Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



jueves, 3 de noviembre de 2016

Andel de Libros (I): Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas





Un novo curso 2016/2017 e continuamos coa publicación deste apartado da bitácora da Biblioteca do CPI de Viaño Pequeno (Trazo) onde o alumnado de terceiro e cuarto da ESO realizará breves recensións sobre as súas lecturas para a materia de Lingua e Literatura Galega. 

Desta volta vaise chamar Andel de Libros e o primeiro alumno en achegar o seu comentario crítico para o noso recuncho de lecturas foi Fernando José Couselo Noya (4º ESO), quen o fixo sobre o libro máis coñecido de Xosé Neira Vilas, autor que naceu tal día coma hoxe de 1928 en Gres (Vila de Cruces) e que nos deixaba hai case agora un ano, o 27 de novembro de 2015. Unha boa homenaxe que aínda sigamos a ler a súa obra.


Gustoume moito xa que está moi ben redactado e cun vocabulario moi bo de entender e fácil. Tamén me gustou moito a historia que conta aínda que é un pouco triste. A parte que máis me gustou foi cando no rebusque despois da festa atopa unha caixiña pequena, branca e brillante e se pon moi contento pensando que está chea de cartos e que con eles se vai volver rico.   

Eu non lle faría ningún cambio á historia xa que penso que está moi ben así e gústame así como está xa que me divertín moito léndoa. 

Pareceume un final moi bo, moi bonito e axeitado ao mesmo tempo, polo que non me aburrín nada mentres o estaba lendo. 

Ten un vocabulario moi bo de entender e fácil. Lese moi ben e moi rápido e desfrutei moito da lectura xa que os diferentes capítulos ou historias non son nada aburridas en ningún momento. 

Eu recoméndollo a xente de todas as idades, mesmo aínda que non lle guste moito ler vaino pasar moi ben coa lectura xa que é moi divertido.

Fernando José Couselo Noya (4º ESO)

O que máis me gustou do libro de Xosé Neira Vilas foi que Balbino fose quen de se rebelar contra Manolito, un rapaz que polo feito de ser rico tiña o valor de amolarlle a vida a todos os rapaces da aldea. Tamén me gustou a gran amizade que houbo entre Balbino e Lelo, aínda que a amizade durou moi pouco tempo. Pero aínda desde a gran distancia seguían sendo amigos, xa que enviábanse cartas.

Non me gustou nada como se trataban antes, no pasado aos rapaces e rapazas pequenos, xa que cada dous por tres estaban pegándolles, por cousas que en realidade se podían arranxar falando, sen chegar a labazadas.Tampouco non me gustou que ao final do libro só podía haber unha única solución, xa que podían ter resolto o problema da pedra doutro xeito, sen ter que mandar a Balbino a servir a unha casa. Pois podían castigar a Manolito, porque toda a culpa tiña el, pois estivera facéndolle a vida imposible durante moito tempo, e Balbino non fixo nada, por medo do que lle puidese pasar. 

Os mellores personaxes para min son Balbino, Lelo e Pachín.Pois entre Balbino e Lelo pola gran amizade e porque podían confiar un no outro. E entre Balbino e Pachín tamén pola gran amizade, pero non me gustou que o can morrese, porque despois Balbino estivo moi triste pola morte do seu amigo Pachín. O personaxe que menos me gustou foi Manolito, porque críase moita cousa, e se fora un pouco máis xeneroso caeríalles ben ós rapaces, pero como era un egoísta quería todo para el. 

O contido do libro paréceme sinxelo, para ser dun libro que xa ten uns poucos anos, cun vocabulario axeitado. Este libro gustoume, pero gustaríame que continuase, pois non se sabe que pasou con Balbino. Eu recomendaría este libro a adolescentes que aínda non o tivesen lido, a obra máis coñecida de Xosé Neira Vilas, e espero que lles guste.

Nerea González López (4º ESO)

A verdade é que o libro gustoume moito. Paréceme moi fácil de ler e de entender. Gustoume moito porque reflicte moi a realidade que tiveron que vivir el mais a súa familia e que aínda a viven hoxe en día moitas persoas. Gustoume que contase polo que pasou Balbino tan ben, aínda que ao final non tanto. Non me gustou o final porque me pareceu moi hipócrita por parte do pai facerlle iso a Balbino, foi algo inhumano para min. Aínda así gustoume que marchara da casa, xa o tería que ter feito antes. 

Cambiaría o final e que marcharan para América a probar sorte. 

Recomendaríallo a calquera persoa, creo que lle pode gustar a todo o mundo, xa que a min antes de lelo non me chamaba a atención pero como se di por aí “non xulgues un libro pola súa portada”.

Tamén estaría moi ben que houbera unha segunda parte do libro, na que se contara como é a vida de Balbino cando xa é adulto.

Laura Martínez Calvo (4º ESO)

A min este libro gustoume moito, eu recomendaríallo tanto a adolescentes como a adultos, a nenos de dez anos ata quince e de aí para arriba porque non ten nada que os nenos de dez anos non poida ler ou non entender porque todo se entende bastante ben nin ten nada que os adultos vexan coma “parvadas” que non pasarían na vida real. 

A parte que menos me gusta é cando morren o can de Balbino, Pachín, e o padriño de Balbino porque para min é o máis triste do libro. O que máis me gustou foi cando Balbino foi traballar co señor na casa do Landeiro e o tratan ben, que iso é o final e está bastante ben. 

Eu non cambiaría nada do que está escrito pero seguramente que no final engadiríalle algo máis como por exemplo que seguise estudando e cando acabase o diñeiro que tivese gañado se fose para outro lado, outra vila, a traballar do que estudara e conseguira máis diñeiro e ademais alá, para vila que el fose, que se namorara dalgunha muller e esa muller se namorara del e así máis adiante poder ter fillos, un traballo, unha muller e unha familia ben formada e que tivese onde tivese vivindo a súa familia o fose visitar de vez en cando.

Antía Iglesias Iglesias (4º ESO)


Para min a mellor parte deste libro, foi cando o protagonista, chamado Balbino, encontrou unha caixa misteriosa no campo do baile, ao día seguinte das festas patronais. E el pensaba que a caixa contiña unha riqueza, a cal o ía sacar da súa pobreza. Pero el agochouna ao longo do río para abrila ao día seguinte, con tan mala sorte que esa noite o río desbordou e Balbino perdeu a caixa, que segundo el o ía sacar da pobreza. 

Eu non faría ningún cambio neste relato porque gusta tal e como está, e o final tampouco o cambiaría, deixaríao como está, e se o cambiara, cambiaríao polo meu final inventado. 

Non me pareceu que tivera ningunha dificultade para ler nin tampouco de entender, xa que está estrito nunha linguaxe de aldea, igual a de Trazo. E enténdese perfectamente porque está todo máis que claro ao longo de todo o libro. Eu recomendaríallo as persoas que lle gusten os libros que están baseados en historias reais, ou que lle gusten os libros realistas.


Adrián Brea Martínez (4º ESO)


Este libro gustoume moito. Conta a historia dun neno pobre e aventureiro. É un libro moi triste porque conta a realidade dun neno que non ten recursos. El soña con ser famoso e rico pero na súa casa tampouco lle deixan aspirar a nada, non queren que saía de alí e está destinado a servir. O neno dáme moita pena, moitas veces leva semanas sen merecelas.

O que máis me gustou foi cando Balbino lle tirou a pedra a Manolito, xa sei que non estivo ben, pero foi a maneira que tivo para defenderse e dalgunha maneira facelo rabexar.

Este libro, dende logo fai entender a sorte que temos por poder vivir así. Este pobre neno aínda despois de traballar como traballa ninguén  lle valora nada.

Gustoume o final que por fin encontrou un señor que o valoraba e o trataba ben.

O argumento é bo de ler. Recomendaríallo a tódolos nenos para que vexan que moitas veces a realidade non é tan bonita como se ve.

Lendo este libro tamén me veu á cabeza que aínda pode haber nenos polo mundo que lles pasa igual e párteseme o corazón.

Brais Bouzas Leis (4º ESO)

O momento que máis me gustou foi cando nos conta o ben que o pasaba co seu can, porque víase moi contento cando xogaba con el, e polo tanto, o que menos me gustou foi cando lle morre o seu can porque foi moi duro para el afacerse a vivir sen el. 

O tema gustoume xa que é sobre a vida dunha familia no campo e eu estou bastante familiarizado con el. O desenvolvemento gustoume porque  ía contando partes importantes da súa vida. O final non me gustou debido a que non podía volver ao lugar onde pasara toda a súa vida ata aquel momento.

Cambiaría a forma de saltar dun momento da vida para outro xa que ás veces érame difícil non me perder. 

En conclusión, a narración gustoume moito xa que o tema é dos meus gustos e tamén, porque non é un  libro moi longo, pero ao mesmo momento conta moitas cousas interesantes da vida de Balbino. Recoméndollo a todo tipo de persoas xa que así a xente pódese dar de conta de como é a vida no campo. 


Samuel Deus García (4º ESO)

No hay comentarios: