Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



martes, 5 de decembro de 2023

Balda de Libros (XIII): Memoria do silencio, de Eva Mejuto

 

Memoria do silencio. Eva Mejuto. Xerais

A min gustoume moito este libro porque é moi entretido e non esperas o final que ten. É moi fácil de ler xa que non ten moitas páxinas, pero a pesar diso os capítulos son bastante longo, aínda que non importa porque todos son igual de entretidos. Eu volvería lelo xa que cada capítulo fai que leas o seguinte para saber como remata.

Esta novela é moi recomendable para a xente á que lle gusten os libros con historias diferentes ou baseadas en sucesos reais.

A historia que máis me gusta antes de que se xuntaran é a das tres irmás, porque me parece unha gran idea para axudar as persoas e moi arriscada, xa que se as descubrían poderían ir ao cárcere.

Paréceme que ten palabras difíciles de entender ao comezo do libro, pero a maioría sácanse polo contexto.

A miña personaxe favorita é Lola, unha das tres irmás. Paréceme que ten unha ollada do mundo moi aberta para eses tempos que non sería aceptada pola sociedade. Tamén é moi faladora e dá moitas ideas que aínda que sexan algunhas mellores que outras sempre axudan. Sempre está aí para a xente que chega e tamén para a súa familia, as súas irmás e o seu fillo.

Ainhoa Leis Ríos (3º ESO)

A novela Memoria do silencio de Eva Mejuto é moi interesante pois trata un tema histórico coñecido por todos, o nazismo, pero ambientado nunha vila galega. A través da estación de tren de Ribadavia os xudeos son axudados a chegar a Portugal para así poder abandonar Europa. É unha boa maneira de coñecer o que acontece en Galicia durante a II Guerra Mundial.

A lingua que utiliza a autora é moi sinxela de entender aínda que hai que coñecer vocabulario propio da II Guerra Mundial (holocausto, xudeus, Gestapo...).

Sen dúbida o meu personaxe favorito da novela é Lola pois é unha muller moi valente que arrisca a súa vida para axudar a salvar as vidas dos demais pois loita contra a gran inxustiza que leva consigo o nazismo. Outro personaxe que tamén me gusta é Frieda pois mostra que debemos loitar polos nosos soños aínda que o vexamos moi difícil e suframos.

Unha das cousas máis interesantes da novela é que está escrita por tres narradores distintos, conta as historias de tres personaxes; Günter, Lola e Frieda. Os personaxes viven a súa propia historia pero vanse atopando entre eles ao longo do relato, ás veces como narradores protagonistas e outras como personaxes secundarios dentro da narración de outro.

Outro título para a novela de Eva Mejuto podería ser Segredos e liberdade pois todas as personaxes gardan segredos segredos e, a finalidade e sempre a liberdade.

Lara Piñeiro González (3º ESO)

Ningún comentario: