Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



martes, 24 de marzo de 2015

Unha entrevista a Rocío Leira Castro, a autora de Universo Pitágoras

(Foto tirada do xornal La Voz de Galicia)
Reproducimos deseguida unha entrevista a Rocío Leira Castro, a autora de UniversoPitágoras, que estará co Clube de Lectura o próximo venres. Publicouse no dixital Fervenzas Literarias, a quen agradecemos a licenza para a súa lectura.


É doado ver o nome de Rocío Leira a carón de moitos dos premios literarios do país, tanto en narrativa como en poesía. Velaí temos o Ánxel Fole de narración curta, o Vila de Negreira ou o Díaz Jácome de Poesía, entre un longo etcétera. Sen embargo, para a súa primeira publicación en solitario aposta por un libro infantoxuvenil.



É certo que ata o de agora todo o que levaba escrito era literatura para adultos e, ata este libro, non tratara con anterioridade a literatura infantil. Eu era das que pensaba que era unha literatura doada de facer, sinxela, que non tiña moitas complicacións… ata que escribín Universo Pitágoras. Os nenos son uns lectores moi esixentes e no momento no que tes que enfrontarte a un libro destas características e para este público, decátaste de que é unha tarefa dunha gran complexidade.


Vostede procede do mundo das matemáticas, una ciencia que estará como trasfondo da aventura que vive Xiana, a nena protagonista de Universo Pitágoras. Teño para min que estamos ante un libro para achegar a literatura a rapaces amantes das matemáticas pero que tamén é un libro para levar as matemáticas a rapaces amantes da literatura.



Eu creo que Universo Pitágoras está pensado un pouquiño máis para eses rapaces que non gustan das matemáticas. O libro pretende ofrecer unha visión máis amena desta materia, considerada polo xeral como fría, complicada e complexa por algúns rapaces. Con Universo Pitágoras o que se quere mostrar é que as matemáticas non teñen por que ser tan ariscas como algúns imaxinan. O libro está formulado de modo que conxugue un pouco de aventura, un pouco de fantasía e por suposto unha compoñente didáctica das matemáticas. Ao longo dos capítulos do libro irán aparecendo os números primos, os números binarios; e como o libro está pensado como un xogo, están as adiviñas matemáticas que hai que ir resolvendo. Creo que en conxunto pode axudar a que os nenos e as nenas cambien a perspectiva que teñen das matemáticas.


Aprendizaxe, xogo, humor, lectura. Foi doado para vostede conxugar todos estes elementos enUniverso Pitágoras?

A parte máis didáctica do libro foi a máis doada por mor do meu traballo, xa que estou en contacto diario co mundo das matemáticas. Por outra banda, levo escribindo dende hai moitos anos, non para un público infantil, pero si para adultos.


O que si houbo neste libro foi un chisquiño de maxia para amalgamalo todo; logo o lector dirá como quedou a mestura, pero creo que é unha proposta moi completa. Completa e novidosa, no senso de que as matemáticas e a lóxica non foron moi tratadas no eido da literatura galega. Dende esa perspectiva este libro pode resultar orixinal.


Os números capicúas, os paradoxos, as adiviñas … Son elementos que irán aparecendo no transcurso da lectura. Hoxe en día, cando parece que se educa aos nenos para que deixen de ser nenos e se convertan en adultos. Apréndese máis xogando que estudando?.



As nocións matemáticas que aparecen neste libro son moi light, pero coido que son conceptos que cando os presentas dunha forma amena, como se fose un xogo, mediante unha aventura ou unha proba, onde os acontecementos que xorden no proceso de lectura non deixan de ser desafíos para os propios rapaces, creo que dese xeito as matemáticas poden asimilarse mellor e velas dende outra perspectiva. Unha parte da finalidade deste libro é demostrar que se pode ensinar as matemáticas dende outro punto de vista.


Cal é a importancia deste tipo de libros para esa posterior aprendizaxe, máis académica, que recibirán na escola?

Eu destacaría a parte do xogo e da lóxica. Non hai que esquecer que as matemáticas -ao igual que a literatura- son abstracción. Permítenche acceder a mundos que non ves na realidade. Este libro vaite permitir imaxinar mundos novos, mundos numéricos, que poden axudar a desenvolver a lóxica do rapaz. Se dende pequeno vas potenciando a súa imaxinación, pero tamén a reflexión, serviralle logo de apoio nunha escola onde a educación é máis estrita e autómata, onde parece que o importante é inculcar conceptos en lugar de que estes sexan asimilados polo neno.


As matemáticas son parte do desenvolvemento cultural da humanidade. Onde cre vostede que falla o aprendizaxe das matemáticas?

Como comentei na pregunta anterior, as matemáticas esixen unha grande capacidade de abstracción. Onde falla? Seguramente en parte sexa culpa nosa, dos docentes, de non saber inculcar nos rapaces a importancia das matemáticas e mostralas, ademais, dende o punto de vista que os alumnos precisan. Creo que ese problema latexa dende os primeiros niveis educativos e vaise arrastrando ao longo dos cursos. Na miña opinión deberíamos partir dende ese punto, dende a necesidade de transmitir aos rapaces a importancia das matemáticas, incluso antes de inculcarlles conceptos algún.


Logo está que as matemáticas esixen moita concentración. Deben asimilarse a modo. Sen embargo, os centros educativos marcan un programa que hai que cumprir e polo normal non se convida á reflexión. Ao final creo que é un cúmulo de cousas.


Matemática e escritora. Fuxindo da artificiosa dicotomía entre ciencias e letras, en que sentido se retroalimenta no seu caso a unha da outra?

Para min están en planos diferentes. As matemáticas apaixónanme e por sorte son o meu modo de vida. A literatura é a miña válvula de escape dende hai moitos anos. Creo que son moi parecidas no senso de que as dúas xorden dunha reflexión: No caso das matemáticas para observar os aspectos físicos que nos rodean e poder representalo mediante teoremas; e no caso da literatura o escritor ten que reflexionar sobre o que ocorre ao seu redor, mirar o mundo con ollos críticos, para logo poder plasmalo na súa obra.


Ao longo da historia houbo moitos escritores que se dedicaron á escritura. Un dos máis coñecidos seguramente sexa Lewis Carroll, o autor de Alicia no País das Marabillas, ou o poeta Nicanor Parra. Pero tamén dáse o caso contrario, onde autores como Borges empregaron nas súas obras moitos conceptos matemáticos. Hai unha conexión entre as dúas disciplinas e, como vemos, tiveron unha relación moi interesante.


Contou vostede para este libro coas ilustracións dun dos ilustradores máis recoñecidos do país. Como foi traballar con Xosé Tomás?


Xosé Tomás fixo un traballo excelente en Universo Pitágoras. Non foi un traballo man a man pero captou á perfección a esencia do libro. Non tivera anteriormente a oportunidade de traballar con el pero si tiña sona de ser un dos mellores ilustradores. Foi sensacional, cada vez que recibía unha nova ilustración sentía que encaixaba totalmente no que eu pensaba.

No hay comentarios: