Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



xoves, 7 de marzo de 2024

Balda de Libros (XXV): Polaroid, de Suso de Toro

 


Polaroid. Suso de Toro. Xerais

Polaroid é unha novela de Suso de Toro, a cal supuxo un gran cambio na maneira de escribir dos autores.

É un libro que non ten unha única historia que contarnos, cuns personaxes principais e un gran trasfondo detrás, se non que son simples relatos pequenos. Con Suso descubrimos que hai máis maneiras de narrar historias, que non sempre hai que caer na estrutura canónica dos libros, senón que se pode innovar, como fixo el, e ter grandes resultados.

Algúns poden dicir que é unha narrativa absurda, sen sentido, pero para min é unha novela que fala de costumes, algúns con algo de fantasía, pero a gran maioría fainos recordar momentos pasados e empatizar con algún personaxe, dunha maneira máis íntima xa que nos contan historias reais e cotiás, que nos poderían pasar a nós. Insisto en que non todos os relatos nos contan feitos cotiás, ao contrario este libro tamén ten capítulos moi fantasiosos.

Persoalmente si que recomendaría este libro, baixo a miña opinión é moi entretido e nalgún capítulo ata che fai rir. Ademais é moi fácil de ler o que nos axuda a desfrutalo máis.

Victoria Domínguez Marinho (4º ESO)

Este libro conta moitas historias por separado, e como non é o que estamos acostumados pareceume moi interesante, aínda que non é tan fácil de entender coma se contara unha historia soa, para a miña opinión.

De todas as historias hai algunhas que me pareceron moi doadas de entender e outras que non tanto, a maioría son bastante curtas, aínda que hai algunhas máis longas. Creo que todas che dan algo que aprender, sempre teñen unha reflexión final, as cales a min fixéronme pensar bastante, e iso é algo positivo, que dos libros tamén se poden aprender moitas cousas.

De todas as historias a miña favorita foi a do quiosco de Mauro, xa que me pareceu moi interesante, e moi fácil de ler e de entender.

Pero o meu personaxe favorito, foi o da última historia, que acontece nunha carnicería, e a min esa deume moito que pensar, xa que era unha inxustiza, o pobre home como era o empregado tivo que calar cando tiña toda a razón.

Recoméndovos moito este libro, estou segura de que á maioría vos vai gustar moito, ademais é moi sinxelo.

Zaira Antelo Iglesias (4º ESO)

Polaroid é un libro moi interesante, pero para min é algo complicado de entender, xa que en cada capítulo conta unha historia diferente, sen ter relación coas outras historias.

En xeral é moi fácil de ler, algún capítulo pode ser algo máis complicado, pero aínda así lese bastante ben. Ademais lese moi rápido, xa que son capítulos moi curtos e entreteñen moito.

Para min o momento máis importante do libro foi cando Nando lle rompeu os cristais do quiosco a Mauro, xa que me parece moi egoísta pola súa parte.

O meu personaxe favorito é Mauro, xa que para a miña opinión é moi bo home, e non se merece moitas cousas que lle fan.

E o personaxe que menos me gustou foi Nando e os seus amigos porque me parecen moi malos e sobre todo egoístas por facer cousas malas e non poñerse no lugar de Mauro.

Tampouco me gustou moito o pintor xa que soamente traballaba un día á semana e porque lle gustaba ese día, así que considero que é bastante vago e lacaceiro, polo que non é moi traballador.

Nuria Recouso Pena (4º ESO)

Este libro non me convenceu moito porque me pareceu que había bastantes capítulos con diferentes historias e ao final resultaba moi enleado, pero se tivera unha soa historia e non tantas gustaríame máis xa que había algúns capítulos que me resultaron moi entretidos coma por exemplo o do quiosco de Mauro que foi a historia que máis me gustou e máis interesante me pareceu.

Por iso unha das miñas personaxes favoritas tamén foi Mauro xa que me pareceu moi valente ao quedar asomando na súa tenda para descubrir quen eran os malfeitores que lle romperon as ventás.

E a personaxe que menos me gustou foi Concha porque opino que foi moi mala poñéndolle os cornos ao seu home en vez de intentar arranxar o problema e buscarlle unha solución, ou en vez desa alternativa podíao deixar e separarse del. Penso que foi unha personaxe que tampouco tivo empatía, xa que se a ela lle fixeran iso non lle faría ningunha risa.

Este libro aínda así pareceume moi sinxelo de ler.

Valeria Grela Bello (4º ESO)

Ningún comentario: