Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



xoves, 6 de xuño de 2019

Andel de Libros (XXXIX): Iridium, de Francisco Castro


Iridium. Francisco Castro. Galaxia

Este libro gustoume moito. É unha novela que fala dunha rapaza con dano cerebral adquirido despois de que un home borracho a atropelara mentres cruzaba por un paso de peóns.

Para min, o momento máis importante para min foi a festa, cando entrou no local e todos lle deron unha sorpresa, despois de estar tanto tempo sen vela e de pelexar tanto por seguir adiante e comezar unha vida de cero. 

O momento de máis tensión na miña opinión foi cando Iris lle ía botar en cara o de Chechu, que lle puxo os cornos a Iris con Martha, gustaríame ver a cara de parvo que lle ía quedar.

Este libro comparte unha vida dura, da que aprendes moitas cousas, unha delas, a máis importante na miña perspectiva, é a mensaxe de non renderse ante calquera situación. Lendo este libro dáste conta de que en 5 minutos a túa vida pode acabar ou simplemente volver empezar de novo, aínda que sexas unha rapaciña de 16 anos.

Os personaxes son xeniais, aínda que Chechu é un “cabrón”, xa que lle puxo os cornos con Marta con ache. E o final gustoume e non lle faría ningún cambio. 

Recoméndolle este libro a todo o mundo.

Alba Rey Brea (3º ESO)    
Este libro fala dunha moza, Iris, que a causa dun atropelo, sofre un dano cerebral adquirido (DCA). O relato fala da súa evolución e da súa vida amorosa, que deixa moito que desexar segundo os estereotipos que a sociedade nos implanta. Este é o tema principal do libro, os prexuízos inxustos.
Persoalmente gustoume moito porque nos mostra unha parte da vida de moitas persoas que nos estamos acostumados a ver.
Para min o momento de maior importancia foi cando preto do final, se desvelou quen verdadeiramente tiña o teléfono móbil de Chechu, a ex-parella de Iris.
En canto ao final, era bastante esperado pero rematou ben e gustoume.
O meu personaxe preferido é o profesor de Lingua e Literatura galega, pois amosa ser unha persoa moi intelixente que sempre está aí para botarlle unha man a quen a precise.
O vocabulario é moi sinxelo e coloquial, pois están a falar mozxs de 18 anos.
Verdadeiramente recomendaría este libro porque é moi fácil e rápido de ler, e fai pensar en cousas que son interesantes.
Paula Noya Redondo (4º ESO)


Boas, xentiña! No día de hoxe vouvos falar de Iridium, un libro que fai pouco que o lin. Dito isto, comezo.

Este libro encantoume, trata temas que están  moi presentes na vida de moitas persoas, como é o dano cerebral adquirido, por desgraza, tanto pequenas como maiores. Empatizo moito coa protagonista posto que teño familiares con esa enfermidade.

E tamén fala do amor, do desamor. Esas cousiñas dos adolescentes, sabedes?

Non lle faría ningún cambio, pero algunhas veces Iris pareceume un pouco “crida”  polo que di no libro de “era guapa antes do accidente e sígoo sendo agora”, a ver, creo que hai que ter a autoestima alta, claro que si, pois hai xente (eu incluída) que non a ten moi alta...pero para o meu gusto creo que a ten en exceso.

O vocabulario foi sinxelo, polo que me resultou moi fácil de ler e tamén porque era un libro moi curto pero cheo de sentimentos, posto que non fai falta que sexa un libro grande para ser bo.

Un libro cun final inesperado, polo menos para min.

Un libro que sen dúbida recomendaría.

Leticia Añón Guerra (3º ESO)


Iridium é un libro que ten un tema moi interesante xa que fala do instagram, aplicación que nestes tempo se utiliza un montón.

Este libro fala dunha rapaza que tras sufrir un accidente de coche, un borracho atropelouna un día, pasou 7 meses en coma e ademais iso provocoulle un DCA (dano cerebral adquirido). Malia iso é unha rapaza que loita moito por levantarse cada día, xa que lle custa un montón facer cousas cotiás.

O momento máis importante para min foi cando Iris lle dá o Iphone a Chechu e lle di que quen llo quitara fora ela para saber se a enganara con Martha antes do seu accidente, cousa que é verdade. Isto gustoume moito xa que aínda que Iris sabía que facer iso lle ía doer algo, fíxoo para saber a verdade.

O meu personaxe favorito é Iris ou Mario, os dous fan moi boa parella, xa que se complementan un ao outro. Non me gusta nada Chechu xa que me parece un rapaz moi borde, egoísta e celoso.

O desenlace deste libro é moi axeitada xa que é un final feliz.

Recomendo un montón este libro, xa que ademais de ser un relato moi entretido e interesante, é moi fácil e rápido de ler.

Ahinoa Antelo Rodríguez (3º ESO)


O libro Iridium é un dos mellores que hai nas lecturas de galego que eu fixen. Trata dunha rapaza que cursa bacharelato, non é unha rapaza coa mesma clase de problemas que as demais. Ela ten un ollo de cada cor, o que non lle supuña ningún problema, o que si lle a afectou foi un accidente de coche cando un borracho a atropela, a partir de aí Iris ten que aprender a vivir con iso.

O momento máis importante para min foi cando Chechu (ex-mozo de Iris) e Mario pelexan na festa que Ruth, a mellor amiga de Iris, organizara pola saída do hospital. 

O libro trata un tema en miña opinión interesante, gustoume moito, non lle faría ningún cambio, ten unha linguaxe coloquial e sinxela de comprender.

E os personaxes están bastante ben, o que máis me gustou foi Ruth porque sempre está para Iris e a intenta axudar aínda que non sempre poida. 

En xeral recomendo este libro a calquera persoa, aínda que ao mellor non sexa do gusto de todos é unha boa lectura.

Mirian Otero Sande (3º ESO)


Ola a todos e a todas, hoxe vouvos falar dun libro chamado Iridium, esta obra ten un alto interese para o meu gusto debido a que trata dunha moza con dano cerebral adquirido, paréceme un personaxe con moita forza de vontade, pois a pesar de ter DCA non se rende nunca.
As partes que menos me gustaron foron nas que falaba do centro de rehabilitación, pois parécenme un pouco aburridas, pero lese rápido e é preciso para contar a historia.
O momento máis importante paréceme cando comeza a liorta entre Mario e Chechu na festa de volta de Iris, debido a que nese momento comeza a historia entre estes tres.
Persoalmente eu non lle faría ningún cambio xa que me parece que está moi ben así.
Eu recoméndolle este libro a todo o mundo, pero en especial a rapaces e rapaza entre 13 e 19 anos xa que neste libro apréndense moitos valores. O libro é moi curtiño e ten un vocabulario moi fácil de entender, así que a ler!!
Alba Dafonte Rodríguez (3º ESO)


Eiiiii que pasa amiguiños. Hoxe vou facer a valoración de Iridium, un libro moi bo para mozos coma nós. 

Un dos momentos máis importantes para min neste libro foi a festa de Iris feita por Rut (a súa mellor amiga), nesta festa pasou que dous rapaces adolescentes como soe acontecer, pelexáronse un co outro por unha rapaza. Esta rapaza era Iris, unha rapaza que aos seus 18 anos xa lle pasou de todo como por exemplo, un accidente que tivo ao comezo do libro e que a deixou con DCA (dano cerebral adquirido) para bastantes meses, a pesar de iso saíu perfectamente ilesa. 

Pero o peor do seu accidente foi que o seu mozo Chechu a deixou por outra porque pensaba que Iris ía morrer. 

Polo demais, o libro estivo bastante, bastante ben. Enganchoume moito debido a que había veces que quería parar de ler pero non daba, o libro tiraba por min, non me deixaba parar de lelo. 

Recomendo moito esta historia xa que eu que son un rapaz que non le moitos libros, este porén encantoume.

Pablo García López (3º ESO)


O momento máis importante do libro para min é cando Chechu e Mario pelexan, e a Chechu lle cae o teléfono e llo colle Iris, e este pensando que foi Mario vaille a casa e empeza a berrar como un tolo.
O libro pareceume ao principio un pouco triste polo que lle ocorrera a protagonista pero conforme transcorría a historia acabou sendo moi interesante e por momentos moi gracioso por algúns comentarios que fan os personaxes deste libro.
Para min os personaxes máis importantes foron Mario, Chechu e Iris xa que entre estes tres transcorre o máis interesante da historia(os dramas amorosos) que son os cales provocan a maioría das disputas destes tres.
O desenvolvemento penso que está ben aínda que as parénteses me perden un pouco xa que nestas di cousas aparte que non teñen que ver moito co que está a ocorrer.
O final está moi ben xa que como eu quería Iris acaba con Mario
Para min a lingua foi moi sinxela de entender xa que está escrito teoricamente por unha rapaza que é da nosa idade e por iso resulta máis fácil de entender todo.
Recomendo moitisimo este libro a todas as persoas que lle guste ler por suposto pero principalmente as persoas que lle guste entender os problemas doutras persoas, xa que neste libro en varias ocasións a rapaza explica como se sente cando a tratan como a alguén diferente.
Gloria Pena Gutiérrez (3º ESO)


Boas, son Ana Cebey, e escollín o libro de Iridium, de Francisco Castro.


Para min o momento máis importante foi o final, dende a loita na festa ata que están na casa de Mario. Este libro gustoume moito, lese moi rápido e engancha moito.


O personaxe que máis me gustou foi Iris, xa que ten “heterecromía Iridium”, que é algo que fai que teña un ollo de cada cor, e que só o teñen 1 de cada 10 persoas. Tamén ten DCA, que é Dano Cerebral Adquirido, por culpa dun accidente, xa que un borracho a atropelou nun fatídico día. E malia iso, segue sendo a raíña de Instagram.

Cambiaríalle o final, gustaríame que contase máis a súa relación con Mario. E non lle faría ningún outro cambio ao libro.

Polo demais é un libro de fácil compresión, xa que usa un vocabulario axeitado para a nosa idade, con palabras fáciles. 

Este libro foi dos mellores que lin ata hoxe.
  
En xeral, recoméndolle a todos este fantástico libro cheo de maxia.

Ana Cebey De la Torre (3º ESO)

Pareceume un libro moi interesante, para reflexionar, porque é unha historia diferente. É dicir, tamén hai unha historia de amor e esas cousas, pero non de príncipes e princesas, senón de dous rapaces que son a mesma cousa por culpa da sociedade; marxinados.

A enfermidade de Iris é complicada, e faiche ver como che cambia a vida nun momento a outro. Non é fácil vivir da maneira na que ela o fai, e por iso, velo desde ti mesmo, axúdache a ver a realidade doutra forma. Non faría ningún cambio.

A miña escena preferida foi ao final, cando se axustan as cordas e Iris volve a ser feliz, pero para coñecela, teredes que ler o libro, eu non vos vou dicir nada.

O meu personaxe favorito é Iris, xa que é unha gran loitadora que sae adiante a pesar de todo. Paréceme un gran exemplo a seguir, e ademais ten uns ollos preciosos. En cambio, o personaxe que máis odio é Chechu, porque sinceramente é un malcriado e pórtase como tal.

Recomendo este libro moito, eu lino nun día, así que as páxinas non son escusa. De verdade que é un dos libros que máis me gustou, e ten un final feliz. Pero non vos digo nada máis, agora toca que o leades vós... Por certo, a lingua é facilísima de entender.

Iria Boquete Sánchez (3º ESO)


Boas, chámome Marcos o Spider-Man Negro, hoxe dentro das miñas negruras vouvos relatar o que me pareceu este libro, un relato cheo de luz.

O tema pareceume moi interesante e ten unha boa historia centrada no dano cerebral de Iris, a protagonista do libro, que tivo un accidente de coche por culpa dunha persoa ebria e a partir de aí lle diagnostican un dano cerebral adquirido e a partir de aí seu mozo a deixa por culpa de que lle fixeran esa diagnose do dano cerebral e el pensaba que ía morrer, entón foise con Martha. 

O momento que máis importante me pareceu foi cando ela relatou o seu accidente. 

Os seus personaxes son diversos, intelixentes (coa excepción de Chechu que é un “cabrón”, así o di no libro).

Non cambiaría nada do desenvolvemento do relato nin do final, e o vocabulario non é difícil de entender excepto algunhas palabras. 

Recoméndolle este libro a todos os públicos, porque é interesante e emocionante.

Marcos Conde Delgado (3º ESO)


A min gustoume moito este libro, fai pensar moitas cousas sobre a realidade, para ter a ilusión de sobrevivir dun accidente algo grave.

O tema pareceume moi interesante porque contaba moitas cousas que che poden interesar para a vida cotiá, xa que vai dunha rapariga chamada Iris que tivera un accidente cun condutor que ía borracho e chocou contra ela.

O momento mais importante do libro é cando esperta Iris do coma porque foi unha ilusión de que espertara despois do accidente, como todos os doutores dixeran que ía morrer despois daquilo.

Eu non faría ningún cambio do libro porque pareceume moi interesante.

Para min o final é axeitado como esta, mesmo o desenlace de cando pelexaron está xenial.

A lingua non é moi difícil de entender porque non hai palabras moi raras como noutros libros.

Eu recoméndovos ler este libro porque trata sobre un tema dun accidente moi grave e pódevos axudar en algo.

Adrián Esmorís Noya (3º ESO)

Andel de Libros (XXXVIII): Os nenos da varíola. María Solar


Que onda banda! Son Yago e vouvos falar do libro Os nenos da varíola, de María Solar. Esta novela trata duns nenos de distintos orfanatos que teñen que axudar a levar a vacina da varíola (daquela unha enfermidade moi grave e practicamente imposible de curar) a América. 
A min o libro gustoume moito, o tema pareceume bastante interesante, posúe un final axeitado e non tes por que estar licenciado en filoloxía para entender o vocabulario. 
Os personaxes máis importantes son a reitora dona Isabel (a reitora do orfanato da Coruña) e Ezequiel (un rapaz do orfanato da Coruña tamén), aínda que ao principio parece que Candela tamén vai ser importante pero queda reducida a un personaxe secundario. Outro personaxe moi importante é o doutor Posse Roybannes (o doutor do hospital do orfanato da Coruña). 
Tras lelo o libro agradoume e recoméndollo a calquera persoa que o queira ler ou que queira saber un pouco máis da historia da medicina.
Yago Leis Ríos (3º ESO)

Ola, hoxe vouvos a dicir a miña valoración do libro de María Solar Os nenos da varíola. A min gustoume bastante porque a historia era moi interesante e curiosa. 
O momento máis importante foi cando encontrou traballo Ezequiel e cando descobren a vacina contra a varíola. Porque o traballo foi importante para o transcurso da historia e a vacina porque foi importante para a humanidade. 
O tema pareceume apropiado e interesante porque ninguén ou moi poucos libros en galego falan deste tema. 
Eu faríalle un cambio sobre Tomás para ben, por exemplo que fose un pouco menos rabudo e que lle deran máis tempo tanto no orfanato. 
O final pareceume perfecto menos porque nos conta nada desde despois de que marche o barco e gustaríame saber que acontece en América e o que acontece con Ezequiel. 
A lingua era fácil de entender. 
Eu recomendo este libro porque se pode aprender moito sobre a varíola e Galicia nesa época.
Miguel Mariño Martínez (3º ESO)

Andel de Libros (XXXVII): Almas mortas, de Antón Vilar Ponte.


Almas mortas. Antón Vilar Ponte. Céltiga (Reed. La Voz de Galicia)
O momento que me parece máis importante é cando aparece o rapaz dicindo que escoita berros e Manoel preguntando por Don Ramonciño. Xa que o carteiro levara por diante a Pepe co automóbil e estaba botando sangue pola boca e se encontraba moi mal, estaba apunto de morrer.
Os único cambios que faría, só serían que o libro empezase doutra maneira, porque foi o único que non me gustou del, e que se tivera que facer un cambio máis, que Don Eduardo non fora tan pesado.
O mellor personaxe, paréceme Don Ramonciño sen dúbida, xa que axudaba sempre a xente no que necesitaba e dándolle consellos sobre o que quixeran. 
A lingua é bastante sinxela, xa que as palabras que non sabes algunhas sácalas facilmente polo contexto.
A ver, a lectura recoméndoa, pero xa vos digo que hai libros mellores, e que a forma na que empeza non me gusta, non porque pase algo nin nada só que non me gustou o inicio, despois si.
Lydia Rey Varela (4º ESO)

mércores, 5 de xuño de 2019

Andel de Libros (XXXVI): Río Bravo, de Chévere




Para min o momento máis importante do libro é cando Méibol mata ao chérif, pois non nunca pensaría que se foran matar entre eles dous. Ao matar ao chérif, Río Bravo, queda sen control e sen xustiza.

O tema pareceume interesante e divertido, aínda que é moi comoplexo de ler, xa que, se perdes o fío non consegues entender nada.

Cambiando de tema, os personaxes axudan moito a que o libro sexa sinxelo, pois hai dous personaxes que son un pouco parvos, Dud e Flan, e fan que a lectura sexa moi graciosa.
Despois está Natan, o irmán de Flan, que a min non me cae moi ben, pois é o antagonista.
Logo quedan Méibo e o Chérif que lle dan un toque romántico á obra, aínda que, a min, persoalmente, o romance paréceme totalmente innecesario e irrelevante.

Con respecto ao libro, eu non faría ningún cambio, pois é un libro moi sinxelo e gracioso e lese moi rápido. Por outro lado, o final eu non o desenvolvería como no libro, gustaríame que o chérif e Méibol marchasen ou se fugasen xuntos.

A lingua é sinxela. Faime gracia porque inclúe palabras en inglés pero en vez de escribilas ben, escríbenas como soan. Por exemplo: En vez de escribir “Take it easy”, escriben “teiquirisi”.

Creo que é moi sinxelo perder o fío nesta obra, pois usa moitas onomatopeias e algunhas veces, o abuso  destas pode facer que perdas a cabeza mentras les.

Recomendo moito este libro se vos gustan as historias do Oeste e aínda máis se vos queredes rir un anaco.

Uxía Iglesias Vázquez (4º ESO)


O momento que máis me gustou e máis importante me pareceu foi cando Natan se disfraza de xuíz e entra en defensa do seu irmán porque se non pasase iso non habería un final adecuado na historia. 

O personaxe que máis me gustou  foi Meibol, a muller da obra, xa que é unha muller poderosa porque conseguiu vencer a todos os homes da obra, dende Natan que a quixo acosar ata o chérif que só a quixo axudar.

O personaxe que máis me desagradou foi Flan porque aínda que era moi gracioso e divertido era parvo de todo e non facía máis que buscar pelexa en todos os lados aos que ía. 

Esta obra pareceume moi divertida e gustoume moito polo que non faría ningún cambio. Este libro foi custoso de ler e de entender ao principio por culpa de que había moitas onomatopeas.

A lectura recoméndoa porque é moi divertida e ris moito aínda que ás veces sexa un pouco complicada de entender.

Alicia González Lage (4º ESO)

Este libro gustoume e ó mesmo tempo non, xa que usa moitas onomatopeas, que me distraen da historia. 
Trata dun tema do vello oeste, o cal a min persoalmente gústame.
O meu personaxe favorito é o cherif xa que se toma o seu cargo con responsabilidade. Por outra parte os máis graciosos son os indios. 
O momento máis gracioso é cando os dous indios fan un tótem para esconderse do Chérif e lle beben a bebida que lle ofrece ao seu compañeiro.
Eu persoalmente o final cambiaríallo xa que morre moita xente de golpe, cousa que é mellor que contase en máis paxinas e fosen morrendo con máis calma.
O vocabulario é moi sinxelo, un dos libros que mais fácil o ten dos que levo lido.
Eu recomendo ler este libro xa que a pesar das onomatopeas conta unha historia que merece a pena ler xa que ten escenas que dan graza e outras que son entretidas, pero se non che gustan as historias do oeste daquela non. 
Martín Dafonte Rodríguez (4º ESO)

Andel de Libros (XXXV): O velorio, de Francisco Taxes



Persoalmente o libro sorprendeume bastante, pois, os dous primeiros cadros consisten no mesmo e non contan nada, só a conversación entre as persoas que están na cociña, por iso non me gustaba. Pero no último cadro empeza a acción, e o que parecía unha obra totalmente insípida convértese en todo o contrario.

A verdade é que me gustou moito. Creo que aparecen todas as personaxes necesarias para crear unha escena, ou mellor dito, un panorama moi real e no cal se reflicte moi ben como eran antes os velorios, nesa época.

Con respecto aos personaxes, son necesarios todos. Algúns case non falan nin son nomeados, pero sen ese fato de xente, non sería o mesmo. As personaxes complementan e fían a historia.

E con respecto á linguaxe, pareceume bastante sinxela. É certo que había palabras que non coñecía, pero polo contexto enténdense, máis ou menos.

Recomendo este libro pois sorpréndeste moito, e, paréceme moi interesante e que deixa un final onde quedas un pouco desorientada/o, xa que este é moi aberto.
    
Uxía Iglesias Vázquez (4º ESO)

Este libro conta a historia dun velorio como di o título. 

Esta historia gustoume máis ou menos. A historia en si é divertida porque é moi diferente ás demais, e non te imaxinas para nada que acabe como acaba, pero ás veces é moi lenta, explícome, en todo o libro non ocorre nada ata o final, é seguido o mesmo, é algo repetitiva e ás veces chega a ser canso pois toda a historia transcorre na habitación onde velan o corpo e na cociña da mesma casa. A pesar disto, a historia está moi ben expresada, neste velorio, hai varias persoas dende familiares tan cercanos como son os fillos ata choronas que cada vez que rezan choran. Como era unha familia poderosa, tiñan a Xusto e Vitiña na casa que eran dous criados da facenda e do casal respectivamente.

Tras toda a historia, quedas abraiad@ cando chegas ao final, pois despois de toda a trama, non esperas un desenlace así. 

A lingua é moi fácil de entender, e ademais diso é bastante curto, polo que aínda que a historia transcorra un pouco lenta, lese moi rápido.

Tania Villasenín Bello (4º ESO)

Andel de Libros (XXXIV): Cyrano de Bergerac, de Edmond Rostand (Adaptación: Paulino Pereiro e Francisco Pillado), Baía Edicións



Cyrano de Bergerac. Edmond Rostand (Adaptación: Paulino Pereiro e Francisco Pillado), Baía Edicións

Esta obra é dramática, xa que hai escenas alegres e hai outras que son máis tristes, e tamén é moi interesante esta historia, aínda que non está baseada en feitos reais é unha historia totalmente realista, que lle pode pasar a calquera.

Para min a escena máis importante foi cando Cristian e Cyrano pactaron, que Cyrano escribiría os versos de amor para Rosana e Cristian sería a súa tapadeira, aínda que Cyrano preferiría entregarllas el, pero polo seu descomunal nariz, non podería ocorrer, xa que a Rosana non lle atrae para nada.

A min en xeral o teatro non me gusta para ler, porque me custa moito comprendelo, xa que se hai que poñer no lugar de cada personaxe unha e outra vez, e sobre todo ao principio, que aínda non se sabe moito dos personaxes.

O vocabulario é fácil de comprender, aínda que hai palabras que quizais xa non se usen coma antes, polo contexto acábase entendendo o que quere dicir.

O final é axeitado, a min gustoume moito xa que acaba como eu quería que acabara, contándolle toda a verdade a Rosana. Sinto facer "spoiler".

Laura Pena Gutiérrez (4º ESO)

martes, 4 de xuño de 2019

Andel de Libros (XXXIII): Cita co Diaño. Raúl Dans




O momento que máis me gustou, ben, intrigou, foi cando Mefistófeles entrou ao camerino de Xoán (debido a que estaba nun plató de televisión) e soubera tanto del se nin sequera coñecelo de nada, e empezoulle a dicir cousas que só sabía Xoán e ninguén máis sabía. Pero resulta que el sabía tantas cousas sobre Xoán, porque resulta que Mefistófeles era o demo! E el sabíao todo!

A verdade é que non faría ningún cambio, pero se tivera escoller un, diría que Mefistófeles non fora tan ruín nalgunhas ocasións . E que o libro acabara doutra maneira, ou que Xoán ao final tivera esa cita á noite con Margarita.

Recoméndovos ler este libro porque a verdade é que estivo bastante ben e gustoume moito, xa que o lin bastante rápido e a lingua era bastante fácil, e cousas que non sabes, a maioría sácalas facilmente polo contexto.

Lydia Rey Varela (4º ESO)

Este libro de teatro está composto por dúas historias. A primeira, transcorre, parte dela, nun plató dunha emisora de televisión. Mefistófeles, aparece no despacho de Xoán, o presentador. Este pídelle a Xoán que asine un novo contrato, e Xoán, tras aburrirse del, asínao, mais non sabía o que ía pasar tempo máis tarde... Non todo acabou como el quería. 

E a segunda obra é a historia dun home e dunha muller (aos cales non se lle sabe o nome) que coinciden nun banco dun parque no mediodía dunha xornada soleada e calorosa, dando a casualidade de ser o único banco á sombra. Sentáronse no mesmo, e os dous tiñan unha razón para facelo, mais eran ben diferentes. Tras compartir un tempo xuntos, comezaron a contar cousas persoais, sobre todo el... 

O momento máis divertido para min foi o final, esperábame outra reacción pola parte dela. 

Ambas historias me gustaron, non obstante prefiro a segunda. 

A lingua é moi fácil de entender. É moi entretido e simpático. Ten unhas acotacións que están moi ben expresadas. Lese moi rápido.


Tania Villasenín Bello (4º ESO)

luns, 3 de xuño de 2019

Andel de Libros (XXXII): Váter (Comedia Claustrofóbica), de Roberto Salgueiro




Este libro é unha obra de teatro. Gustoume moito. É un libro moi fácil de ler porque é moi curto.

Pareceume un libro surrealista, e o final sorprendeume. Conta a historia dun fontaneiro e dun cura que están pechados no baño da igrexa. O cura está seguro de que lle abrirán, pero o fontaneiro non está tan seguro. Tamén falan dos seus medos e o motivo deles, dos seus segredos máis profundos. 

Os personaxes só son dous, o fontaneiro que se chama Moncho, e que supostamente ten muller e fillos; e o cura, que é un home que aparenta ser un home forte e sen preocupacións, pero no fondo séntese moi só. 

Non faría ningún cambio. O momento máis gracioso para min é cando o fontaneiro protesta. 

A lingua é moi sinxela, aínda que o máis difícil de entender do libro é o momento de entender as súas conversas tan profundas. Recomendo este libro aos lectores que lles gusten os libros con mensaxe.

María Gigirey Iglesias (4ºESO)

Andel de Libros (XXXI): Mentira, de Care Santos



Ola rapaz@s! Hoxe vouvos falar dun libro, Mentira, de Care Santos. Este libro é a segunda parte, a primeira chámese Verdade, un libro tamén moi bo e ademais é necesario lelo para entender toda a historia. Se tivera que elixir, elixiría Verdade, xa que este fala máis da vida de Eric, conta todo o que lle pasa a el ao saír do cárcere e a min persoalmente interésame máis que a vida de Xenia, xa que ela é moi aburrida.

O momento que máis me gustou deste libro foi cando Eric se reencontra coa súa amiga do cárcere, que lle dera cando marchou un regalo. A amizade entre estes dous gústame moito, xa que é unha amizade de verdade.

Como xa dixen Xenia é o personaxe que menos me gusta, xa que me pareceu moi aburrida e pesada. O personaxe que máis me gusta é Hugo, xa que me parece un neno moi forte, porque aínda que está cego é moi bo con Eric, sobre todo cando el lle dixo que estivo no cárcere.

O final do libro paréceme moi axeitado, xa que é un final feliz, Xenia e Eric acaban xuntos e ademais este encontra traballo do que máis lle gusta, lerlle a un neno cego, Hugo, e ademais formar parte da policía cando este sexa necesario.

Estes libros gustáronme moito, e se vós queredes ler uns libros cunha boa historia detrás e ademais que vos enganchen recoméndovos moito estes!!

Ahinoa Antelo Rodríguez (3º ESO)

venres, 31 de maio de 2019

Andel de Libros (XXX): O achado do castro, de Manuel Núñez Singala


O achado do castro. Manuel Núñez Singala. Galaxia

Este libro gustoume por varios motivos. Un deles é que é moi entretido. O outro, é que é sobre unha historia que, antigamente (é un libro sobre unha historia do mundo antigo) estaba mal visto xa que trata de casar con alguén de diferente clase social. E este libro rompe todos eses esquemas. 

Aínda que hai saltos na historia, xa que non se atoparon todos os anacos onde estaba escrita, enténdese moi ben, tamén é polas intervencións do presentador, que explica un pouco a situación. 

Sobre os personaxes, chamoume moito a atención xa que tan só hai oito en todo o libro. Hai unha soldado, e daquela, era moi raro que as houbese. 

Houbo unha escena que si que se fai máis longa, porque é moi repetitiva, pero polo demais, é un libro que se le moi rápido, ademais a lingua é fácil de entender. 

Hai algúns poemas en latín pero vainos traducindo á mesma vez e enténdelo todo perfectamente. 

É un libro moi curto pero hai moitos momentos de risa, intriga... 

O momento que máis me gustou foi o final, aínda que por un lado xa sabía que ía acabar así ou parecido... Se queredes saber que pasou... só o tedes que ler, a min encantoume!

Tania Villasenín Bello (4º ESO)


Este libro gustoume moito debido a que é un libro moi emocionante e entretido xa que trata de dúas historias paralelas, un amor prohibido e un roubo. 

Para min o momento máis importante do libro foi o momento no que Carmiñae e Manolitus namoran, cando ela vai á casa de súa tía a Nápoles, alí se coñecen e alí comeza o seu amor. Paréceme que é ese xa que iso desenvolve toda a historia. 

O meu personaxe favorito é Caleno (aínda que non sexa o máis importante), un dos ladróns que lle intenta roubar o medallón ao rei, aínda que é moi tonto, é moi gracioso. 

O tema é interesante e hai escenas moi divertidas. 

O libro gústame tal e como e non faría ningún cambio. O final paréceme axeitado porque resolve moi ben ambos conflictos, o do roubo e o do amor entre Carmiñae e Manolitus. 

Recoméndollo a todo o mundo porque é moi sinxelo de ler e lese moi rápido.

Paula Lema Domínguez (4º ESO)

A obra O achado do castro é un libro moi entretido e moi sinxelo de entender. O libro engloba varias temáticas, Catulo e Caleno que intentaban roubarlle ao emperador, e despois había dous namorados que tiñan que quedar e verse ás agachadas porque seus pais non estaban de acordo coa relación. 

O libro ten un final moi inesperado, pois ao principio o emperador e máis Arpexia levábanse moi mal e insultábanse mutuamente pero ao final casaron e deixaron casar aos fillos. 

A parte máis aburrida na miña opinión é o principio porque o presentador enrédase moito ao presentar os personaxes e mais onde transcorre a escena e cando hai un cambio de acto volve a vir o presentador para volver a explicar o que vai pasar e onde. 

O emperador é moi cruel porque quería cortarlle a cabeza a un soldado só que despois necesitábano e cortoulle só unha perna.

Recoméndolle este libro a todo o mundo e sobre todo para a xente que non lle guste ler que se le moi rápido.

Vannia Antelo Iglesias (4º ESO)

Para min o momento máis importante desta historia foi cando o Emperador casa con Arpexia, gustoume isto porque ao principio Arpexia quería matalo por culpa de que o Emperador encerrara no cárcere ao seu fillo pero máis tarde os dous de tanto pelexarse acaban abrandando e acaban casando.

O momento que menos me gustou foi cando os soldados lle interromperon o bico que ían darse na boca o Manolitus mais Carmiñae. 

Sobre o libro eu persoalmente opino que é bastante interesante e á parte nalgúns tramos do libro é bastante gracioso sobre todo a parte na que Caleno ten que facer de Citrón e lle ten que contar algúns poemas que son graciosos pero tamén son algo bastos. 

No tocante ao seu desenvolvemento eu non faría ningún cambio debido a que está perfecto, é moi gracioso e o seu final é algo bastante inesperado. 

Sobre a lingua non me resultou nada difícil de entender. 

Eu se fora o autor deste apaixónante libro gustaríame recomendarllo a persoas que lles gusten os temas sobre a época do imperio romano.

Alejandro Vásquez Fernández (4º ESO)

Este libro pareceume moi entretido e gustoume moito, só que é demasiado curto para o meu gusto e lese moi rapidamente. 
Os personaxes que máis me gustaron foron Catulo e Caleno, dous tontos moi tontos que un é algo máis listo, e fixéronme moita gracia ao longo da historia. Tamén me gustou moito a historia de amor de Manolitus e Carmiñae.
O momento que máis me gustou foi cara ao final, no que todo remata como ten que rematar, todos felices e contentos sen conflito ningún. 
O tema pareceume moi emocionante, porque non estaba moi claro o que ía pasar ao final e resultou ser un tanto inesperado. 
Non faría ningún cambio e a lingua é moi doada de entender. 
Eu persoalmente recomendo este libro a todo aquel que lle guste ler porque de seguro que lle vai encantar e ademais lese moi ben.
Damián Regueiro Liste (4º ESO)

Este libro teatral gustoume moito pola súa divertida e apaixonante historia de dous namorados aos cales os seus pais non os deixan casar e inténtano todo para conséguilo dunha maneira cómica e divertida.

A miña parte favorita é no final cando o emperador lle pide a man a Arpexia e deixan libres ós mangantes de Catulo e Caleno.

Eu opino que o tema é o típico dunha parella cun amor non correspondido pero é interesante dado que ten un gran toque de comedia e de diálogo entretidos de ler nun momento de interese.

En canto ó desenvolvemento non faría ningún cambio, está perfecto.

O final máis axeitado para min sería un no que sucederan cousas máis cómicas e sen tanto cariño pola parte do emperador.

No que se refire aos personaxes para min o mellor é Caleno porque é o máis gracioso de todos.

A lingua é de fácil entendemento, foime moi fácil e rápido de ler, como se mo estivera lendo alguén en vez de lelo eu por iso me parece un gran libro do cal non estaría mal representalo nunha obra de teatro.

Recomendo lelo a todos os que poidan.

Daniel Balsa Balsa (4º ESO)


O momento que me máis me gustou foi cando Arpexia lle dixo ao emperador se quería casar con el, e, xa que Carmiñae lle pedira aí atrás ao seu pai se podía casar con Manolitus e lle dixera que non. Aproveitou e xa que ía casar con Arpexia deulle a oportunidade a súa filla Carmiñae e a Manolitus de casar tamén
O personaxe que máis me gustou foi Carmiñae, porque me parece unha rapaza moi boa. Estaba namorada do Manolitus e aínda que seu pai se metera no medio da relación, porque lle prohibía estar con el, ela non o abandonou por todo o que lle dixera seu pai.
Recomendo un montón este libro porque me parece moi fácil de ler, xa que se le moi rápido, que me levou menos dunha hora lelo. E coa lingua non tiven problema, porque é un libro moi sinxelo e é moi fácil de entender. Non faría ningún cambio e o final gustoume, pensei que non ía acabar desa maneira.
Lydia Rey Varela (4º ESO)

Este libro gustoume xa que conta unha historia dun roubo dun medallón dun emperador romano, a cal ten momentos graciosos como cando Caleno lle conta un chiste sen graza ningunha e o escravo se ri como el se ri o emperador tamén se ri.

Pero o momento máis gracioso do libro foi cando o falso sabio lle le a poesía inventada por el xa que son cantigas populares ditas como en latín inventado e dálle un significado falso.

A miña personaxe favorita é Carmiñae xa que a pesar de que seu pai non lle deixa ver a Monólitus ela vaino ver desobedecendo. E os personaxes que máis graza fan son Catulo e Caleno xa que para estar a roubar o emperador tómano con calma e danlle un toque de humor   . 

O final para min é axeitado e non llo cambiaría.

Ten un vocabulario sinxelo e fácil de entender. 

Recomendo ler este libro xa que é moi gracioso e engancha dende o primeiro momento xa dende que les a caraterización das personaxes.


Martín Dafonte Rodríguez (4º ESO)


mércores, 15 de maio de 2019

Book tráiler (XXXIII): “As flores radioactivas", de Agustín Fernández Paz. Por Sonia Muíño Riomayor



Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Asflores radioactivas, de Agustín Fernández Paz (Xerais, 2013). Realización youtubeira: Sonia Muíño Riomayor, 1º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


luns, 6 de maio de 2019

Andel de Libros (XXIX): Reo, de Xesús Fraga


Reo. Xesús Fraga. Galaxia

Este libro gustoume polo feito de que trata un tema moi polémico, que dá paso a moitas opinións diferentes, o graffiti. Está narrado por un graffiteiro  que nos conta a súa vida, unha combinación de estudos, amores, amizades e o mundo do graffiti.

O final pode considerarse aberto, xa que non se pecha ningún tema propiamente. Aínda así, danse a entender certas cousas que o fan un pouco máis pechado e que che axudan á comprensión completa do libro.

Para min a parte máis importante do libro transcorre no nó deste. Neste momento, Reo e a súa amiga deciden marchar cara á capital. É intrigante porque non sabes o que vai ocorrer, non é previsible.

En canto ao vocabulario, é sinxelo. Aínda que teña palabras difíciles, o contexto axuda moito.

Persoalmente recoméndolle este libro para rapaces e rapazas un pouco máis cativos, porque agora pode resultar un pouco aburrido.

Paula Noya Redondo (3º ESO)