Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



mércores, 16 de novembro de 2016

Andel de Libros (II): Merlín e familia, de Álvaro Cunqueiro




Merlín e familia. Álvaro Cunqueiro. Galaxia

Este libro gustoume moito malia o seu vocabulario, a súa portada e o seu final. Cambiaría a súa portada debido a que é moi básica e limítase a unha cheminea con fume por algo máis creativo e imaxinario como por exemplo unha fotografía dun mundo máxico. Cambiaría a forma de narrar do protagonista Felipe xa que, ao contar a historia, engade moitos personaxes innecesarios. O seu final non me gustou, debido a que só se limita a contar varias ensinanzas que Felipe foi aprendendo ao longo da historia.

O libro é difícil de entender xa que non ten ningún tipo de orde cronolóxica e ao lelo teslle que prestar moita atención senón non te enteiras.

Este libro recomendaríallo a persoas novas, ás que lle guste ler porque senón non o desfrutarán e van opinar negativamente sobre el.

En conclusión, gustoume moito as súas pequenas historias narradas dende o punto de vista de un rapaz pequeno, desconfiado e teimudo pero bastante heroico que descobre pouco a pouco que as aparencia enganan.


Yago Rey Viqueira (4º ESO)

A min este libro gustoume porque está relacionado coas historias do mago Merlín e da Idade Medieval. Tamén me gustou porque aparece Merlín con frases irónicas e o seu aprendiz ten algo relacionado con esta época.

O máis divertido do libro foi cando  Merlín vai contándolle ao seu aprendiz as súas numerosas historias e tamén cando fala da súa familia que ten na casa. Para min o peor deste libro é cando falan das historias entre personaxes secundarios porque ás veces non se entende nada. A familia de Merlín está formada pola súa cociñeira que se chama  Marcelina e tamén por un cabaleiro chamado Filipe de Amancia.

Esta obra ten un final  que che serve para poder entender as anteriores  historias.

A min o libro resultoume algo difícil porque tiña unha linguaxe antiga e un vocabulario complicado. Recomendaríallo ás persoas que lles guste tamén a historia medieval e a quen  lle  encanten  os  libros.

Damián Botana Otero (4º ESO)

venres, 4 de novembro de 2016

Leyendas inmortales

AQUÍ  puedes acceder a la lectura de las Leyendas de Bécquer


Recordad, 4º de ESO, que para clase de Literatura Española quedamos en leer:

- El beso
- La rosa de pasión
- El Cristo de la calavera
- La ajorca de oro
- El Monte de las ánimas
- El rayo de luna


xoves, 3 de novembro de 2016

Andel de Libros (I): Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas





Un novo curso 2016/2017 e continuamos coa publicación deste apartado da bitácora da Biblioteca do CPI de Viaño Pequeno (Trazo) onde o alumnado de terceiro e cuarto da ESO realizará breves recensións sobre as súas lecturas para a materia de Lingua e Literatura Galega. 

Desta volta vaise chamar Andel de Libros e o primeiro alumno en achegar o seu comentario crítico para o noso recuncho de lecturas foi Fernando José Couselo Noya (4º ESO), quen o fixo sobre o libro máis coñecido de Xosé Neira Vilas, autor que naceu tal día coma hoxe de 1928 en Gres (Vila de Cruces) e que nos deixaba hai case agora un ano, o 27 de novembro de 2015. Unha boa homenaxe que aínda sigamos a ler a súa obra.


Gustoume moito xa que está moi ben redactado e cun vocabulario moi bo de entender e fácil. Tamén me gustou moito a historia que conta aínda que é un pouco triste. A parte que máis me gustou foi cando no rebusque despois da festa atopa unha caixiña pequena, branca e brillante e se pon moi contento pensando que está chea de cartos e que con eles se vai volver rico.   

Eu non lle faría ningún cambio á historia xa que penso que está moi ben así e gústame así como está xa que me divertín moito léndoa. 

Pareceume un final moi bo, moi bonito e axeitado ao mesmo tempo, polo que non me aburrín nada mentres o estaba lendo. 

Ten un vocabulario moi bo de entender e fácil. Lese moi ben e moi rápido e desfrutei moito da lectura xa que os diferentes capítulos ou historias non son nada aburridas en ningún momento. 

Eu recoméndollo a xente de todas as idades, mesmo aínda que non lle guste moito ler vaino pasar moi ben coa lectura xa que é moi divertido.

Fernando José Couselo Noya (4º ESO)

O que máis me gustou do libro de Xosé Neira Vilas foi que Balbino fose quen de se rebelar contra Manolito, un rapaz que polo feito de ser rico tiña o valor de amolarlle a vida a todos os rapaces da aldea. Tamén me gustou a gran amizade que houbo entre Balbino e Lelo, aínda que a amizade durou moi pouco tempo. Pero aínda desde a gran distancia seguían sendo amigos, xa que enviábanse cartas.

Non me gustou nada como se trataban antes, no pasado aos rapaces e rapazas pequenos, xa que cada dous por tres estaban pegándolles, por cousas que en realidade se podían arranxar falando, sen chegar a labazadas.Tampouco non me gustou que ao final do libro só podía haber unha única solución, xa que podían ter resolto o problema da pedra doutro xeito, sen ter que mandar a Balbino a servir a unha casa. Pois podían castigar a Manolito, porque toda a culpa tiña el, pois estivera facéndolle a vida imposible durante moito tempo, e Balbino non fixo nada, por medo do que lle puidese pasar. 

Os mellores personaxes para min son Balbino, Lelo e Pachín.Pois entre Balbino e Lelo pola gran amizade e porque podían confiar un no outro. E entre Balbino e Pachín tamén pola gran amizade, pero non me gustou que o can morrese, porque despois Balbino estivo moi triste pola morte do seu amigo Pachín. O personaxe que menos me gustou foi Manolito, porque críase moita cousa, e se fora un pouco máis xeneroso caeríalles ben ós rapaces, pero como era un egoísta quería todo para el. 

O contido do libro paréceme sinxelo, para ser dun libro que xa ten uns poucos anos, cun vocabulario axeitado. Este libro gustoume, pero gustaríame que continuase, pois non se sabe que pasou con Balbino. Eu recomendaría este libro a adolescentes que aínda non o tivesen lido, a obra máis coñecida de Xosé Neira Vilas, e espero que lles guste.

Nerea González López (4º ESO)

A verdade é que o libro gustoume moito. Paréceme moi fácil de ler e de entender. Gustoume moito porque reflicte moi a realidade que tiveron que vivir el mais a súa familia e que aínda a viven hoxe en día moitas persoas. Gustoume que contase polo que pasou Balbino tan ben, aínda que ao final non tanto. Non me gustou o final porque me pareceu moi hipócrita por parte do pai facerlle iso a Balbino, foi algo inhumano para min. Aínda así gustoume que marchara da casa, xa o tería que ter feito antes. 

Cambiaría o final e que marcharan para América a probar sorte. 

Recomendaríallo a calquera persoa, creo que lle pode gustar a todo o mundo, xa que a min antes de lelo non me chamaba a atención pero como se di por aí “non xulgues un libro pola súa portada”.

Tamén estaría moi ben que houbera unha segunda parte do libro, na que se contara como é a vida de Balbino cando xa é adulto.

Laura Martínez Calvo (4º ESO)

A min este libro gustoume moito, eu recomendaríallo tanto a adolescentes como a adultos, a nenos de dez anos ata quince e de aí para arriba porque non ten nada que os nenos de dez anos non poida ler ou non entender porque todo se entende bastante ben nin ten nada que os adultos vexan coma “parvadas” que non pasarían na vida real. 

A parte que menos me gusta é cando morren o can de Balbino, Pachín, e o padriño de Balbino porque para min é o máis triste do libro. O que máis me gustou foi cando Balbino foi traballar co señor na casa do Landeiro e o tratan ben, que iso é o final e está bastante ben. 

Eu non cambiaría nada do que está escrito pero seguramente que no final engadiríalle algo máis como por exemplo que seguise estudando e cando acabase o diñeiro que tivese gañado se fose para outro lado, outra vila, a traballar do que estudara e conseguira máis diñeiro e ademais alá, para vila que el fose, que se namorara dalgunha muller e esa muller se namorara del e así máis adiante poder ter fillos, un traballo, unha muller e unha familia ben formada e que tivese onde tivese vivindo a súa familia o fose visitar de vez en cando.

Antía Iglesias Iglesias (4º ESO)


Para min a mellor parte deste libro, foi cando o protagonista, chamado Balbino, encontrou unha caixa misteriosa no campo do baile, ao día seguinte das festas patronais. E el pensaba que a caixa contiña unha riqueza, a cal o ía sacar da súa pobreza. Pero el agochouna ao longo do río para abrila ao día seguinte, con tan mala sorte que esa noite o río desbordou e Balbino perdeu a caixa, que segundo el o ía sacar da pobreza. 

Eu non faría ningún cambio neste relato porque gusta tal e como está, e o final tampouco o cambiaría, deixaríao como está, e se o cambiara, cambiaríao polo meu final inventado. 

Non me pareceu que tivera ningunha dificultade para ler nin tampouco de entender, xa que está estrito nunha linguaxe de aldea, igual a de Trazo. E enténdese perfectamente porque está todo máis que claro ao longo de todo o libro. Eu recomendaríallo as persoas que lle gusten os libros que están baseados en historias reais, ou que lle gusten os libros realistas.


Adrián Brea Martínez (4º ESO)


Este libro gustoume moito. Conta a historia dun neno pobre e aventureiro. É un libro moi triste porque conta a realidade dun neno que non ten recursos. El soña con ser famoso e rico pero na súa casa tampouco lle deixan aspirar a nada, non queren que saía de alí e está destinado a servir. O neno dáme moita pena, moitas veces leva semanas sen merecelas.

O que máis me gustou foi cando Balbino lle tirou a pedra a Manolito, xa sei que non estivo ben, pero foi a maneira que tivo para defenderse e dalgunha maneira facelo rabexar.

Este libro, dende logo fai entender a sorte que temos por poder vivir así. Este pobre neno aínda despois de traballar como traballa ninguén  lle valora nada.

Gustoume o final que por fin encontrou un señor que o valoraba e o trataba ben.

O argumento é bo de ler. Recomendaríallo a tódolos nenos para que vexan que moitas veces a realidade non é tan bonita como se ve.

Lendo este libro tamén me veu á cabeza que aínda pode haber nenos polo mundo que lles pasa igual e párteseme o corazón.

Brais Bouzas Leis (4º ESO)

O momento que máis me gustou foi cando nos conta o ben que o pasaba co seu can, porque víase moi contento cando xogaba con el, e polo tanto, o que menos me gustou foi cando lle morre o seu can porque foi moi duro para el afacerse a vivir sen el. 

O tema gustoume xa que é sobre a vida dunha familia no campo e eu estou bastante familiarizado con el. O desenvolvemento gustoume porque  ía contando partes importantes da súa vida. O final non me gustou debido a que non podía volver ao lugar onde pasara toda a súa vida ata aquel momento.

Cambiaría a forma de saltar dun momento da vida para outro xa que ás veces érame difícil non me perder. 

En conclusión, a narración gustoume moito xa que o tema é dos meus gustos e tamén, porque non é un  libro moi longo, pero ao mesmo momento conta moitas cousas interesantes da vida de Balbino. Recoméndollo a todo tipo de persoas xa que así a xente pódese dar de conta de como é a vida no campo. 


Samuel Deus García (4º ESO)

luns, 24 de outubro de 2016

24 de outubro, Día da(s) Biblioteca(s)


Desde o ano 1997 a Asociación Española de Amigos del lIbro Infantil y Juvenil, en colaboración co Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, conmemora cada 24 de outubro como o Día da(s) Biblioteca(s) para tratar de concienciar á sociedade da moita importancia da lectura no desenvolvemento das persoas e tamén como unha homenaxe e un recoñecemento ao labor das/os bibliotecarias/os.

As gañadoras do Premio Nacional 2015, Ledicia Costas e Elena Odriozola, foron as autoras escollidas para a redacción do pregón e o deseño do cartaz desta ano.

E aquí tedes o fermoso texto de Ledicia na súa versión galega:

Un vagalume é unha illa diminuta extraviada na noite máis densa. Cen vagalumes, unha constelación misteriosa que marca o rumbo cara a outros universos. Así, con esa estratexia de luz, organízanse os libros que moran nas bibliotecas. Son aloumiños fosforescentes que incendian os soños e recompoñen os corazóns grises ata facelos recobrar o seu vermello brillante. Calquera individuo que padeza a síndrome do corazón gris, debería poñerse en mans dun experto e visitar unha biblioteca. 

Para escribir un libro, ademais de facer malabarismos coas palabras hai que ser unha desvergonzada ou un tolo. Un atrevido, unha excéntrica descontrolada! Levar un calcetín de lunares, outro de raias e os pelos de punta. Unha crista como as das cacatúas sería un peiteado ben interesante para un escritor. Só as mentes máis disparatadas son aptas para escribir libros. Mais para custodialos non chega con ter un desaxuste nos cables cerebrais. É indispensable ser de fóra. Un extraterrestre. As bibliotecas albergan seres con antenas xiratorias, cerebros milliométricos que memorizan títulos rebuscados, rimbombantes, campanudos. As persoas que custodian os libros sempre me pareceron criaturas singulares. Están dotadas de extremidades retráctiles que estiran e estiran ata alcanzar aquel volume ao que semellaba imposible acceder. E logo, coma se nada, recompóñense e todo volve á súa posición natural. Semellan seres humanos, mais a pouco que os observes, percibirás que non son de aquí. Unha das cousas que máis me fascina é o seu cerebro. Parécenme tan listos! Os libros fabrican pensamentos. Pasar tantas horas dentro dunha factoría de ideas é bo para ter un corazón vermello e brillante e unha cabeza chea de plans fantásticos. 

Alguén me contou que o 24 de outubro é o Día das Bibliotecas. Sería xenial montar unha festa con confeti e pompas de xabón. Unha cousa grande. A min encantaríame vestirme para tal ocasión coma o personaxe dalgún libro, sentar na mesa dunha biblioteca da cidade onde vivo, e agardar a que viñesen visitarme. Nas bibliotecas podes ser quen ti queiras. Desde Mary Poppins ata Matilda. Atreyu, Drácula e ata Pippilotta Viktualia Rullgardina Krusmynta Efraimsdotter Långstrump. Podes poñer botas de pelo, plumas, zancos e sombreiros. Sombreiros! Iso é! Imaxino a unha pequena lectora achegándose a min discretamente, engaiolada polas cores e formas do meu chapeu:

—Sombrereira tola, que festa tan marabillosa! Sería tan amable de servirme unha taza de té?

Eu serviríalla con moito gusto, poñendo cara de muller refinada, e logo as dúas faríamos a un tempo ruído ao tragar. Soaría algo así como glup glup glup. E antes de que nos dese tempo de botarnos a rir de xeito desenfreado, aparecería o bibliotecario, como xurdido da nada, que para iso posúen a facultade de materializarse diante de ti no momento máis inoportuno, e nos advertiría de que as bibliotecas non son lugares aptos para ir merendar. Hai que recoñecer que son únicos custodiando tesouros. Extraterrestres co corazón vermello e brillante. Que cousa tan fantástica. Feliz Día das Bibliotecas!


Ledicia Costas