Contacta connosco no mail bibliotecatrazo@yahoo.es



martes, 4 de xuño de 2024

Balda de Libros (XXXV): Rastros, de Roberto Vidal Bolaño

 


Rastros. Roberto Vidal Bolaño. Positivas

Rastros é unha obra de Roberto Vidal Bolaño que nos ensina os rastros que deixa Esther, na vida de tres dos seus grandes amigos. Esther intenta acabar coa súa vida, nun intento de suicidio e mentres os tres homes esperan unha resposta no hospital estes mesmos reflexionan en conxunto sobre todos os recordos que comparten con ela. Danse de conta de que co tempo todas estas lembranzas adquiren máis valor sentimental, e que ata os pequenos detalles son dignos de recordar, xa que finalmente o único que queda de nós despois da vida é o recordo de todas as vivencias que compartimos coas persoas da nosa contorna.

E por iso considero que o título da obra está moi ben escollido, xa que recolle de forma precisa o que esta intenta transmitir. O rastro dunha persoa é o único que queda cando esta xa non está. Pero cal é o rastro que un deixa? Podemos decidilo? Ou vese influenciado polas normas impostas dunha

sociedade? Con estas preguntas, reflexiono e chego á conclusión da importancia da liberdade, neste libro coma na vida real. A liberdade das túas propias decisións. A liberdade de vivir como nós realmente queremos. A liberdade de existir baixo os nosos ideais. Tantas liberdades que deberíamos ter e que non se acaban cumprindo. A túa “propia” vida vese influenciada polas decisións e opinións dos demais, polas circunstancias que vives e pola sociedade en xeral. E esta, acaba sendo menos propia do que pensabamos.

Todas estas razóns, sen darte de conta, acaban facendo que vivas da maneira que che impoñen e non da que desexas. E así deixando un rastro xa decidido por externos e non completamente noso. Este libro reflicte moi ben todas estas reflexións, amosándonos unha protagonista cunha personalidade moi forte, con moitos soños e metas e sobre todo con ganas de ser libre. Todos estes desexos vense opacados pola sociedade que finalmente impulsate a tomar duras decisións, como a que tomou a nosa protagonista Esther.

Como conclusión gustaríame, ademais de recomendar moito esta gran obra, que se a les, mires máis alá do que parece unha simple conversa entre tres homes sobre unha muller, senón que reflexiones e que busques o teu propio enfoque sobre a trama da obra. Finalizo dicindo que ao meu parecer é simplemente excelente.

Victoria Domínguez Marinho (4º ESO)

Ningún comentario: