Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



domingo, 19 de decembro de 2021

Conta de Libros (XI): Os dous de sempre, de Castelao.

A min este libro paréceme moi interesante xa que nalgúns momentos, por non dicir a maior parte deles, podemos ver como era a vida antes. 

As personaxes deste libro están moi ben desenvoltas xa que son dúas caracterizacións moi diferentes entre elas e a vida das dúas personaxes principais é moi interesante. A miña personaxe favorita é Rañolas xa que a súa vida é un gran exemplo de esforzo que a maioría deberíamos seguir e tomar de exemplo. 

O momento do libro que máis me gustou é cando o Pedriño empeza a ter unha vida un pouco máis doada aínda que nalgúns aspectos non o merecía debido a que é moi deixado.

Gústame moito que o libro teña ilustracións feitas polo propio Castelao e grazas a elas a narración mellora bastante e é máis doado de ler e entender. 

Non lle faría moitos cambios a esta novela clásica pero si que eliminaría a morte de Rañolas por un final un pouco máis feliz, xa que é unha personaxe á que ao longo do libro lle collín moito aprecio. 

Este libro recomendaríao a persoas da miña idade para que teñan unha lectura amena cunha novela clásica debido a que a xente dos meus anos non está afeita a ler novelas de épocas máis antigas.   

Ana Señarís Veiras (4º ESO) 

Para min o momento máis importante do libro é cando Pedriño casa, xa que se separatotalmente da tía Ádega e a súa vida cambia por completo en todos os sentidos. 

O libro pareceume interesante porque reflicte a vida destes dous personaxes, Rañolas e Pedriño, naquela época que era tan diferente á actualidade. 

No desenvolvemento, se tivese que cambiar algo, falaría algo máis de Rañolas porque de Pedriño xa se fala bastante. Con respecto ao desenlace deste libro, o final sorprendeume moito xa que para nada o esperaba nunha historia coma esta. 

O meu personaxe favorito é Rañolas, porque a pesar de todas as dificultades que se lle presentaron na súa vida sempre intentou seguir para diante. O personaxe que menos me gustou foi Filomena, a sogra de Pedriño, porque o trata con moito desprezo e indiferenza. 

A lingua resultoume fácil de entender aínda que hai moitos arcaísmos e hipergaleguismos no texto. O libro gustoume e recomendo lelo.

Lucía González Castro (4º ESO)


A min este libro gustoume moito, nunca antes tivera oportunidade de ler unha obra dun autor tan coñecido como Castelao, neste caso Os dous de sempre é un libro que che explica moi ben a vida de dous rapaces, concretamente Pedriño e Rañolas. 

Os dous son moi distintos, xa que Pedriño é un rapaz ben feitiño e aínda que non é de clase social alta non ten problemas económicos. Pola contra Rañolas é un rapaz eivado e por se fora pouco ten moitos problemas económicos. 

Respecto á linguaxe, non é complicado de entender, si que é verdade que ao ser un libro un pouco máis antigo hai palabras que eu non utilizaría hoxe en día, o bo é que moitas delas pódelas comprender polo contexto.

En xeral gustoume moito e lino bastante rápido porque ao final acábate enganchando xa que queres saber como remata a historia de Pedriño e Rañolas, penso que é un libro que debería ler todo o mundo.

Sonia Muíño Riomayor (4º ESO)

Ningún comentario: