Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



miércoles, 13 de mayo de 2009

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

RAMÓN PIÑEIRO (1915-1990)
é o homenaxeado o Días das Letras Galegas 2009.

A Real Academia Galega destaca a total e desinteresada dedicación da súa vida na defensa de Galicia e da súa cultura.

Ramón Piñeiro López naceu en Láncara (Lugo) en 1915. Despois de cursar na capital de provincia o Bacharelato elemental, volta á súa vila para axudar nas tarefas agrícolas familiares e en 1930 comeza a traballar en Sarria. En 1931, ano da proclamación da República, terá a oportunidade de asistir nesta vila a diferentes actos electorais. Un ano despois Piñeiro regresa a Lugo para estudar o Bacharelato superior e, influído por un mitin do recén creado Partido Galeguista, Ramón participaría na creación da Mocedade Galeguista de Lugo, sendo elixido na altura secretario de Cultura (máis tarde chegaría a desempeñar o cargo de presidente). A partir deste momento Piñeiro entra nun período de intensa actividade política que o levaría a exercer en 1936 como secretario do Comité Provincial do Estatuto de Autonomía organizado polo Partido Galeguista. Tras a guerra civil comeza a cursar Filosofía e Letras en Compostela e Madrid. Porén, Piñeiro, máis preocupado pola reagrupación clandestina do galeguismo, abandonaría definitivamente estes estudos. Cando a finais de 1945 os nacionalistas cataláns, bascos e galegos deciden tratar co goberno republicano exiliado en Francia, Piñeiro será designado como representante galego naquela xestión. De regreso sería detido e condenado a seis anos de prisión, dos cales cumpriría tres, de 1946 a 1949. Xa libre, Piñeiro voltará a Galiza e desde entón vaise esforzar en mudar radicalmente a estratexia galeguista, prescindindo da opción política e reducíndoa cara á intervención cultural, o que provoca a desvertebración do Partido Galeguista. Froito deste posicionamento, coñecido como "piñeirismo", será a fundación en Vigo de Galaxia (1950), a primeira iniciativa editorial galeguista de posguerra. Como director desta empresa e codirector da revista Grial, Piñeiro dedicarase á promoción e difusión da cultura galega. Desde a mesa do seu gabinete de Xelmirez fomentará entre a mocidade o imposibilismo dunha reactivación política galega e dedicarase á escrita. A súa breve produción ensaística (mesmo a de carácter lingüístico-literario, como a que se recolle en Olladas no futuro, de 1974) ten como punto de partida o pensamento filosófico: Siñificado metafísico da saudade (1951), Pra unha filosofía da saudade (1953), A saudade e Rosalía (1962)... No ano 1967 ingresa na Real Academia Gallega cun discurso titulado A lingoaxe i as língoas (1967). Xa en época democrática sae eleito deputado independente do Parlamento de Galiza polas listas do PSdeG-PSOE e desde 1983 até a súa morte, acontecida en Compostela en 1990, Ramón Piñeiro será presidente (o primeiro) do Consello da Cultura Galega.
(Fonte:Biblioteca Virtual Galega)

No hay comentarios: