Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



lunes, 5 de junio de 2017

Andel de Libros (XXXIX): Unha rosa é unha rosa. Suso de Toro


Unha rosa é unha rosa. Suso de Toro. Xerais

Foi un dos primeiros libros de teatro galego que lin, polo que non teño moita lectura neste campo. Aínda que prefiro as novelas, pareceume un libro bastante entretido.

Os personaxes parecéronme bastante normais, xa que eran persoas que facilmente un se pode atopar pola rúa, a diferenza do que adoito ler. O feito de que a vella se metera no corpo da rapaza, pareceume xenial á vez que bastante inesperado.

O momento que máis me gustou e considero máis importante, é cando a vella por fin se vinga. A verdade é que foi unha vinganza bastante xusta, despois do que Adela e Pololo lle fixeran para conseguir a herdanza. Quitando a parte na que envelenou a máis xente da que eu penso que era necesaria, creo que foi unha boa maneira de velos sufrir un anaco.

O meu personaxe favorito, o que considero mellor pola súa actitude e polas súas accións, é a vella. O autor, nesta peza, parece querer reflectir que debemos querer aos nosos familiares, sobre todo aos máis maiores, sen ter interese por herdar. Estou moi de acordo con esta visión, xa que só comezas a valorar a algo ou a alguén cando xa o/a perdiches.

O final sorprendeume, pero tamén me gustou. Polo cal non faría ningún cambio nel. A lingua non me pareceu moi difícil, polo que o libro lese rápido, axudando tamén que é unha obra de teatro, cousa que tamén axuda na lectura. Deberíase facer máis teatro en galego, porque creo que hai moi poucas obras na nosa lingua, algo que me parece mal.

Recoméndollo a calquera persoa á que lle guste ler, xa que creo que é un bo libro. É moi entretido, perfecto para un día de manta e sofá. Sen dúbida, unha moi boa lectura.

Irene Noya González (4º ESO)

O momento máis importante da historia, para min, foi cando matan a Rosa xa que, a partir deste acontecemento desenvólvese toda a historia. O momento que menos me gustou foi cando a Rosa engana a Rosiña para meterse no seu corpo e controlala por momentos. 

O tema gustoume moito xa que é un tipo de comedia orixinal debido a que a pesar de que hai mortes non deixa de ser unha comedia. 

No desenvolvemento cambiaría que transcorrese un pouco máis rápido a historia ao comezo. E respecto ao final, eu creo que é axeitado o que ten debido a que remata a historia dunha forma moi boa pero, creo que eu o cambiaría para que non morrese Colombo e Borja. 

Sobre a lingua non hai ningún problema, é unha linguaxe simple que calquera pode entender. 

Este libro recomendaríallo a todo tipo de persoas xa que creo que o pode entender calquera persoa e que lle pode gustar.

Samuel Deus García (4º ESO)


Para min e dende o meu punto de vista o momento máis importante desta obra foi cando Rosiña, a sobriña máis nova, pon as mans sobre a televisión onde estaba a súa tía e se intercambian o corpo de tal maneira que a tía queda dentro do corpo da súa sobriña para despois vingarse dos outros dous sobriños que ten, xa que a súa tía quería vingarse deles pero a súa sobriña Rosiña non o quería facer. 

Respecto ao tema do libro, pareceume moi interesante, xa que estás intrigado sobre o que vai pasar a continuación, e déixate con esa intriga durante toda a lectura. 

O final que escolleron para esta obra tamén me parece axeitado e tamén me gustou, aínda que eu penso que é bastante fácil escoller e encadrar un final para esta obra. 

A lingua tamén é axeitada e para a miña opinión é moi doada de entender, tal e como está, calquera de nós o podemos ler sen dificultade ningunha.

Adrián Brea Martínez (4º ESO)

A parte do libro que máis me gustou, segundo a miña opinión é a noite de lóstregos na cal matan a vella Rosa, ao comezo pensei que non ían ter o valor de facelo. Este libro espertou en min un interese, xa que representa o que un ser humano está disposto a facer por bens materiais. 

Eu realizaría un só cambio, e sería que a hora de acabar, Rosa queimaran a casa na que viviu a vella, xa que é un recordo permanente dos sucesos terroríficos dentro da casa.

Pero o final aínda así gustoume moito, polo sinxelo que é, aparte de que a lingua que utiliza pareceume sinxela de entender, agás algunhas palabras que se sacaban polo contexto.

Este libro recomendaríallo a xente da miña idade, xa que neste libro poden ver o aspecto máis inédito do ser humano, e que a cobiza pode acabar con toda unha familia que no seu día foron felices, e que teñen que tratar mellor aos seres queridos e amados xa que poden irse en calquera día.

Yago Rey Viqueira (4º ESO)

No hay comentarios: