Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



martes, 4 de xuño de 2024

Balda de Libros (XXXVI): Atranco no banco, de Manuel Núñez Singala

 

Atranco no banco. Manuel Núñez Singala. Galaxia

O personaxe que máis me gusta é Lois. Ademais da súa capacidade de improvisación en situacións complicadas, as súas bromas e chistes proporcionan un ton agradable e desenfadado á narración.

O meu personaxe que menos me gusta é probablemente o director do banco, que moitas veces parece encarnar o estereotipo do banqueiro cobizoso e egoísta, sen mostrar moito desenvolvemento máis aló diso.

Os momentos que me parecen máis interesantes son:

- Tanto o proceso de preparación como a realización do roubo son momentos fascinantes, cheos de tensión e comedia. As estratexias e plans manteñen o lector en suspenso.

- Ademais, resulta especialmente significativo cando se revelan os motivos reais do roubo e como afectan aos personaxes implicados, proporcionando así unha maior complexidade emocional á historia.

Se tivese que facer algún cambio, quizais investiría máis tempo en desenvolver algúns personaxes secundarios. É doado entender o vocabulario do libro. A escrita caracterízase por ser clara e directa, cun ton coloquial que facilita a comprensión na historia.

Ainoha González Iglesias (4º ESO)

Este libro é un libro moi entretido, xa que é unha obra de acción e de roubos, pero implicando tamén un toque cómico o cal fai que a lectura sexa máis entretida aínda. Na trama aparecen varias escenas nas que os protagonistas teñen perigo de ser descubertos, o que ao momento de ler o libro xera un suspense por saber cando serán descubertos, aínda que, ao suceder iso varias veces na obra, pode chegar a facerse monótono de ler ao repetirse o mesmo.

O meu personaxe favorito é Lois, xa que é un personaxe que interrompe moito no labor do atraco, e non fai ningún dos traballos que lle mandan facer ben, fainos ao revés de como lle indican, estorbando para facer rabialos, e polos seus chistes e actuación cómicas que lle dan o toque humorístico.

Para min o momento favorito do libro foi cando están intentando roubar o banco e senten os ruídos da policía dende fóra, xa que mete aos protagonistas nunha situación de perigo, e teñen que apurar a roubar os cartos.

Aarón Gómez Álvarez (4º ESO)

Ola, eu son Nerea Sánchez Castro e hoxe vou vos dar a miña opinión completamente sincera do libro Atranco no banco. A min persoalmente encantoume esta obra de teatro porque tiña unha historia moi entretida, porque ao longo do que vas lendo dáste conta de que son catro persoas para atracar un mesmo banco e con ideas diferentes, e iso é o que o fai un libro entretido.

Unha das cousas boas que ten esta obra é que ten un vocabulario moi axeitado para a nosa idade e iso é o que fai que sexa un libro moi fácil de ler.

O meu momento favorito da historia é o final porque non sabes se os van encarcerar ou non por estar facendo o roubo no banco.

E o meu personaxe favorito de toda a historia é Olga que é a alcaldesa, a muller do director do banco (un dos que estaban roubando) e irmá de Lois (outro dos que estaban roubando), é o meu personaxe favorito porque a pesar de que seu home lle dixera que non levara a policía ao banco ela levounos igual porque ela sabía que estaba pasando algo raro.

Nerea Sánchez Castro (4º ESO)

Ningún comentario: