Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



martes, 31 de mayo de 2016

Anabel Dafonte gañadora na categoría A do XI Premio Narración Curta Concello de Curtis


O pasado venres soubemos que Anabel Dafonte Iglesias (2º ESO) foi a gañadora na categoría A (Dos 12 aos 18 anos) do XI Premio Narración CurtaConcello de Curtis, que nesta edición tiña por tema “Supermulleres e Superheroínas”. Polo seu relato titulado “Unha nova Supermuller” recibirá un premio en metálico de 200 euros, cuxa entrega será o vindeiro 10 de xuño.

A participación no certame foi moi alta e desde o CPIViaño Pequeño enviamos una ducia de narracións, así que lle damos os parabéns ao alumnado que se animou a participar e de maneira moi especial a Anabel Dafonte Iglesias polo seu galardón.

No sitio web do Concello de Curtis sinálase que:

Máis dun centenar de obras presentáronse este ano ao Premio Narración Curta Concello de Curtis, creado hai once anos co fin de promocionar as letras galegas. Nesta XI edición, dedicada ás ‘Supermulleres e Superheroínas’ o número de traballos presentados supuxo un 'récord' de participación.

O fallo do galardón e a entrega de premios terá lugar nunha cerimonia que se celebrará o próximo 10 de xuño.

O premio, de carácter temático, quixo este ano pór o acento nas capacidades das mulleres convidando aos participantes a escribir ben sobre algunha coñecida, da súa contorna ou non, que destaque polo seu traballo, valores, aptitudes ou accións, que sexa exemplo de loita ou superación, ou ben a través dun relato no que o autor cre a que sería a súa propia heroína.

Para poder concursar, os traballos debían estar escritos en galego, ser orixinais, inéditos e non ter sido premiados en ningún outro certame.

E aquí a resolución do xurado:
O Concello de Curtis entregará o día 10 de xuño os premios do XI Certame de Narración Curta, que este ano centrou a súa temática nas ‘Supermulleres e Superheroínas’ como unha homenaxe e unha chamada de atención sobre todas esas mulleres que destacan pola súa labor, valores, aptitudes ou accións, xa fosen personaxes reais ou imaxinarias. O galardón foi creado hai once anos para promocionar as letras galegas.
O xurado fallou xa os premios nunha deliberación difícil tanto pola calidade dos traballos como polo número xa que os máis dun centenar de relatos presentados supuxeron un récord de participación. Das obras, destaca que a gran maioría están baseadas en mulleres reais, tanto na categoría de adulto coma na da xente máis nova. Gran parte dos relatos versan sobre as loitas e esforzos de nais e avoas.
Os gañadores este ano foron:
Categoría A, de 12 a 18 anos:
o    Primeiro premio (200 €): ‘Unha nova supermuller’, de Anabel Dafonte Iglesias, do CPI Viaño Pequeno (Trazo, 2002).
o    Segundo premio (100€): ‘Bronce e pedra’, Amaia Tomé Tomé, do IES Francisco Aguiar (Betanzos, 1999).
Categoría B, a partir de 19 anos:
o    Primeiro premio (350 €): ‘ A parte polo todo’, de Paula Xirasola (Vigo, 1985).
o    Segundo premio (150€): ‘Engurras de aceiro’, de Ricardo Cid Paz (Ourense, 1974).
O xurado estivo formado por:
o    Manuel Rico Verea, lingüista, músico e musicólogo.
o    Eva Lens, bibliotecaria do Concello da Coruña.
o    Lara Dopazo Ruibal, xornalista, poeta, e gañadora na anterior edición deste certame.

No hay comentarios: