Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



xoves, 17 de novembro de 2022

Andel de Libros (VIII): Cando petan na porta pola noite, de Xabier P. Docampo

 


Cando petan na porta pola noite. Xabier P. Docampo. Xerais

Este libro resultoume de fácil lectura e acabeino moi rápido grazas ao seu vocabulario sinxelo e a forma de narrar do autor.

É un libro baseado nas historias que lle contaban os pais de Xabier P. Docampo cando era neno e co que el intenta que non se perda a literatura oral tradicional. Ten varios relatos de historias que dan medo pola forma de contalas e polos seus protagonistas. Estes relatos son: “O espello do viaxeiro”, “O fornadas”, “A loba” e “ O cumpremortes”.

Os mellores contos parecéronme: “O espello do viaxeiro”, pola intriga que xera ao estar lendo que te engancha e non podes parar de lelo e “A loba” pola intriga ata descubrir como remataba a historia.

O meu personaxe favorito foi a loba, porque me encanta que nunha manda de animais onde os machos soen ser os líderes, mande unha femia e o faga tan ben.

Non lle faría ningún cambio porque me parece un libro moi especial e tamén o seu propósito de transmitilo a todo o mundo, dito por Xabier P. Docampo.

Se vos gustan as historias de medo convídovos a lelo a todos e a todas.

Sara Gómez García (3º ESO A)

O libro en xeral gustoume bastante, xa que ten toques de suspense, misterio e terror, os cales son os meus xéneros favoritos á hora de ter que ler un libro.

Consta de catro historias, as cales non teñen nada que ver unha coa outra, isto paréceme algo moi enxeñoso deste libro, porque se non che gusta unha historia podes ler outra que che poida acabar gustando.

A miña historia favorita foi a de “O espello do viaxeiro”, porque ten un concepto de perderse no monte que na maioría de libros de terror ambienta moi ben a historia, tamén me gustou porque ten un final bastante inesperado e intrigante. Polo contrario, a historia que menos me gustou foi “O cumpremortes”, porque ao ser a última historia do libro pensei que ía ser máis entretida, polo tanto decepcionoume bastante.

Polo xeral o libro gustoume bastante, sen contar a última historia, e recomendaríallo bastante á xente que lle gustan esta tipo de historias e que non teña tempo de ler outras historias máis longas.

Laura Sánchez Liste (3º ESO B)

No libro cóntanse varias historias. A primeira, “O Espello Do Viaxeiro”, trata dun señor que tivo un problema con outro señor, xa que pelexaron. Hai dous personaxes. Non me gustou ningún dos dous, xa que tiveron problemas co alcohol.

O seguinte relato titúlase “A Loba” e trata dunha loba que baixa a unha aldea e rouba o fillo dun home que enganara a unha muller, esa muller posteriormente suicidaríase, máis tarde a loba e o neno morren queimados. Nesta historia o personaxe da loba e do home non me gustaron. Os personaxes que me gustaron foron os cazadores, que defenderon a súa aldea doutros lobos que baixaran a atacala.

A terceira historia titúlase “O Fornadas”. Esta historia trata dunha malleira que lle pegaran tres rapaces a unha vella ata matala, o motivo desta malleira foi que a vella andaba a molestar a todo o mundo. O personaxe da vella non me gustou xa que molestaba a todo o mundo, pero tampouco me gustaron os personaxes dos rapaces agresores xa que non poden tomar a xustiza pola súa man.

O último relato titúlase “O Cumpremortes”. Trata dunhas cartas que lle enviaba unha señora a un home dicindo que ía morrer. O personaxe da señora non me gustou, pero o do home si, xa que fixo todo o posible por aferrarse á vida e conseguiuno, este foi o meu personaxe preferido de todo o libro.

Samuel Grela Seoane (3º ESO B)

A min este libro gustoume bastante, practicamente todos os relatos me gustaron. O que máis me gustou foi: “ A LOBA”. Persoalmente pareceume máis entretido. O meu personaxe preferido desa historia é o home, porque a pesar de que ao principio os abandona, cando o fillo o necesitaba foi por el.

O que menos me gustou foi o segundo: “O FORNADAS”, xa que non o entendín moi ben, pero a historia que conta é bastante entretida.

Os outros dous bastante: “O ESPELLO DO VIAXEIRO” e “O CUMPREMORTES”, que trata dun home que lle mandan unha carta co dia é a hora na que morre.

A historia do relato que máis me gustou foi a do “ESPELLO DO VIAXEIRO” pero certamente, “ O CUMPREMORTES” pareceume a historia máis entretida.

En xeral, todas as historias están moi ben e parecéronme orixinais, e cun final bastante axeitado. Recomendaría a súa lectura.

Nerea Sánchez Castro (4º ESO)

 

Ningún comentario: