podería andar por Trazo. Se o vedes, dicídelle que non temos presa porque nos visite.

Déixovos un comentario de Ramón Otero Pedrayo sobre este cambio de estación. A aldea, o outono, os labregos: o noso.

Xa os derradeiros días de sol amañeceron
unhas mancholas cor de cobre nas ponlas
máis valentes dos vellos negrillos da estrada.
Os amieiros musicais afeitos a seguir a carreira das
augas tamén adquiren unha mística pureza de ouro
melancólico sobre o lucir da alba. As campás do val
rachan as xordas néboas. No serán locen feixes de
rosas murchas nas montañas do poente. O outono.
“¡Que triste está a aldea!” din os cidadáns
maxinando os camiños lamigosos, as casas afumadas,
os espellos da auga encorada nos sucos do
centeo, o trecolear dos zocos nas costas pedregullentas.
O vivir parece que detén o seu ritmo ó
compás do crecemento das noites e do medoñento
caer das follas e dos ourizos nos soutos seculares. Xa
non estoupan os foguetes da festa nin se ergue o
alalá das escascas coma nas doces noites setembrinas.
O cidadán pensa que a aldea morre
agardando coa paciencia dos penedos a que volte o
ledo rexurdir primaveral. Mais chegádevos a unha
verdadeira parroquia campesía, ollade prós terreos,
entrade nos curros e veredes que a vida lonxe de se
deter, corre máis axiña e loce máis luminosa igual
que a lapa petrucial da lareira.
O labrego ergueu a colleita. O millo está nos
cabaceiros, a pinga nas pipas, o feno ben gardado
das chuvias. Os eidos quedaron espidos. E por certo
que este ano os labregos non tiveron que se matar
na angueira. Xa o ferrado de centeo sube de trinta
reás, a horta esgotouse coas calores, o millo nin
palla rendeu nas herdades. A irmá Fame entrouse
polas portas da aldea. Soio medrou a contribución
neste ano de gracia.
A vosa sorpresa será grande cando vos deades
conta dunha cousa insospeitada: o labrego, a pesar
de tantas calamidades, non está demasiado queixoso.
¿Sabedes a razón? Pois é ben sinxela: porque xa
vive no ano que vén. Xa latexa na esperanza.
A esperanza endexamais morre na aldea galega.
Nin despois dos pedrazos, nin cando cos grandes
traballos se recolle un pouco de herba pró gando,
nin cando decreban as feiras e o diñeiro procura
outros camiños que os da aldea. Agora as chuvias
caroais ameazan con afogar a semente do centeo fai
pouco depositada amorosiñamente nos sucos
tenros. Non importa. Ó correr do ano unha
esperanza inmorredoira corre nas conversas das
bodegas e das lareiras, nas escascas e nas rozas, e
loce no ollar dos paisanos cando nos seráns das
festas se demoran paseando quediñamente polos
eidos amados.
Na terra verdecente do adro dormen os ósos dos
que tamén traballaron, sufriron e agardaron. Un
misterioso sentimento de comunidade xunta os
vivos cos difuntiños. Das lousas gastadas do
cemiterio sae un consello grave e amigo. Tamén eles
pasaron por moitas calamidades mais se voltaran ó
mundo, outrora collerían a aixada e marcharían
ledos cara ó torrón labrego.
Apenas morta unha esperanza xurde outra
esperanza nova na primeira alborada. Os que veñen
da América renegan do traballo do agro e teñen
lástima irónica dos pais —os vilegos como eles din—
ó velos apegados ó rabo da aixada. Non pensan que
latexa na aldea unha forza que non se pode
conquerir nas grandes vilas, afumadas e resplandecentes,
do estranxeiro.

Novembro 1926

Ramón Otero Pedrayo


OUTONO

Visto en http://www.youtube.com/
Visto en http://alvarellos.info/index.asp

5 comentarios:

Lucia Noia Casas dixo...

A entrada é melancólica, si, mais seméllase ao outono. Para min é fermosísimo! Gosto de ver caer as follas e ficar queda estudando na paisaxe tan ben pincelada, a perfección, con cores que brillan grazas a chuvia galega. Gosto dese cambio! De pasar do mollado inverno cara a florida primavera, mais tarde polo seco e amarelo verán para rematar no fermoso outono marrón que sempre une ao pé do lume. Tempo de castañas tamén! Ñam, ñam!
Gosto tanto do outono como deste fabuloso pregón de benvida de Pedraio! Atinada escolla!
Apertas!

BIBLIOTECA TRAZO dixo...

Grazas, Lucía!!
Que bonito o que dis e compartes. Da gusto q nos visiten as ex-alumnas e nos deixen comentarios. Estamos felices :)

Carmen Trazo dixo...

Todo belísimo, a min tamén me parece unha estación maravillosa. A minha curta viaxe ao instituto é unha ledicia cando empeza o cadro das cores das follas na ponte de Chaián.

BIBLIOTECA TRAZO dixo...

Pois si;carmen. Totalmente dacordo. Hai q aprender a valorar o q temos. :)

Jennifer dixo...

A min tamén me gusta ver caer as follas, e as bonitas cores que ofrece a natureza parece que che da enerxia positiva.