Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



xoves, 7 de marzo de 2024

Book tráiler (LV): Arnoia, Arnoia, de Xosé Luís Méndez Ferrín. Realizado por Diego Vásquez Fernández

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Arnoia, Arnoia, de Xosé Luís Méndez Ferrín (col. Fóra de Xogo. Xerais, 2007). Realización youtubeira: Diego Vásquez Fernández, 3º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

Book tráiler (LIV): Volverás, golfiño, de Andrea Maceiras. Realizado por Lucía Viqueira Vieites

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Volverás, golfiño, de Andrea Maceiras, con ilustracións de Víctor Rivas (col. Merlín. Xerais, 2014). Realización youtubeira: Lucía Viqueira Vieites, 1º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

Book tráiler (LIII): Palabras de Caramelo, de Gonzalo Moure.Realizado por Fernando García Regueiro

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Palabras de Caramelo, de Gonzalo Moure, con ilustracións de Fernando Martín Godoy. Tradución de Ignacio Chao. (col. Sopa de Libros. Xerais, 2003). Realización youtubeira: Fernando García Regueiro, 1º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

Balda de Libros (XXVI): A ira dos mansos, de Manuel Esteban

 

A ira dos mansos. Manuel Esteban. Xerais

Na miña opinión, este foi un dos mellores libros que lin na escola, xa que ten unha trama moi interesante e entretida. Fálanos de Carlos Manso, un inspector que debe levar a cabo unha serie de casos que colaborarán coa integración de persoas con discapacidades, neste caso, persoas con Síndrome de Down. O autor dálles moita visibilidade aparecendo en numerosas ocasións como personaxes importantes ao longo da novela. Ademais, enlaza toda a información de tal maneira que a nós, os lectores, nos resulte moito máis doado de entender e seguir a historia.

O personaxe que máis me gustou foi Carlos, porque ten un desenvolvemento e un cambio bastante notable durante a narración..

Se vos gustan os libros que traten sobre asasinatos, investigacións policiais ou procedementos xurídicos, non cabe dúbida de que o debedes ler, xa que non só é un bo libro, tamén é sinxelo de ler.

Uxía Mariño Parafita (4º ESO)

Balda de Libros (XXV): Polaroid, de Suso de Toro

 


Polaroid. Suso de Toro. Xerais

Polaroid é unha novela de Suso de Toro, a cal supuxo un gran cambio na maneira de escribir dos autores.

É un libro que non ten unha única historia que contarnos, cuns personaxes principais e un gran trasfondo detrás, se non que son simples relatos pequenos. Con Suso descubrimos que hai máis maneiras de narrar historias, que non sempre hai que caer na estrutura canónica dos libros, senón que se pode innovar, como fixo el, e ter grandes resultados.

Algúns poden dicir que é unha narrativa absurda, sen sentido, pero para min é unha novela que fala de costumes, algúns con algo de fantasía, pero a gran maioría fainos recordar momentos pasados e empatizar con algún personaxe, dunha maneira máis íntima xa que nos contan historias reais e cotiás, que nos poderían pasar a nós. Insisto en que non todos os relatos nos contan feitos cotiás, ao contrario este libro tamén ten capítulos moi fantasiosos.

Persoalmente si que recomendaría este libro, baixo a miña opinión é moi entretido e nalgún capítulo ata che fai rir. Ademais é moi fácil de ler o que nos axuda a desfrutalo máis.

Victoria Domínguez Marinho (4º ESO)

Este libro conta moitas historias por separado, e como non é o que estamos acostumados pareceume moi interesante, aínda que non é tan fácil de entender coma se contara unha historia soa, para a miña opinión.

De todas as historias hai algunhas que me pareceron moi doadas de entender e outras que non tanto, a maioría son bastante curtas, aínda que hai algunhas máis longas. Creo que todas che dan algo que aprender, sempre teñen unha reflexión final, as cales a min fixéronme pensar bastante, e iso é algo positivo, que dos libros tamén se poden aprender moitas cousas.

De todas as historias a miña favorita foi a do quiosco de Mauro, xa que me pareceu moi interesante, e moi fácil de ler e de entender.

Pero o meu personaxe favorito, foi o da última historia, que acontece nunha carnicería, e a min esa deume moito que pensar, xa que era unha inxustiza, o pobre home como era o empregado tivo que calar cando tiña toda a razón.

Recoméndovos moito este libro, estou segura de que á maioría vos vai gustar moito, ademais é moi sinxelo.

Zaira Antelo Iglesias (4º ESO)

Polaroid é un libro moi interesante, pero para min é algo complicado de entender, xa que en cada capítulo conta unha historia diferente, sen ter relación coas outras historias.

En xeral é moi fácil de ler, algún capítulo pode ser algo máis complicado, pero aínda así lese bastante ben. Ademais lese moi rápido, xa que son capítulos moi curtos e entreteñen moito.

Para min o momento máis importante do libro foi cando Nando lle rompeu os cristais do quiosco a Mauro, xa que me parece moi egoísta pola súa parte.

O meu personaxe favorito é Mauro, xa que para a miña opinión é moi bo home, e non se merece moitas cousas que lle fan.

E o personaxe que menos me gustou foi Nando e os seus amigos porque me parecen moi malos e sobre todo egoístas por facer cousas malas e non poñerse no lugar de Mauro.

Tampouco me gustou moito o pintor xa que soamente traballaba un día á semana e porque lle gustaba ese día, así que considero que é bastante vago e lacaceiro, polo que non é moi traballador.

Nuria Recouso Pena (4º ESO)

Este libro non me convenceu moito porque me pareceu que había bastantes capítulos con diferentes historias e ao final resultaba moi enleado, pero se tivera unha soa historia e non tantas gustaríame máis xa que había algúns capítulos que me resultaron moi entretidos coma por exemplo o do quiosco de Mauro que foi a historia que máis me gustou e máis interesante me pareceu.

Por iso unha das miñas personaxes favoritas tamén foi Mauro xa que me pareceu moi valente ao quedar asomando na súa tenda para descubrir quen eran os malfeitores que lle romperon as ventás.

E a personaxe que menos me gustou foi Concha porque opino que foi moi mala poñéndolle os cornos ao seu home en vez de intentar arranxar o problema e buscarlle unha solución, ou en vez desa alternativa podíao deixar e separarse del. Penso que foi unha personaxe que tampouco tivo empatía, xa que se a ela lle fixeran iso non lle faría ningunha risa.

Este libro aínda así pareceume moi sinxelo de ler.

Valeria Grela Bello (4º ESO)

Balda de Libros (XXIV): Cartas de amor, de Fran Alonso

 

Cartas de amor. Fran Alonso. Xerais

A min gustoume moito xa que cada capítulo é diferente e así non aburre tanto coma outros. Tampouco perdes nada se non les un, porque son cartas diferentes. Son o meu estilo de libros preferidos xa que son curtos, fáciles de ler e o vocabulario non é difícil. Aínda que o malo que lle vexo é que non te acordas de todo o que pasa en cada capítulo.

As cartas que máis me gustaron foron as de ”Confesión” e “Lonxe”. A primeira é porque trata un tema que hai xente que por calquera razón ten medo de como reaccionaran as outras persoas e este capítulo normalízao. E “Lonxe” porque Bárbara souBo aceptar a situación e a realidade de que era un amor non correspondido pola distancia que había entre eles e probablemente non se volverían ver.

A miña personaxe favorita é Monica, do capítulo “Confesión”, xa que me parece que ten moita valentía por confesarlle todo o que sentía a súa mellor amiga a pesar de que naquela época era moi mal visto. Tamén me parece moi comprensiva porque lle dá igual que ela non sinta o mesmo, só quere manter a súa amizade tal e como está, e que tampouco llo contou a ninguén máis xa que era un segredo moi importante para ela.

Ainhoa Leis Ríos (3º ESO)

Balda de Libros (XXIII): A man dos paíños, de Manuel Rivas

 

A man dos paíños. Manuel Rivas. Xerais

A historia que narra gustoume moito, xa que é un tema que me interesa. Aínda que lin varios libros que tamén trataban temas da amizade, a maneira de representala gustoume moito xa que é moi orixinal. Ao principio é un pouco difícil de entender, pero son só as dúas ou tres primeiras páxinas, despois entendese perfectamente. Aínda así gustoume moito e volvería lelo.

Ao principio non entendía porque o autor lle puxera ese título, pero segundo fun lendo entendino e paréceme bastante axeitado, eu non llo cambiaría.

A min gustáronme moito as historias de mariñeiros que hai no final, xa que falan dun tema interesante que xa moitos outros autores tocaran, pero Manuel Rivas faino dun xeito máis orixinal que te engancha e non podes esperar a saber o final.

A maioría dos personaxes desta historia non me chamaron moito a atención, porque eran secundarios e saían pouco... pero os protagonistas gustáronme moito, sobre todo o protagonista e Castro, que tiñan unha amizade moi bonita.

Se vos gusta ler e as historias de mariñeiros, anímovos a lelo.

Laura Noya Sánchez (4º ESO)

mércores, 6 de marzo de 2024

Balda de Libros (XXII): Adiós María, de Xohana Torres

Adiós María. Xohana Torres. Galaxia

Xohana Torres ofrécenos unha ollada do mundo dende os ollos de Maxa, a protagonista, que realmente chámase María. A novela ensínanos a maneira da que ve o mundo a rapaza. Maxa é unha rapaza, de trece anos, moi madura. Isto débese á súa situación familiar, na que seu pai perde o traballo é isto fai que se desenvolvan unha serie de sucesos que se contan ao longo da historia. Para min é sen dúbida a mellor personaxe da obra, sempre se preocupa polos demais e déixase de lado a si mesma para dedicarlle tempo á súa familia.

Seu avó, chamado Kaiser, tamén ten un gran peso no relato. É un home cunha personalidade forte e moi sabio.

Pola contra, a avoa é unha muller con ideoloxías anticuadas, ademais de ser pouco xusta, intenta en todo momento defender a seus netos ante todo. Sobre todo a Xermán, o irmán de Maxa, que ás veces compórtase de mala maneira e a avoa sempre intenta defendelo ante todo.

O tema do libro é a emigración, o cal xa estivo tratado en mans femininas no pasado, por Rosalía de Castro. Xohana ensínanos a ollada das familias que quedan, e non dos que emigran.

Vemos unha realidade moi dura dunha simple nena, o que nos fai empatizar aínda máis coa historia.

Recomendo moito esta novela, xa que me gustou moito e paréceme un relato moi íntimo.

Faiche darte conta da realidade que vivían antes.

Victoria Domínguez Marinho (4º ESO)

A miña opinión sobre este libro sería que me parece bastante complicado de ler, xa que ten un vocabulario complicado e non recomendo que o lean nenos de menos de 14 anos.

Por outra parte tamén opino que dunha vez que o entendes, a min resultoume moi interesante, e conta a realidade daquela época na que se conta a historia, e así tamén podemos valorar máis a sorte que temos agora coa vida que levamos a maioría comparado con antes.

A min gustoume moito a historia e paréceme moi interesante. Ademais para min nela hai un personaxe moi importante, que sería Maxa, unha nena que empeza a historia con 12 anos e como conta no libro para a súa idade é unha rapaza moi madura, e a todo o mundo lle sorprende que sexa tan madura, pero aprendeu tantas cousas pola vida que tivo que levar por motivos económicos, e con 12 anos que tiña ela sempre sacaba o lado positivo e loitaba polos seus soños, e axudáballe á súa familia en todo, tanto nas tarefas da casa, como con seu irmán que era un pouco rebelde a pesar de ter máis idade que ela.

Se vos está gustando a historia recoméndovos lela.

Zaira Antelo Iglesias (4º ESO)

martes, 5 de marzo de 2024

Book tráiler (LII): A banda sen futuro, de Marilar Aleixandre. Realizado por Lucía Rey Martínez

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela A banda sen futuro, de Marilar Aleixandre (col. Fóra de Xogo. Xerais, 2000). Realización youtubeira: Lucía Rey Martínez, 3º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

Book tráiler (LI): Camiño perigoso, de Ánxela Loureiro. Realizado por Lucía Rey Martínez

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Camiño perigoso, de Ánxela Loureiro (col. Fóra de Xogo. Xerais, 2021). Realización youtubeira: Lucía Rey Martínez, 3º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

luns, 4 de marzo de 2024

Book tráiler (L): A banda sen futuro, de Marilar Aleixandre. Realizado por Lidia González Rey

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela A banda sen futuro, de Marilar Aleixandre (col. Fóra de Xogo. Xerais, 2000). Realización youtubeira: Lidia González Rey, 3º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

 

Balda de Libros (XXI): Arnoia, Arnoia, de X. L. Méndez Ferrín

 

Arnoia, Arnoia. X. L. MéndezFerrín. Xerais

A min gustoume moito este libro porque relata as aventuras dun rapaz de dezaseis anos chamado Nmógadah, o cal case ao comezar a historia é acompañado por un castrón chamado Mestre Lionel, que seguiría ao seu lado case sempre. Algunha das aventuras que viviron foron:

1. O encontro cos Grou, que é o momento que máis me gustou.

2. A viaxe ás fragas da selva de Brocelianda na cal un ‘fillo dun deus antigo’ daríalle a Milmanda, unha espada coa que loitaría.

3. O encontro co xigante Hannak, que era un xigante sen pernas e que non podía abrir os ollos porque tiña un poder co cal ao abrir os ollos lanzaba fogo por eles.

Entre outras aventuras, as cales teñen o mesmo impacto ca estas porque son moi intrigantes.

O meu personaxe favorito é Nmógadah porque é un rapaz moi decidido e que sempre tira para adiante aínda que as cousas vaian na súa contra e tamén porque é fiel aos seus compañeiros e moi bo loitador.

Outro personaxe que me pareceu interesante foi Hannak Oberzen porque polo contexto da descrición que se lle dá parece un xigante impotente, pero cando se pon serio nótase que é un verdadeiro perigo para todo e todos.

Esta novela pareceume moi interesante polas aventuras das que se falan no libro.

En xeral é algo complexa de ler, tanto en vocabulario coma aprenderse os nomes dos personaxes, pero polo demais é un relato que o recomendaría sen ningunha dúbida.

Diego Vásquez Fernández (3º ESO)

Book tráiler (XLIX): Recinto gris, de Ledicia Costas. Realizado por Lara Piñeiro González

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela Recinto gris, de Ledicia Costas (col. Fóra de Xogo. Xerais, 2014). Realización youtubeira: Lara Piñeiro González, 3º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

xoves, 29 de febreiro de 2024

Book tráiler (XLVII): O grupo, de An Alfaya. Realizado por Carla Caramés Rivas

 

Unha nova entrega no noso recuncho de realización youtubeira, velaquí o Book tráiler da novela O grupo, de An Alfaya (col. Fóra de Xogo. Xerais, 2019). Realización youtubeira: Carla Caramés Rivas, 3º ESO, CPI Viaño Pequeno (Trazo)


 

Balda de Libros (XX): O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas

O corazón de Xúpiter. Ledicia Costas. Xerais

O corazón de Xúpiter é un libro escrito por Ledicia Costas, conta una historia moi interesante dende o meu punto de vista porque transmite uns valores moi importantes. Á parte diso, fala dun tema moi interesante, as redes sociais, os perfís falsos e da xente que se encontra detrás dunha pantalla.

O meu personaxe favorito é Isla, penso que é unha rapaza moi intelixente, que pensa no ben dos demais. Na novela descríbena como unha rapaza moi inocente, que pensa que todo o mundo é bo e que ninguén pode ser capaz de facer maldades adrede.

Outro dos personaxes que me atrapou foi Mar, xoga un papel crucial no desenvolvemento do relato.

Para min, os momentos máis importante do libro transcorren ao redor da amizade de dous dos personaxes, o especial do primeiro encontro así como o apoio que se transmiten mutuamente.

Eu recomendaríalle este libro a todos os adolescentes que pensan que nas redes sociais só hai xente boa e sen malas intencións, creo que apto para todas as idades. En resumo, creo que é un libro dez.

Cristina García Regueiro (3º ESO)